Como ven os mozos gandeiros a situación do sector lácteo?

Campo Galego entrevista a catro mozos gandeiros que se incorporaron ou teñen previsto facelo a unha explotación de vacún de leite. Estas son as súas respostas sobre o que os motiva e sobre como ven o futuro do sector.

O pasado sábado máis dun cento de mozos e mozas de toda Galicia déronse cita en Silleda no II Encontro da Mocidade Gandeira, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Aproveitando o evento, Campo Galego entrevistou a tres mozos e a unha moza para que dean a súa visión sobre o sector lácteo e sobre as súas motivacións para incorporarse á gandería.

Diego García Arias,

Diego García Arias,

Diego García Arias, 24 anos, de Santa Comba (A Coruña). A súa explotación familiar ten unhas 70 vacas en muxido e unhas 150 cabezas de gando en total. É enxeñeiro agrícola e ten previsto incorporarse á explotación unha vez rematados os estudos.

Que te atrae da gandería?
Vexo que hoxe en día unha explotación láctea é unha empresa que debería ter futuro. Ten de atractivo que é un traballo moi completo, no que tes que saber de moitas cousas. Ademais, no traballo de gandeiro tes moitas alternativas e, no meu caso, xa temos a explotación montada e non sería como empezar de cero.

Como ves a situación actual do sector e por onde cres que pode vir a saída á actual crise?
A situación actual é bastante inestable porque nos atopamos cunha tesitura que non agardábamos: uns prezos bastante baixos que nos obrigan a reducir custos o máximo posible e a buscar alternativas, mesmo no modo de produción.

Logo hai certos factores que se escapan do noso control como son os prezos do leite ou das materias primas. No que si podemos incidir é en aumentar a superficie das explotacións para producir nós a maior parte dos alimentos, facer forraxes de maior calidade e recortar os gastos.

Temos que mellorar as explotacións porque esa mellora nótase moito nos custos de sanidade animal. De feito, vimos de ampliar a explotación familiar e notámolo moito porque as vacas están máis cómodas, hai menos problemas de coxeiras e aumenta a produción.

“Non é comprensible que lle esixan a un mozo aportar o 50% do capital canto te incorporas”

Na Administración fálase moito da importancia do relevo xeracional na agricultura e na gandería. Que lle pedirías?
Falan de relevo xeracional pero tampouco é que poñan moitas facilidades. Xa partimos de que o sector está con prezos inestables e con incerteza de cara o futuro, pero os sistemas de incorporación tamén fallan. En Nova Zelanda ou noutros países un rapaz que queira comezar achega un certo capital e o resto do capital vaino incorporando con traballo. Aquí cando te incorporas o primeiro que che esixen é aportar o 50% do capital e iso é unha barbaridade porque un mozo coma min que acaba de estudar non pode achegar esa cantidade de capital, sobre todo nunha empresa que ten moitísimo inmobilizado. Deberían dar máis facilidade para incorporarse.

E logo mirar algo máis polos gandeiros para que os mozos atopen atractivo quedar a vivir no rural. Porque non é todo facer un anuncio de televisión e logo atoparte cun mundo no que é difícil entrar nel.

 

Águeda Capón

Águeda Capón

Águeda Capón, 22 anos, vicepresidenta do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. A súa gandería familiar, Capón Holstein, está en Chantada (Lugo). Nela traballan actualmente os seus pais. Está cursando o seu último ano na Facultade de Veterinaria de Lugo. O seu obxectivo, unha vez rematados os estudos, é saír ao estranxeiro para no futuro incorporarse á explotación familiar.

Que te anima a querer incorporarte á gandería?
Que as vacas son a miña vida, non son un traballo, son unha forma de vida. Ese amor polo gando é o que me transmitiron os meus pais e a día de hoxe podo dicir que as vacas son a miña felicidade. Eu son feliz indo a muxir despois de espertarme, darlles de comer…e por iso quero incorporarme.

Como ves a situación do sector e cara onde ves que vai o futuro?
A situación está moi mal porque as forzas políticas non nos apoian e mesmo os propios gandeiros non somos conscientes do poder que temos nas nosas mans. Os propios gandeiros non lle damos o valor que teñen as vacas e o campo.

