Como profesionalizar a recría das xovencas

Arredor do 17% das vacas que comezan a producir nas granxas non rematan a primeira lactación. A mellora do manexo dos animais novos terá repercusión directa nos seus resultados produtivos posteriores. Analizamos obxectivos a ter en conta e indicadores de traballo

Como profesionalizar a recría das xovencas

Rancho Las Nieves, en Zaragoza, o maior centro de recría de España.

Unha boa recría dos animais é a mellor garantía para a súa saúde e para uns axeitados rendementos produtivos no futuro. Arredor dun 17% das vacas que comezan a producir nas granxas non rematan a súa primeira lactación, un dato que se pode correxir en parte cunha profesionalización da recría.

Repasamos as recomendacións para profesionalizar a recría que formulan José Ahedo e Alex Bach (Irta, Icrea), en colaboración co Rancho Las Nieves de Zaragoza, o maior centro de recría de España. O artigo completo pódese ler no libro ‘El sector lácteo en la encrucijada’, editado por Cajamar (Grupo Caja Rural).

“A falta de información e datos sobre os animais é o gran obstáculo para profesionalizar a recría” (José Ahedo e Alex Bach)

Entre os factores que contribúen a unha mala xestión da recría, os autores citan a falta de tempo e adicación profesional dos gandeiros, deficientes instalacións ou unha alimentación con materias primas de dubidosa calidade. De todos os xeitos, o gran obstáculo para profesionalizar a recría, ó entender dos investigadores, é a falta de información e datos sobre os animais.

O crecemento das xovencas conta en poucas ocasións cunha información veraz e continua, a diferenza do que ocorre co control das vacas en produción (rendementos, tempos de descanso, etc.). A xeración e procesado de datos resulta fundamental para optimizar a recría.

José Ahedo e Alex Bach propoñen definir unha serie de obxetivos claros de traballo, como o peso e idade ó parto, así como a busca dos máximos crecementos a idades temperás.

Identificación dos animais

A identificación dos animais cun chip electrónico ou cun crotal electrónico facilitará a recollida de datos. O seguinte paso é almacenar esas medicións en bases de datos que permitan a súa consulta áxil e eficaz, de cara a facilitar a toma de decisións. Recoméndase a toma de datos relacionados co crecemento, coa saúde, alimentación, reprodución e ubicación, entre outros.

Nun futuro próximo, os investigadores consideran que non será aceptable criar xovencas sen usar básculas electrónicas

Nun futuro próximo, os autores consideran que non será aceptable criar novillas sen o uso de básculas electrónicas, do mesmo xeito que non é aconsellable producir leite sen medidores electrónicos.

Traballar con obxectivos
Os obxectivos da recría están menos estandarizados que os obxectivos na produción de leite. Os máis habituais, segundo José Ahedo e Alex Bach, son os seguintes:

– Optimizar a curva de crecemento. Lograr un peso final antes do parto que maximice a produción de leite e reduza as enfermedades tras o parto. Débense establecer obxectivos de peso nas diferentes etapas do animal de recría.

– Lograr o primeiro parto tan axiña como sexa posible, pois así a produción vitalicia do animal será maior e a súa vida non produtiva máis curta.

– Maximizar a fertilidade e a detección de celo. Son indicadores que incidirán na idade media do primeiro parto. Canto menor sexa a dispersión da media, mellor.

– Reducir os custos de alimentación. Hai que ter en conta a diferente eficiencia da utilización de nutrintes ó longo das distintas etapas polas que pasan os animais de recría.

– Minimizar os transtornos de saúde.

– Eliminar os limitantes de rendementos. Factores como o estrés social, a calidade do aire ou a densidade da poboación inflúen nos animais de recría.

