Como se debe fixar o prezo do leite no campo?

A tendencia á baixa das cotizacións no agro xera descontento arredor das fórmulas que empregan as industrias lácteas nos seus contratos coas ganderías. O sector empraza ó Ministerio a regular esas fórmulas e a garantir prezos sostibles no agro

Como se debe fixar o prezo do leite no campo?

A progresiva baixada do prezo do leite este ano, -1,8 céntimos por Kg. en Galicia, está a xerar descontento no sector agrario, no que se apunta á necesidade de mellorar as regras de xogo. A reforma do Paquete Lácteo, que se acometerá en España este outono, abre as portas a regular as fórmulas que empregan as industrias lácteas na suscripción de contratos cos gandeiros, se ben en principio o Ministerio de Agricultura está a deixar de lado esa opción.

Os contratos das industrias coas granxas fixan o prezo en base a tres posibilidades: prezo fixo, prezo variable e fórmula mixta (parte a prezo fixo e parte a variable). Cada industria decide a alternativa pola que se decanta, pero calquera das posibilidades adoita xerar descontento no sector. Os contratos acostuman ademais asinarse ás portas da primavera, cando os prezos son máis baixos pola maior produción.

Lactalis e a reforma do Paquete Lácteo
Unha das fórmulas que suscitou polémica nos últimos anos é a empregada por Lactalis, a principal industria que opera en Galicia. Lactalis mantén contratos a prezo variable que evolucionan en función da marcha do prezo do leite en Galicia, segundo as estatísticas que recolle o Ministerio a mes vencido.

O problema, desde a perspectiva das organizacións agrarias, é que Lactalis move unha quinta parte do leite galego, polo que referencia os contratos a un índice, o do prezo medio en Galicia, que ela mesmo contribúe a fixar. O efecto aumenta polos contratos feitos a prezo fixo e ao haber máis industrias que usan parcialmente referencias ó prezo ministerial. “Este sistema pode convertirse nun xeito de bloquear subas no prezo ou de que sexan menores. Créase un círculo do que é difícil saír”, cuestiona Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa.

O penúltimo borrador da reforma do Paquete Lácteo en España prohibía ese tipo de contratos, pero no actual borrador, ao que se poden presentar aportacións ata setembro, desaparece tal regulación. O proxecto de decreto só sinala agora que “os parámetros os que sexa referenciado o prezo serán obxectivos, verificables (…) non manipulables e procedentes de fontes públicas e verificables polas partes”.

Perspectivas
Desde Unións Agrarias-Upa aspiran a que o decreto do Paquete Lácteo, que se espera para este outono, cambie o escenario. A cuestión fundamental para esta organización é que o decreto dote de capacidade real de negociación de prezo ás organizacións de produtores de leite, unha cuestión que ven preto.

O segundo punto, valoran, é consensuar fórmulas de contratos que teñan o consenso do sector. Unha das alternativas radica en que os contratos a prezo variable se referencien ós índices de prezos da Interprofesional Láctea, pactados entre todas as partes (industrias, cooperativas e organizacións agrarias), pero con escaso uso real no campo.

Prezos sostibles
A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, amósase tamén crítica co panorama de prezos e contratos que hai no agro. “É certo que en Europa hai maiores oscilacións de prezos á alza e á baixa que en Galicia, pero o que se estivo a ver ultimamente é que cando hai revalorizacións de prezo a nivel europeo aquí non se trasladan. A sensación que teño como gandeira e como representante nunha organización agraria é que as industrias teñen en Galicia un lugar no que abastecerse de leite a prezos máis baixos que no resto do Estado e da media da UE”, cuestiona.

“Temos un sentemento de abandono e de que se lle deixa facer á industria” -valora Vilalba-. “Estamos asinando contratos a prezos fixados pola industria, que non se senta a negociar. O Paquete Lácteo non funcionou en España e non temos esperanzas en que a súa reforma modifique a situación. A cuestión é acordar prezos sostibles e con marxes para o produtor, pero non hai vontade en traballar nesa liña”, conclúe.

Industrias e distribución

A ecuación de prezos do leite no campo complétase con outras dúas variables, os prezos de venda das industrias ás cadeas de supermercados e os prezos de venda ó público nos supermercados. A baixada de prezos do leite no supermercado, como a que se leva rexistrado nos últimos dous anos, presiona á baixa ós prezos no campo.

O mesmo sucede cos prezos á baixa cos que en ocasións compiten as industrias para facerse cos contratos das cadeas de distribución. O Ministerio de Agricultura chequea tanto os prezos nos supermercados coma os prezos de saída do leite en cada industria láctea, sen que nos últimos anos teña advertido ou comunicado irregularidades no comportamento de ningunha industria ou cadea.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información