Cómo inflúe o tipo de fosa no valor fertilizante do xurro

Neste artigo, Juan Castro Ínsua, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-INGACAL, explica como inflúen as características da fosa de xurro, fundamentalmente a dimensión e a cubrición, no valor fertilizante deste abono gandeiro

Cómo inflúe o tipo de fosa no valor fertilizante do xurro

Aplicando xurro nunha finca

Unha forma bastante aproximada de coñecer a cantidade de abono anual que dispoñemos no xurro é en función do leite producido por hectárea de SAU, xa que a excreción media de fósforo está na proporción de 30% no leite, e 70% no xurro mentres que a excreción de nitróxeno se distribúe, normalmente, desta forma: 30% no leite, 40% no xurro e 30% de perdas no establo e na fosa

Na seguinte figura represéntase a cantidade de nitróxeno e fósforo dispoñible por hectárea de SAU para abonar anualmente con xurro en función da produción de leite por hectárea.

N e P2O5 que aporta o xurro en función da produción de leite por ha:

XURRO_JUAN_ARTIGODOUS_0

(1)Clasificación das granxas de leite en seis estratos crecentes de toneladas de cota láctea (Q), 1 (Q ≤ 25 t), 2 (25 t <Q ≤ 75 t), 3 (75 t <Q ≤ 175 t), 4 (175t <Q ≤ 325 t), 5 (325 t <t Q≤ 500) e 6 (Q> 500 t)

Influencia do deseño da fosas no aproveitamento do nitróxeno:

A forma máis eficiente de aproveitar o N do xurro é reservalo para poder ser enterrado cas labores de preparación do terreo para o cultivo do millo (abril-maio) ou despois de recoller o millo (outubro) na preparación do terreo para o cultivo de inverno. Isto obrigaría a ter unha fosa con capacidade para almacenar o xurro durante 5-6 meses.

O nitróxeno do xurro perderase por lavado se se aplica nas terras onde non hai cultivo aínda que se enterre, ou aínda que teñamos cultivo, se se aplica no inverno en épocas sen crecemento vexetativo.

Unha pequena proporción do N orgánico do xurro podería aproveitarse no cultivo da primavera, aínda que fora aplicado no inverno. A porcentaxe de nitróxeno aproveitable é moi difícil de estimar xa que vai depender das condicións meteorolóxicas desde o momento de botalo ata o momento do cultivo.

Estimación das ha que poderíamos abonar só co Nitróxeno (N) do xurro en función da dimensión actual das fosas. Inquérito CIAM, 2013:

XURRO_JUAN_ARTIGODOUS_1

1 N dispoñible: se estima unha materia seca do xurro do 9 e do 5%, en fosas cubertas ou abertas respectivamente e unha riqueza media de nitróxeno do 3,8% sobre a materia seca

2 Ha de millo: se calculan para unha dose media de abonado de 180 kg de N/ha, e para cando o xurro sexa enterrado inmediatamente.

A non cubrición das fosas limita o aproveitamento do N do xurro, xa que a auga da choiva ocupa o lugar que debería ocupar o xurro, diminuíndo a materia seca desde o 9% a o 5% para as condicións medias pluviométricas de Galicia. Na táboa anterior pódese ver como diminúe cas á metade a superficie de millo que poderíamos abonar, só co nitróxeno do xurro, se a fosa está descuberta.

Tendo en conta o número total de explotación de Galicia en cada estrato se estima que o N do xurro, nas condicións de almacenamento actuais, poderían ser suficientes para abonar 34.944 ha de millo nas fosas cubertas (60% das fosas) e de 12942 ha de millo nas fosas descubertas (40% das fosas).

Influencia do deseño da fosas no aproveitamento do fósforo:

O fósforo, a diferenza do N, non se lava nin se perde na atmosfera. Aínda que a fosa sexa pequena e obrigue a botar o xurro meses antes da sementeira do cultivo, o fósforo ( e o potasio) quedará retido no solo daquelas fincas onde fora repartido, polo que é importante cubrir as fosas para non ter que facer tantas viaxes e así repartir o xurro uniformemente e non nas parcelas máis cercanas á fosa para aforrar tempo.