Indicadores clave no Rancho Las Nieves

O Rancho Las Nieves (Zaragoza) é o maior centro de recría de España e un dos maiores de Europa. Estes son algúns dos seus parámetros de traballo:

1) Crecemento acumulado dos animais

O crecemento acumulado dos animais, ó longo de toda a súa estancia, sitúase en 900 gramos / día. O crecemento non é liñal. Na lactación, estar por riba dos 800 gramos é un bo indicador. Desde o destete á pubertade é a fase máis eficiente e búscase estar por riba de 1,1 quilos / día.

A idade no intre do parto non ten unha gran influencia nos rendementos posteriores da xovenca. Sen embargo, o seu peso si que se demostra clave. A diferenza entre partos con 600 quilos ou partos con 700 quilos é de 3,8 quilos / día de produción de leite durante os primeiros 150 días de lactación (equivale a uns 1.000 quilos en toda a primeira lactación).

O peso no intre do parto ten unha influencia importante na produción de leite durante a primeira lactación

En calquera caso, non todas as vacas teñen o mesmo tamaño e non todas deben ser criadas para cumprir o obxectivo dos 700 quilos. Débense ter en conta factores como a relación entre peso corporal e altura á cruz, ou a condición corporal da xovenca.

En Rancho las Nieves comprobouse que a ganancia de peso máis importante, pois terá influencia na produción leiteira da vaca, é a que se produce entre o destete e a primeira inseminación.

Zonas e nutrición
Unha pregunta común nos criadores é a cantidade diferente de zonas e tempo de estancia que se debe asignar en cada etapa do crecemento da xovenca. A seguinte táboa é un exemplo de programa de crecemento:

taboa-rancho-las-nieves

O custo total de alimentación para criar unha xovenca seguindo este modelo foi de 921 euros. Optimizando o tempo que as xovencas deben pasar en cada zona, o custo reduciuse ata 906 euros.

É importante vixilar as inxestións reais dos animais e axustar a densidade de nutrintes da ración á súa inxesta máxima prevista. Débense evitar erros que retrasen o crecemento ou que leven a un excesivo engraxamento.

2) Área reprodutiva

No Rancho Las Nieves búscase unha taxa de detección de celos do 80% e unha taxa de preñez superior ó 47%. A fertilidade total debe ser superior ó 60% e a taxa de abortos manterse por baixo do 6%.

Nos malos resultados reprodutivos poden influír factores de manexo, socialización, calidade do seme e factores humanos (inseminadores).

3) Mortandade

A mortandade dos animais de recría debe manterse por baixo do 5%, incluíndo os enviados para sacrificio.

4) Eficiencia da recría

Cos indicadores anteriores, pódese definir un indicador global, denominado eficiencia da recría. Por eficiencia da recría, enténdese a porcentaxe de tenreiras que chegan ó parto antes de cumprir os 731 días de vida (24 meses, aproximadamente). O obxectivo en Rancho Las Nieves é que o 85% dos animais logre esa meta.

Para lograr un parto cedo é fundamental que as xovencas se inseminen arredor dos 400 días. Os investigadores inciden na importancia dunha correcta nutrición da tenreira para dar lugar a crecementos rápidos a unha pubertade temperá.

5) Manexo

Os programas de manexo débense adaptar ás circunstancias de cada explotación. Non se poden extrapolar programas sen ter experimentado previamente o seu resultado.

Os programas de manexo débense adaptar ás circunstancias de cada explotación

Un exemplo, en Rancho Las Nieves decidiuse probar un manexo do destete diferente do que se viña recomendando. Como o destete é un intre de estrés, aconsellábase manter os animais unha ou dúas semanas máis en casetas individuais.

Esa práctica, sen embargo, leva consigo maiores custos laborais, polo que o Rancho Las Nieves fixo un estudo para determinar os efectos sobre o crecemento de mover os animais a casetas colectivas (6-8 animais) inmediatamente despois do destete. Os resultados suxiren que o seu crecemento é superior ó dos que quedan en casetas individuais unha semana máis, probablemente polos beneficios dunha boa socialización.

Máis información
Profesionalización de la recría: una premisa para optimizar el futuro productivo (José Ahedo y Alex Bach). En ‘El sector lácteo en la encrucijada’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información