Conafe organiza unha nova edición da súa Escola de Preparadores

O curso celébrase a próxima semana en Colunga (Asturias) e nel abordarán prácticas de manexo, alimentación, xenética, xenómica ou valoración de animais, entre outros temas. A formación concluirá cun concurso de manexadores entre o alumnado

Conafe organiza unha nova edición da súa Escola de Preparadores

Manexadores nun concurso de raza frisoa. // Arquivo.

A Confederación Nacional de Frisoa Española (Conafe) organiza unha nova edición da súa Escola de Preparadores, dirixida a futuros profesionais do sector gandeiro de vacún de leite. O curso comezará o vindeiro luns, día 1 de xullo, e prolongarase ata o venres 5.

A formación desenvólvese no instituto de Luces, situado na localidade de Colunga (Asturias). O curso ten xa confirmados a 22 alumnos de entre 12 e 25 anos, idades para as que está pensada a formación.

Durante os cinco días que dura o programa, os participantes da Escola de Preparadores recibirán formación e realizarán prácticas sobre temáticas como o amarre de animais, encamado, alimentación, lavado, doma e paseo, muxido, pelado, podoloxía ou benestar das vacas.

Tamén abordarán o manexo e avaliación dos animais na pista de competición, xenética, xenómica, así como o programa de axustes CONAFEMAT e a morfoloxía da vaca frisoa, entre outros temas.

Santiago Mato exercerá de director da Escola e Juan Manuel Fernández e Anxo Amandi encargaranse da coordinación do curso. Tamén participarán como profesores das distintas disciplinas Bonet Cid, Jaume Serrabassa e Adrián Entrecanales.

A formación concluirá coa celebración do Concurso de Manexadores e Preparadores da raza frisoa no que participará o alumnado desta edición. En concreto, o certame desenvolverase durante a mañá do venres 5 de xullo, en horario de 10:30 a 13:30 horas.

A Escola, que alcanza neste 2019 a súa 14ª edición, formou a máis de 200 alumnos ao longo destes anos. Nesta ocasión, a organización contou coa colaboración da Asociación Asturiana de Control Leiteiro da Raza Frisoa (Ascolaf), o IES de Luces, así como o patrocinio do Servizo de Podoloxía Pura, de Asturiana de Servizos Agropecuarios (ASA) e da Fundación Caixa Rural de Asturias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información