¿Como mellora a rega por goteo os rendementos do millo na Galicia interior?

Un 43% máis de materia seca ou un 66% máis de proteína bruta no millo forraxeiro no que se aplican regas puntuais por goteo. Estas son as conclusións do ensaio realizado en 2017 polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo en Cartelos (Carballedo-Lugo)

¿Como mellora a rega por goteo os rendementos do millo na Galicia interior?

Ensaio de rega do millo por goteo en Carballedo (Lugo)

O cultivo do millo protagonizou o proceso de intensificación forraxeira das explotacións leiteiras galegas desde mediados dos anos 80 do pasado século ata a actualidade. A alta produtividade, o elevado valor enerxético e a facilidade para ensilar correctamente son razóns que explican a importancia crecente deste cultivo, sendo utilizado habitualmente en rotacións intensivas de dous cultivos por ano con raigrás italiano como cultivo de inverno.

Este sistema, con todo, non está exento de riscos e dificultades derivadas do cultivo en solos inadecuados para o cultivo do millo pola súa excesiva pendente e/ou pouca profundidade e sobre todo por razóns climáticas, na que a incidencia da seca estival, especialmente severa en zonas do interior de Galicia, limita a produtividade deste cultivo forraxeiro de verán.

Mediante unha acción de demostración financiada polo Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao Agro Galego da Consellaría do Medio Rural foi desenvolvido un traballo no que, en colaboración coa Fundación José Luís Taboada e a cooperativa ICOS, se obtivo información acerca do comportamento produtivo do millo forraxeiro con e sen rega na zona interior de Galicia. Os resultados desta actividade (ATT 2017/180) foron divulgados no decurso dunha xornada divulgativa organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo no Pazo de Cartelos (Carballedo-Lugo), propiedade da Fundación José Luís Taboada.

Deseño do campo de ensaio e resultados

A demostración realizouse entre mediados de maio e finais de setembro de 2017 nas terras agrícolas da Fundación, situadas en Cartelos, na zona suroccidental da provincia de Lugo, con clima continental a 600 m de altitude, de invernos fríos, húmidos e veráns cálidos e secos. As labores e fertilización foron as recomendadas para o cultivo do millo na zona, sendo sementadas en dúas zonas da finca dúas variedades de millo forraxeiro de ciclo medio-curto (119 e 123 días entre sementeira e colleita).

Nas dúas zonas dispuxéronse cinco repeticións para cada variedade, tanto na área regada e como na non regada. A rega realizouse mediante un sistema de goteo, colocando en superficie tubos flexíbeis con goteiros integrados a 30 cm, situando un tubo por cada dous sucos de millo.

Aplicouse unha dose total de 310 mm de auga durante 50 días, desde mediados de xullo ata comezos de setembro. A zona non regada non recibiu ningún aporte hídrico durante o ensaio. O millo foi colleitado o 26 de setembro, nun estado de entre ½ a ¾ da liña de leite.

Como se observa na Táboa 1, o cultivo realizouse en condicións de temperatura algo máis cálida e cunha precipitación total semellante á media da zona, pero cun mes de xullo menos chuvioso que o habitual.

Táboa 1.- Valores de temperatura media e precipitación acumulada mensual na zona

REGA_MILLO_GOTEO_CIAM_1

Das gráficas dos valores medios anuais de precipitación acumulada e temperatura (Figura 1) salienta, fundamentalmente, a acusada variabilidade nas precipitacións totais do ano (situada no intervalo 589 a 1285 mm), o que reforza a necesidade de considerar a utilidade da rega dos cultivos de verán nesta zona.

A serie de temperaturas medias anuais sitúase no rango 12.1-13.6 ºC e móstrase moito menos variábel. O signo das pendentes, negativa para a precipitación acumulada e positiva para a temperatura media anual, suxiren unha tendencia cara a anos de menos chuvia e máis cálidos, aínda que a serie de datos dispoñíbeis é demasiado limitada.

Figura 2.- Valores medios anuais para a zona nos 10 últimos anos

REGA_MILLO_GOTEO_CIAM_2

Na Táboa 2 preséntanse os valores medios dos resultados obtidos nas dúas parcelas demostrativas, mostrando o efecto da dispoñibilidade de auga sobre a composición nutricional e o rendemento da planta enteira de millo.
Como aspectos salientábeis se indican os seguintes:

– As plantas regadas mostraron un maior porte (240 vs. 201 cm de altura) e tiveron unha porcentaxe de espiga superior (+3%) no total de materia seca da planta (53 vs. 50%).

– O contido en materia seca das plantas non regadas foi 3.5 unidades superior (36.9% MS) ao das plantas regadas (32.5% MS), cando o estado da liña de leite do gran era semellante (1/2-3/4 ML). Este resultado suxire que cando o millo se ve sometido a estrés hídrico debería ser colleitado nun estado da liña de leite do gran menos avanzado (1/4 a 1/2 ML) para non ultrapasar o nivel considerado como óptimo (33-35%) de MS na colleita.

O millo regado produciu un 43% máis de materia seca e un 66% máis de proteína bruta

– En canto á composición nutricional, non houbo diferenzas en canto ao contido en materia orgánica e fibra, mentres que as plantas regadas tiveron un contido superior en proteína bruta (5.7 vs. 5.0% MS), amidón (26.8 vs. 24.8% MS), dixestibilidade da materia orgánica (70.1 vs. 68.7%) e enerxía neta leite (0.94 vs. 0.91 UFL/kg MS).

– Con todo, as diferenzas máis apreciábeis observáronse no rendemento do cultivo por hectárea, que foi claramente superior para o millo regado, cun incremento do 43% para a extracción de materia seca (18.0 vs. 12.5 t MS/ha), dun 47% para o de enerxía neta leite (16.8 vs. 11.4 mil UFL/ha) e dun 66% para o de proteína bruta (1025 vs. 619 kg PB/ha).

Composición nutricional e rendemento por hectárea da planta enteira: 

REGA_MILLO_GOTEO_CIAM_3

Conclusións:

En condicións de sequeiro do interior de Galicia, o cultivo do millo forraxeiro mostrou unha forte resposta produtiva á rega nos meses centrais do verán de 2017. Esta observación, condicionada polas condicións ambientais particulares do campo de demostración, deberá ser contrastada en vindeiras accións de transferencia para incorporar a necesaria variabilidade que permita definir con maior precisión a resposta á rega do millo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información