Superficie que pode ser abonada so co fósforo do xurro:

XURRO_JUAN_ARTIGODOUS_2

Calcúlase unha dose de P2O5 anual de mantemento medias de 110 kg/ha que cubriría as necesidades do millo e do cultivo de inverno

Da táboa anterior dedúcese que non se necesitaría mercar abono mineral fosfórico naquelas explotacións do estrato 6 e na gran maioría do estrato 5, que representan o 17% das granxas galegas e o 34% da SAU (82.746 ha de un total de 243.776 ha). Nas granxas menos intensivas (estratos 1,2,3 e 4) o fósforo contido no xurro serviría para cubrir as necesites de abonado do 27, 36, 54 e 73% da SAU respectivamente.

Visto no conxunto das explotacións, o fósforo contido no xurro cubriría as necesidades de abonado de 168.146 ha, que supón case o 70% da SAU total das granxas de vacún de leite.

Para máis información sobre o exceso de fósforo nos cultivos en Galicia e en España pódese consultar estas páxina do Magrama. 

Cálculo de custes de ampliación e cubrición de fosas

A continuación realízase unha estimación do custe que suporía a ampliación e cubrición das fosas para acadar 6 meses de almacenamento. Como estratexia se prioriza a adecuación das fosas daquelas explotacións que pola súa dimensión (nº de UGM), poden ter un impacto significativo sobre a mellora do medio ambiente: estratos 4, 5, e 6.

Para o cálculo dos custes estímase un custe unitario medio de 30 euros por m3 de fosa de formigón e 20 euros/m2 de custes de cubrición

Estimación dos custes de ampliación de fosas de xurro a 6 meses e cubrición:

XURRO_JUAN_ARTIGODOUS_3

Aforro de nitróxeno:

XURRO_JUAN_ARTIGODOUS_4

Conclusións

-Galicia é a única das principais rexións europeas especializadas na produción de leite que non ten zonas vulnerables e cumpre a directiva nitratos o que deixa marxe legal para poder aplicar “medidas voluntarias” como medidas agroambientais ou medidas para mellora da calidade das augas (Directiva Cadro del Agua) que se poderían financiar a través do PDR 2014-2020 para a mellora na xestión do xurro como abono (cubrición de fosas, aumento do dimensionamento a 6 meses, etc )

-Galicia ten unha pluviometría máis elevada no período de outono-inverno, o que condiciona as labores de a-plicación do xurro, ensilado, preparación do terreo para os cultivos etc. Sen embargo poderíase utilizar o exceso de pluviometría recollida no inverno para regar no período estival e aproveitar o maior período vexetativo, e horas de sol que permitiría obter uns maiores rendementos forraxeiros que nos países do Norte.

-Comparativamente Galicia ten unha acusada menor superficie agraria útil que o resto das rexións europeas, o que condiciona a súa sustentabilidade económica pola necesidade de depender dos alimentos mercados no exterior.

“A falta de terras das explotacións está a provocar unha perigosa acumulación do fósforo no solo”

Debido á falta de terras, tamén se está a perder a oportunidade de aproveitar os nutrientes excretados polo gando para producir alimentos, e en troques estase a producir unha perigosa acumulación de fósforo no solo, que pode dar lugar a problemas de eutrofización, tal como se reflexa no balance de nutrientes editado anualmente polo MAGRAMA.

´-As explotacións de vacún de leite e en menor medida de carne, son as que serven para valorizar a elevada cantidade de nutrientes producidos nas explotacións intensivas sen terra de Galicia (porcino, aves, etc).

-A falta de SAU das explotacións e acumulación de fósforo no solo, debería ser suficiente para limitar a aplicación ao solo de residuos con elevada concentración de fósforo, como son os lodos de depuradora, nas terras das explotacións de vacún, xa que por outra banda existen gran cantidade de terras abandonadas que si poderían servir para valorizar estes residuos evitando o risco de incendios.

Máis información:

Para optimizar o uso do abono, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) dispón do seguinte programa gratuíto e online de recomendacións de abonado co xurro.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información