¿Como traballan en Suecia para reducir o uso de antibióticos en vacún de leite?

A estratexia sueca para minimizar o emprego de antibióticos baséase en conseguir vacas sas que non precisan estes tratamentos. Para iso procuran protexer a saúde dos animais e actuar de forma eficaz contra as enfermidades. Coñecemos algunhas das claves do modelo sueco

¿Como traballan en Suecia para reducir o uso de antibióticos en vacún de leite?

O sector de vacún de leite en Suecia presta especial atención á máxima de que “as vacas sás non precisan de antibióticos” e baixo esta premisa artellan unha serie de procedementos para reducir de xeito notable o emprego de antibióticos á hora de tratar os seus animais.

A clave está na prevención, minimizando os factores de risco, pero tamén en tratamentos eficaces e axeitados. Coñecemos de man da veterinaria Ylva Persson, do Departamento de Saúde Animal e Estratexias Antimicrobianas do Instituto Nacional de Veterinaria de Suecia, algunhas das claves do modelo sueco para conseguir reducir o emprego de antibióticos.

O sector gandeiro de vacún de leite en Suecia

En Suecia, o benestar animal é primordial. Nun país que contabiliza algo máis de 319.000 vacas de leite, boa parte delas de raza Sueca Holstein (54%) e Sueca Roxa e Branca (38%), a maioría destas vacas (o 70%) están en explotacións nas que as vacas saen algún tempo ao pasto. As ganderías están integradas por unha media de 92 vacas e preto do 40% destas vacas son muxidas por robots.

Suecia foi o primeiro país en prohibir os antibióticos promotores do crecemento

O modelo sueco procura o control ou a erradicación de boa parte das enfermidades infecciosas que poden afectar ó gando para así conseguir vacas máis sas. Á par de controlar as afeccións, tamén tentan facer un uso responsable dos antibióticos. Así, Suecia foi o primeiro país do mundo en prohibir os antibióticos promotores do crecemento e levan dende os anos 80 promovendo os tratamentos individuais para conseguir unha maior eficacia e non tratar en saba con antibióticos a animais sans.

Evolución da aplicación de tratamentos antibióticos en gando vacún en Suecia:  

Uso-de-antibioticos-en-Suecia-

Fonte:  Ylva Persson

Claves da estratexia sueca para reducir o uso de antibióticos: 

A meta de Suecia, ó igual ca outros países, é conseguir que os antibióticos sigan sendo eficaces para as afeccións bacteriolóxicas tanto en humanos como en animais, e de aí que busquen facer un uso racional destes medicamentos. Para conseguir reducir o uso de antibióticos deseñaron unha estratexia que atende a distintos aspectos do sector. “Non abonda con facer unha soa cousa para reducir o uso dos antibióticos é preciso atender a varios factores ó mesmo tempo”, explica Persson.

-Eliminaron o uso innecesario de promotores do crecemento e incorporaron rutinas que axudan a protexer os seus animais de enfermidades.

Optan por agardar ó período de secado para tratar con antibióticos as vacas con mamite crónicas ou subclínicas

En Suecia optan, ó igual ca noutros países nórdicos, por facer certos tratamentos con antibióticos no período de secado. Así, as vacas con mamite crónica ou subclínica trátanse durante esa etapa e ata ese momento, de ser preciso, só se aplican terapias de apoio como antiinflamatorios. Esta técnica de agardar ó secado é coñecida como Blanket Radical Therapy e nalgúns países optase por tratar tódalas vacas durante este período.

Porén, en Suecia, só tratan aquelas vacas que realmente están afectadas, seleccionando tratamentos individualizados para que os animais que están sans non reciban antibióticos. Tampouco tratan as vacas que amosan unha cronificación da mastite posto que teñen unha moi baixa probabilidade de curar.

Como explica a veterinaria, en Suecia teñen unha moi baixa incidencia de mamite clínica, por debaixo do 10%, e na maioría dos casos, o 90%, son tratados con antibióticos de amplo espectro. O Reconto de Células Somática (RCS) medio sitúase nas 209.000 células/mililitro.

Minimizan a necesidade de antibióticos contando con vacas sas.
Tal e como explica Ylva Persson, as vacas suecas están realmente saudables. Conseguiron que as súas reses estean libres de enfermidades como a diarrea vírica bovina (BVDV), a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR), a paratuberculose, a brucelose, a clamidiose, a tuberculose, a leptospirose ou a leucose e teñen unha taxa baixa de prevalencia da salmonela.

Conseguiron que as súas vacas estén libres de boa parte das enfermidades comúns e contaxiosas

Ademais, teñen unha boa fertilidade e baixa incidencia de mamite clínica así como de mortaldade dos becerros, que se sitúa no 4% para os xatos de menos de 60 días e no 2% para os de máis idade.

