¿Como mellorar os cultivos de millo e herba cun uso máis eficiente do nitróxeno?

No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo estase a realizar un estudo sobre como mellorar o rendemento dos cultivos forraxeiros mediante un uso máis eficiente do nitróxeno. Avanzamos algúns resultados.

¿Como mellorar os cultivos de millo e herba cun uso máis eficiente do nitróxeno?

Aplicación de xurro en bandas en pradeira.

No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo estase a realizar un estudo sobre como mellorar o rendemento dos cultivos forraxeiros mediante un uso máis eficiente do nitróxeno.

O estudo enmárcase nun proxecto financiado polo Feader, do grupo operativo da Asociación Europea de Innovación(EIP-AGRI), no que participan a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña (CAP Coruña), gandeiros: a Gandería Iglesias SAT 1040 XUGA e a Cooperativa Santo Estevo de Quintas e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Trátase de ver como poder mellorar o aproveitamento do nitróxeno por parte dos cultivos forraxeiros (millo forraxeiro e herba), e por tanto o seu rendemento, calidade e a súa sustentabilidade medioambiental, unha esixencia que cobrará cada vez máis importancia nas axudas da PAC.

No caso da herba, estase vendo cal é o sistema máis eficiente para que esta forraxe aproveite ao máximo o Nitróxeno do xurro, se aplicalo con prato ou en bandas superficiais, un sistema xa moi estendido nos países do norte de Europa.

No caso do millo forraxeiro compáranse aplicacións enterradas con inxector de reixa ou con grades. Preténdese ver tamén a efectividade de empregar un inhibidor da nitrificación, neste caso o DMPP, para reducir as perdas do N do xurro tanto por volatilización en forma de amoníaco como por lavado en forma de nitrato.

Os resultados preliminares deste proxecto presentáronse a pasada semana no CIAM nunha xornada técnica sobre “A eficiencia na utilización do nitróxeno polas forraxes”.

Cultivo de raigrás: a aplicación en bandas mellora a produción e a asimilación de nitróxeno

Neste estudo comparouse a aplicación de xurro en bandas e por aspersión en parcelas das explotacións colaboradoras. Analizouse a eficiencia no aproveitamento do Nitróxeno con tres sistemas: aplicación de xurro en bandas, aplicación do xurro en bandas con DMPP e aplicación do xurro por aspersión con prato.

A fertilización tras o primeiro corte realizouse a comezos de abril con xurro de vacún e cunha dose de 40m3/ha (124,4 Kg/ha de N, 54 kg/ha de P2O5 e 100,8 Kg/ha de K2O) complementado con 250 kg/ha de NAC (115 Kg/ha de N).

O DMPP recoméndase botalo na cisterna. A dose empregada foi de 1,5 litros por hectárea cando foi aplicado en bandas e de 3 litros por hectárea cando foi aplicado mediante inxección ou en prato con incorporación posterior con grade. O seu custo estimado é de entre 22 e 44 euros por hectárea, segundo a dose.

CIAM_XURRO_PLATO_BANDAS_COMPARACION_1

Conclusións preliminares:

• A aplicación de xurro en bandas incrementa a produción entre un 3 e un 8%, así como a asimilación do N pola planta.

É certo que supón un maior tempo de aplicación que con prato, pero compénsase cun maior rendemento do cultivo, unha menor necesidade de mercar nitróxeno de síntese e cunha maior sustentabilidade medioambiental.

• A influencia do uso do DMPP na produción foi variable segundo as condicións.

Cultivo de millo: o uso de DMPP supuxo un incremento na produción do cultivo

Neste caso, nos diferentes campos de demostración comparáronse catro tratamentos:

– Aplicación de xurro mediante inxector con reixa.
– Aplicación de xurro con DMPP mediante inxector con reixa.
– Aplicación de xurro por aspersión con esparexedor de prato e incorporación do xurro con grade inmediatamente despois.
– Aplicación de xurro con DMPP por aspersión con esparexedor de prato e incorporación do xurro con grade inmediatamente despois.

A fertilización que se realizou foi con xurro de vacún a unha dose de 50m3/ha (102 Kg/ha de N, 50 kg/ha de P2O5 e 129 Kg/ha de K2O), complementado con 100 kg/ha de urea (46 Kg/ha de N).

Conclusións preliminares:

• A aplicación de xurro con inxector de reixa pode ter resultados semellantes que cando se fai co prato invertido e incorporación inmediata do xurro con grade de discos.

• En millo, en mostraxes iniciais -o día 3 de xuño co millo cunha altura duns 80 centímetros- a aplicación de DMPP supuxo un incremento na produción esperada.

• O sistema de incorporación e aplicación do DMPP non amosou efecto sobre o contido en proteína bruta da planta neste estado inicial.

Tras a colleita dos campos de demostración obteranse os resultados finais. As conclusións definitivas deste estudo presentaranse ao público nas próximas semanas.

¿Como inflúe no rendemento do millo o cultivo precedente?

Ao longo da xornada, María Isabel García Pomar, investigadora do CIAM expuxo tamén a importancia doutros parámetros que inflúen no aproveitamento do nitróxeno por parte dos cultivos.

Neste sentido, lembrou que como punto de partida é moi recomendable realizar un encalado do terreo -previa analítica do solo- para reducir a elevada porcentaxe de saturación por aluminio, moi común nos solos galegos. “O encalado é fundamental para que os cultivos aproveiten mellor os fertilizantes do solo. E ademais, ten un custo baixo en relación aos beneficios”, subliñou.

Coñecer as extraccións do cultivo e a riqueza fertilizante do xurro é tamén moi importante.

Finalmente, subliñou a importancia do cultivo das leguminosas pola fixación simbiótica que realizan do nitróxeno atmosférico. Unha boa porcentaxe de leguminosas presente nos cultivos de herba reduce as necesidades en fertilizantes nitroxenados, e ademais ten un impacto importante no cultivo seguinte. Así no caso de incorporación ao terreo dun monocultivo de leguminosas ou tras un cultivo previo de pradeira de longa duración (raigrás+ trevo) pódense reducir as doses de N recomendadas nun cultivo de millo en torno aos 100-125 kg/ha. No caso de leguminosa colleitada esa redución estaría nos 40-50 kg de N/ha.

No Reino Unido o cultivo precedente tense en conta dende hai anos nas recomendacións de fertilización nitroxenada, onde aplican un factor de redución do N en función do cultivo precedente.

Galería de imaxes:

Ensaio de fertilización do millo no CIAM

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información