Como reducir o uso de antibióticos en secado a só o 25% das vacas?

O secado selectivo avanza na Unión Europea para reducir o uso de antibióticos. Resumo do relatorio de Demetrio Herrera, de Q-llet, durante as IV Xornadas sobre Calidade do Leite organizadas por Farm Vet en Ribadeo.

Como reducir o uso de antibióticos en secado a só o 25% das vacas?

Realizando un secado. Foto: farmersjournal.ie

Nos últimos anos estamos a asistir a unha preocupación global sobre uso racional dos antibióticos debido ao incremento de infeccións en humanos por bacterias multiresistentes.

Os gandeiros deben comprometerse nesta loita contra as resistencias bacterianas mediante un uso racional dos antibióticos. Aínda sendo un dos sectores gandeiros que menos utiliza os antimicrobianos, existe en ampla marxe de mellora na gandería de vacún de leite para reducir o seu uso, especialmente na saúde da ubre, e en concreto no secado, onde se concentra o maior uso de produtos antibióticos en vacún.

Neste sentido, Demetrio Herrera, veterinario de Q-llet, unha empresa pioneira no establecemento de secado selectivo, explicou os avances que están a realizar durante as IV Xornadas sobre Calidade do Leite, organizadas por Farm Vet Asesoramento Gandeiro en Ribadeo os pasados 28 e 29 de outubro.

E é que na Unión Europea son cada vez máis os países que limitan o secado en saba e optan por establecer un secado con antibióticos selectivo. Así, Holanda e Dinamarca xa prohibiron o seu uso xeneralizado e noutros como Gran Bretaña, Estados Unidos e mesmo España, é un tema candente dentro do sector. En todo caso, trátase dunha cuestión de tempo xa que todas as directrices da Unión Europea van encamiñadas a prohibir a terapia en saba, tratando unicamente con antibióticos aos animais con infección antes de secar.

As vantaxes dunha terapia selectiva de secado son evidentes para o gandeiro e para o consumidor: redúcese o consumo de antibióticos, baixa o risco de inhibidores no tanque, o gandeiro reduce o custo de tratamentos (de 8 a 10 euros por vaca) e descarta menos leite en partos avanzados e todo isto mantendo o status de saúde de ubre da granxa.

En que granxas se pode realiza un secado selectivo?

Como punto de partida, a granxa candidata a realizar secado selectivo debe ter un Reconto de Células Somáticas (RCS) en tanque inferior ás 250.000 células, mantido ao longo do ano.

Ademais, a gandería debe dispoñer de datos fiables para poder seleccionar as vacas que necesitarán tratamento, xa sexa control leiteiro ou outros sistemas de reconto celular en granxa, así como rexistro de mamites clínicas.

Outros requisitos serían a ausencia de patóxenos contaxiosos, como Streptococcus Agalactieae ou Streptococcus Aureus.

Como se seleccionar os animais que necesitan tratamento e os que non?

Segundo explicou Demetrio Herrera, “non existe unha guía universal e os criterios de selección varían segundo o país”. O criterio utilizado por Q-Llet para empezar a traballar en España nesta técnica foi seguir as recomendacións americanas e non utilizar antibióticos en secado nos animais cos tres últimos recontos celulares inferiores a 200.000 células e sen mamite clínica nos 90 días antes de secar. No caso das ganderías nas que Q-Llet levou a cabo o tratamento selectivo ao redor do 75% do rabaño aplicóuselles só un sellador interno e unicamente ao 25% restante aplicóuselles sellador máis antibiótico.

Para garantir o éxito débese realizar unha correcta aplicación dos tratamentos intramamarios, sobre todo do sellador, prestando especial atención á hixiene e adestrando ao persoal para previr infeccións durante a aplicación das xiringas.

Como se comproba se o secado selectivo funciona? Monitorando os indicadores de saúde da ubre, como son a prevalencia de infección no primeiro RCS postparto, risco de infección durante o período seco e as mamites clínicas que aparecen nos primeiros 100 días en leite. Estes datos pódense monitorear de forma sinxela mediante algúns dos programas de xestión das granxas ou asociacións de control leiteiro.

“O 80% dos animais non recibiron antibióticos en secado e os resultados son satisfactorios”

Se os resultados non son os esperados, é necesario reevaluar os criterios de selección dos animais que se tratan, o procedemento de aplicación de intramamarios e a hixiene das instalacións no período de transición.

Os resultados de secado selectivo nas granxas nas que Q-Llet está a aplicar esta técnica “polo momento son satisfactorios”. Como exemplo, nunha granxa de 550 vacas en muxido, onde se implantou o secado selectivo en xaneiro deste ano cos primeiros partos en febreiro, a 30 de setembro “practicamente o 80% dos animais non se tratou con antibióticos, e aínda que houbo un lixeiro incremento no risco de novas infeccións no período seco, o reconto celular en tanque non empeorou e as mamites nos 100 primeiros días en leite mantéñense no mesmo nivel”.

Que criterios utilizan para o secado selectivo noutros países?

Dinamarca:
Foi o primeiro país da Unión Europea en prohibir o uso xeneralizado de antibióticos para o secado das vacas. Soamente aplican este tratamento aos animais con resultado positivo bacteriolóxico ou PC antes de secar, ou con mamites na lactación.

Holanda:
Limitan o uso de antibióticos en secado ás vacas con mamites en lactación, ás de primeiro parto con máis de 150.000 células e ás adultas con máis de 50.000 RCS no último control leiteiro, que se debe realizar non máis de 6 semanas antes de secar.

Reino Unido:
Aplican antibióticos en secado soamente as a vacas con mamites clínica durante a lactación ou ás que teñan 1 ou máis recontos celulares durante a lactación superiores a 200.000 células.

Estados Unidos:
Utilizan antibióticos soamente ás vacas con mamites clínica nos 90 días antes de secar ou ás que presenten 1 ou máis recontos celulares iguais ou superiores a 200.000 células nos últimos 3 controis leiteiros.

Australia:
O uso de antibióticos en secado limítase ás vacas con mamites clínica durante a lactación ou ás que presentan 1 ou máis recontos celulares ao longo da lactación superiores a 250.000 células.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información