Persson asegura que contar con animais sans permítelles reducir o uso de antibióticos pero tamén proporcionarlle un mellor benestar ós animais que se traduce en máis facilidades para os gandeiros, posto que as vacas enfermas sempre supoñen redobrar esforzos na explotación. Ademais, a veterinaria destaca beneficios claros ó producir máis leite e de mellor calidade que fan máis rendible a explotación.

-Evitan tanto a propagación como a cronificación das enfermidades, incrementando a bioseguridade, controlando as infeccións e cunha maior hixiene nas comidas.

Optimización do uso dos antibióticos cando se precisan, cun bo diagnóstico e unha selección e doses correctas. Reducir o uso dos antibióticos non implica deixar de empregalos.

Monotorizan o uso dos antibióticos e a súa resistencia.
O uso prudente dos antibióticos, xunto cunha boa bioseguridade, permite que en Suecia conten cunha situación favorable en canto á resistencia ós antibióticos se refire. A resistencia á penicilina está tamén a descender e hoxe en día sitúase por debaixo do 2% para afeccións como as mastites clínicas. “Iso significa que podemos seguir empregando a penicilina de amplo espectro para tratar boa parte das enfermidades das vacas leiteiras”, comenta a veterinaria.

-Fomentan a colaboración e comunicación entre o goberno e o sector para actuar de xeito conxunto. Os esforzos por erradicar e previr as enfermidades infecciosas nos animais de explotacións implica unha cooperación entre o goberno, a industria, os gandeiros e outras partes interesadas.

Unha das medidas que toman céntrase en facer un seguimento e avaliación da resistencia das enfermidades ós tratamentos e levar a cabo accións antes de que se volva unha problemática.

Como traballan para mellorar a saúde das súas vacas?

Os esforzos de Suecia para contar con vacas máis saudable compleméntanse con distintas ferramentas e procedementos cos que buscan previr as enfermidades para o que é moi importante tanto identificar as enfermidades como os factores de risco, para lograr unha maior protección.

Programas de seguimento

Neste senso, os gandeiros dispoñen de varios programas para visualizar non só a saúde das vacas da súa explotación de forma individual, senón tamén do rabaño, en aspectos como a incidencia da mamite. Son ferramentas que permiten unha avaliación da saúde e un seguimento das enfermidades, que nalgúns casos, tamén lles permiten calcular os seus custos para a explotación.

Á marxe de controlar as patoloxías, tamén dispoñen de programas específicos cos que visualizar e ir mellorando a bioseguridade na explotación.

A estratexia da dieta 5:2

A veterinaria Ylva Person bota man dunha estratexia de adelgazamento coñecida como a dieta 5:2, baseada en comer o que se queira durante 5 días e reducir a inxesta durante 2 xornadas, para trasladala ó coidado das vacas e conseguir mellorar os recontos de células somáticas. Deste xeito, con 5 rutinas evítase a propagación por bacterias contaxiosas e con outras dúas redúcese a incidencia de patóxenos ambientais como E. Coli. Estas cinco rutinas céntranse en:

-Optimizar as rutinas de muxido
-Empregar seladores
-Recorrer á terapia de secado selectivo, tratando só as vacas que presenten mamites
-Optar por tratamentos durante a lactación para as reses que o requiran
-Eliminar as vacas con infeccións crónicas

Xunto con estas, Persson presenta outras dúas rutinas a ter en conta:
-Boa hixiene
-Fortalecer o sistema inmunitario das vacas

Guías para o uso de antibióticos

Os gandeiros suecos contan tamén con guías elaboradas polo goberno e pola Asociación de Veterinarios de Suecia sobre o uso de antibióticos. Nestes documentos contemplase xa unha redución destes medicamentos con tratamentos alternativos que contan co aval de profesionais e que resultan efectivos para determinadas doenzas, para relegar o tratamento con antibióticos. Así, a primeira opción na maioría de casos é o uso da penicilina, por exemplo, para o tratamento de boa parte das mamites, logo de coñecer cales son os patóxenos que as causan e se para estes é acertado este tratamento.

Estas guías recollen tamén tratamentos para problemas de cascos, onde no canto de empregar antibióticos usan vendaxes locais con ácido salicílico.

Así, nos desordes reprodutivos só tratan as metrites clínicas serias con antibióticos, xa que a maioría destas afeccións abórdanas con tratamentos a base de penicilina intramuscular durante 5 ou 7 días. O mesmo acontece coas pneumonías nos xatos, onde a primeira opción é tratar con penicilina, ou en boa parte dos casos de diarreas nos becerros. A penicilina é o tratamento para o 90% das afeccións do gando vacún en Suecia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información