Creo que o futuro vai pasar por xente que teña moitas ganas de traballar nisto, xente moi formada e que queira facer as cousas ben. Penso que o maior erro que hai no sector é pretender sacar cartos de calquera maneira. E penso que o que debemos é analizar ben a explotación a partir de datos, ver o rendemento de todo, e intentar facer as cousas ben para obter un beneficio a longo prazo.

 “Fai falta motivar á mocidade porque só se che gusta a gandería farás as cousas ben na explotación”

Que cres que habería que cambiar para mellorar as incorporacións á agricultura e á gandería?
Penso que o maior fracaso das incorporacións é que se incorpora xente que, como non ten outra formación e os pais teñen unha granxa, é a saída máis fácil. Pero a gandería tenche que gustar porque desa forma vas facer as cousas ben e a explotación vai ir para adiante. Se te incorporas pola subvención e porque xa tes a explotación pero non che gusta a gandería, o día de mañá vas estar descontento e non vas facer ben o teu traballo.

Por iso creo que falta motivar á xente, que se vexa que as vacas e os gandeiros son necesarios para a sociedade. E que iso leve a que a xente se incorpore porque de verdade lle gusta.

 

José Manuel Sánchez Vigo

José Manuel Sánchez Vigo

José Manuel Sánchez Vigo, 25 anos, de Boimorto (A Coruña). A súa explotación familiar conta con 190 animais, das que 90 son en muxido. É enxeñeiro agrícola de formación.

Por que decidiches adicarte á gandería?
Gústanme as vacas. Penso que é unha forma de vivir cómoda na que podo gañar a vida como fixeron os meus pais e seguir avanzando no sector.

Como ves a situación do sector?
A situación é difícil e, de non ser pola ilusión que poñen os meus pais en seguir coa explotación, probablemente non seguiría. Mándanche reducir producións, ameázante con non recollerche o leite; é dicir, non che deixan avanzar, cando hai xente nova que o que quere é mellorar as explotacións.

Que ves que poden facer os gandeiros para saír desta situación?
Non entendemos que nos manden reducir a produción, cando está entrando leite doutros países e hai xente que está pasando fame no mundo. Comprendo que se controle a produción, pero polo menos que nos recollan as industrias o mesmo leite do ano pasado, non que nos estean obrigando a recortar produción. A nós estannos collendo o 80% da produción do ano pasado. Os gandeiros temos que adaptarnos pero a situación é difícil.

En canto aos gandeiros, temos que seguir mellorando en xenética, alimentación, manexo…etc. Pero niso tamén incide que nos paguen mellor o leite.

“A xente nova queremos mellorar as explotacións, pero non nos deixan avanzar”

Que pensas que pode mellorar a Administración en relación aos mozos que vos incorporades?
O que vexo é que te animan a incorporarte á gandería e che dan unha axuda económica pero logo recibes paus de todos lados. Creo tamén que á hora de incorporarse deberíanse esixir uns estudos mínimos e unha formación en agricultura e gandería e non só incorporarte porque os teus pais teñan vacas e che dean a axuda.

 

José Alberto Iglesia Vila

José Alberto Iglesia Vila

José Alberto Iglesia Vila, socio da SAT Rei de Miñotelo (A Pastoriza-Lugo), unha gandería de carácter familiar. Aos seus 24 anos xa está incorporado á explotación.

Que te motivou para ser gandeiro?
Tiven moi claro dende pequeno que quería ser gandeiro. Sempre me gustaron moito os animais e, a parte de vacas con dotes produtivas, tamén animais de concursos de morfoloxía. De feito, procuro ir a todos os concursos de raza Frisona de España.

Cando rematei a ESO fixen un ciclo medio en Castro de Ribeiras de Lea e son técnico en Explotacións Agrarias Extensivas.

 “Paréceme básico reducir custos e ter as vacas para as que teñas forraxes producidas na explotación”

Como ves a actual situación paras as explotacións lácteas galegas?
Agora mesmo moi difícil e se segue así converterase en insostible.

Que podedes facer como gandeiros e que lles pides á industria e á administración?
A industria tería que fixar un prezo mínimo do leite moito máis alto do que temos agora mesmo. Por outra parte, paréceme básico reducir custos e ter as vacas para as que teñas forraxes producidas na explotación e depender moi pouco da comida que veña de fóra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información