Como sacarlle partido á xenómica nas ganderías de vacún

Resumo da ponencia de Daniel Martínez Bello, fundador de Embriomarket & Embriovet nos II Encontros da Mocidade Gandeira sobre como a xenómica pode contribuír a mellorar a rendibilidade das explotacións de vacún

Como sacarlle partido á xenómica nas ganderías de vacún

Daniel Martínez Bello

Daniel Martínez Bello é un gran coñecedor da evolución xenética da raza Holstein en Galicia e un recoñecido experto a nivel estatal en transferencia embrionaria, con máis de 14.000 transferencias realizadas.

Despois de dirixir a Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, fundou a súa propia compañía Embriovet & Embriomarket. O pasado 30 de xaneiro interveu nos II Encontros da Mocidade Gandeira, organizados polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, cun relatorio sobre “Xenómica práctica: Xustificación económica”.

Daniel Martínez Bello lembrou que “a xenómica o que cambia é que aumenta a fiabilidade dos acoplamentos ata o 70% e acorta notablemente os prazos para a mellora xenética da cabana gandeira dunha explotación”.

Neste sentido, para sacarlle o maior partido á xenómica a súa recomendación é xenotipar as xovencas da explotación para determinar o seu índice GICO e, a partir de aí, tomar a decisión de se deben deixar descendencia na explotación ou non. “Trátase dunha proba que nos pode custar 42 euros por animal, pero que se debe considerar un investimento para mellorar a xenética do noso rabaño”, subliña.

Que facer coas xovencas con menor GICO?

Para Daniel Martínez as explotacións gandeiras deberían seguir unha estratexia de cría para mellorar a xenética do seu rabaño, algo que se vai traducir tamén nunha mellora da rendibilidade económica.

Neste sentido, e partindo de que coñecemos o GICO de todos as xovencas da explotación, a estratexia, segundo o responsable de Embriomarket & Embriovet debe pasar polos seguintes pasos:

-Venda inmediata dos animais con xenética inferior, cun GICO de menos de 500 puntos, sen gastar en recrialas.

-Para as xovencas cun GICO de 500 a 1.500 a estratexia debe pasar por inseminalas con becerros de cruce industrial, para evitar que deixen descendencia no rabaño. Tamén se poden utilizar como receptoras de embrións das vacas ou xovencas con mellor xenética.

-O uso de seme sexado, recomendado por Daniel Martínez nas xovencas, debe optimizarse, utilizándoo só nas de mellor GICO, de entre 1.500 e 3.000 puntos.

-As vacas ou xovencas cun GICO de máis de 3.500 puntos deben utilizarse como doantes de embrións para mellorar a cabana gandeira.

EMBRIOVET_GICO_02

Como sacarlle partido á xenómica?

Para sacarlle partido á xenómica, Daniel Martínez recomendou seguir as seguintes indicacións:

-A proba xenómica debe realizarse exclusivamente a animais con capacidade de decisión importante: é dicir, becerras menores de 12 meses.

-Para que a estratexia de cría teña éxito e o uso de seme sexado resulte eficiente a taxa de fertilidade das xovencas non debe ser inferior ao 70%.

– Ter un plan e un programa establecidos e aplicalos rigorosamente.
– Estar disposto a renunciar a criterios tradicionais de cría
– Entender os índices xenómicos e crer neles
– Identificar un índice de selección prioritario (personalizado) + filtros
– Utilizar acoplamentos por software de CONAFEMAT para evitar haplotipos recesivos.

“A filosofía é analizar os xenomas de toda a recría da explotación, listala, ordenala de maior a menor GICO e facer un programa de cría para utilizar seme sexado na metade boa e a parte mala ou ben vendela ou utilizala para becerros de cruce industrial ou como receptoras de embrións”, explica Daniel Martínez.

Conclusións:

Para Daniel Martínez, as conclusións das técnicas da xenómica aplicada nas explotacións gandeiras son que:

-A xenómica non é un gasto, senón que é un investimento, xa que se trata dun activo -a mellora xenética da cabana gandeira- que permanece na explotación e que se transmite.

-A xenética non é pensar en máis leite por vaca, senón en mais marxe por litro de leite.

-A xenómica non é pensar nunha vaca “estrela” senón pensar no grupo, para ter un rabaño con máis fillas das vacas con mellor GICO e menos fillas das de peor xenética.

-A xenómica e as tecnoloxías de reprodución como a Transferencia Embrionaria, a Fecundación in Vitro ou o seme sexado, ofrecen unha sinerxia en precedentes que mellora a competitividade das explotacións e acurta os prazos para mellorar a xenética do rabaño.

Exemplo de gandería na que se aplica un programa de xenómica

Trátase dunha gandería tipo de 117 cabezas de gando, das que 20 son xovencas de menos dun ano. Nelas vaise realizar unha proba xenómica para coñecer o seu GICO, así como nas vacas paridas máis destacadas, que vai custar 42€/cabeza.

O resultados das proba xenómicas son que:

– Un 5% -7 animais- presenta o mellor GICO, por riba de 2.900 puntos, e van ser doantes de embrións. O obxectivo é lograr cando menos 5 fillas por doante.

Para elo realízanse dous flushings por animal. A catro das xovencas aplícaselles seme sexado TOP, co obxectivo de extraer 36 embrións, dos que deberían lograrse unhas 25 femias. Ás outras 3 xovencas aplícaselles seme convencional co obxectivo de lograr 39 embrións dos que uns 9 a 10 serán femias. En total obteremos 39 femias fillas das 7 orixinais e contando os seus partos naturais.

– Un 50% dos animais xenotipados obtiveron un bo índice GICO e son cualificadas como mellorantes, polo que tamén terán descendencia no rabaño. Ás vacas aplicaráselles seme convencional e ás xovencas seme sexado, en dous intentos.

– Para o 50% con peor GICO a estratexia que se seguiu foi: utilizalas como receptoras dos embrións, cun máximo de 2 intentos e ocasionalmente de 3. O terceiro intento faríase con seme convencional de becerros de cruce industrial. As que non empreñen ou teñan os peores GICO venderíanse para vida, como descarte…etc.

EMBRIOVET_GICO_01

Una idea sobre “Como sacarlle partido á xenómica nas ganderías de vacún

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información