Jug of milk against herd of cows. Emmental region, Switzerland; Shutterstock ID 77208517

¿Como inflúe o que come a vaca na calidade da graxa do leite?

Nunha xornada celebrada recentemente no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) con explotacións gandeiras colaboradoras nos programas de innovación do centro, o grupo de investigación en produción de leite, representado polos doutores Gonzalo Flores e César Resch, ofreceu un resumo de resultados acerca da relación entre os sistemas de alimentación seguidos nas granxas leiteiras galegas e a modificación do perfil graxo do leite.

O traballo realizouse a partir da colaboración cun conxunto de explotacións leiteiras galegas con sistemas produtivos de diferente grao de intensificación. Os resultados foron obtidos no decurso dos proxectos de investigación Inia-Rta2012-00065-C05-02 e Feader 2015/41 nos que colaboran, entre outros grupos de investigación, o Ciam e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

Na xornada foi comentado, en primeiro lugar, a bondade nutricional do leite de vaca e salientouse o cambio de paradigma ao respecto do consumo de graxa láctea na dieta humana, aspecto que foi recentemente obxecto de atención nos medios escritos de gran tirada (El País, 2016)1. Recentes estudos médicos achegan evidencias de que cando se comparan grupos de poboación con consumo elevado de produtos lácteos con outros grupos de baixo consumo compróbase que os primeiros teñen menor risco de desenvolver resistencia á insulina e diabete tipo 2 (Mozaffarian 2014 2; Yakoob et al., 2016 3), de padecer sobrepeso ou obesidade (Holmberg e Thelin, 2013 4; Rouitianen et al., 2016 5) e mostran unha menor incidencia de enfermidades cardiovasculares (Kratz et al., 2013)6.

Por outra banda, púxose de manifesto o interese de aumentar a concentración no leite de ácidos graxos insaturados, en particular os de serie omega-3, de ácido vaccénico (C18:1 11t) e do ácido linoleico  conxugado (Cla), considerados beneficiosos para a saúde humana en numerosos estudos que demostran o seu carácter funcional, polo que resulta de interese o dispoñer de información acerca da modificación da composición do leite a través da alimentación en condicións prácticas.

Para realizar o estudo os investigadores do Ciam seleccionaron 45 explotacións situadas nas provincias da Coruña (18), Lugo (18) e Pontevedra (9) con diferente grao de intensificación, en base aos criterios especificados na seguinte táboa.

Grupos de alimentación forraxeira nas explotacións estudadas: 

Aproveitamento

da herba

Millo para ensilar (%SAU)

Ración forraxeira

n

Pastoreo + ensilado Variábel Herba fresca en algún momento do ano, resto con ensilados

15

Ensilado todo o ano Até o 25% Predomina ensilado de herba

10

Entre 25-75% Equilibrio entre ensilado de herba e ensilado de millo

10

Máis do 75% Predomina ensilado de millo

10

n: nº de explotacións estudadas

Das 15 explotacións que realizaban pastoreo, cinco seguían un sistema de produción ecolóxica e das restantes explotacións, cinco delas utilizaban habitualmente un suplemento a base de liño oleaxinoso no concentrado, por estar dentro dun acordo de subministro de leite enriquecido en ácidos graxos poliinsaturados cunha industria leiteira. Foron realizadas cinco visitas ás explotacións, entre os meses de outubro de 2013 e setembro de 2014. En cada visita determinouse a composición da dieta consumida polas vacas de leite tomando nota dos pesos dos ingredientes das racións e tamén se tomaron mostras dos mesmos, así como do leite do tanque, seguindo o protocolo establecido polo Ligal.

En total, obtivéronse 217 observacións válidas con dados da composición da ración, composición fisicoquímica do leite e perfil de ácidos graxos do leite, analizado por cromatografía. Por métodos estatísticos realizouse unha análise de agrupamento sobre os dados de composición da ración co obxectivo de tipificar as dietas empregadas nas explotacións ao longo do período de estudo. Posteriormente, realizouse unha análise de varianza para avaliar o efecto do tipo de dieta sobre a composición do leite producido.

O resultado da análise de agrupamento permitiu determinar 7 dietas típicas en función da forraxe predominante, o consumo de concentrado e da presenza ou non de liño no penso.

Análise Cluster: Dietas típicas (ingredientes en % da MS consumida)

flores_graxas_leite_01Significación dos Clusters (en función da forraxe predominante e da presenza ou non de liño no pienso)FV: Forraxe verde; SM+SH: Ensilados de herba e de millo; SM: Ensilado de millo; SH: Ensilado de herba; SM+L: ensilado de millo e pienso con liño; FV+SMSH+L: forraxe verde (aprox 1/3) ensilados de herba e millo (aprox 1/3) e pienso con liño (aprox 1/3); FSEC: Forraxes secos

Perfil de ácidos graxos de cada dieta típica:

Os resultados das análises de ácidos graxos do leite de cada unha das sete dietas típicas foi o seguinte:

flores_graxas_leite_02

Comparación entre os resultados de ganderías en ecolóxico e en convencional:

flores_graxas_leite_03

Conclusións: Máis ácidos graxos saudables no leite das vacas alimentadas con herba verde

-Foi observada unha clara influencia entre a dieta e o perfil de ácidos graxos do leite.

-Dietas tipo “Pasto”, en base a herba verde, e “Suplementación co liño” mostran os perfís de ácidos graxos máis favorábeis desde o punto de vista da saúde humana.

-Sen embargo, as dietas que inclúen herba verde mostran unha composición de ácidos graxos trans C18:1 máis saudábel comparada coa das dietas que utilizan masivamente ensilado de millo e concentrado enriquecido con aceite de liño.

-O leite de granxas ecolóxicas mostra valores máis elevados de omega-3, CLA e vaccénico e menor ratio omega-6/3 ratio comparado co de granxas convencionais.

-Sen embargo, esas diferenzas parecen deberse á diferente composición dos ingredientes da dieta, con maior presenza de pastos frescos e menor consumo de concentrados nas granxas ecolóxicas.

*1) http://elcomidista.elpais.com/elcomidista/2016/04/21/articulo/1461246361_836076.html

*2) http://www.thelancet.com/journals/landia/article/PIIS2213-8587(14)70166-4/fulltext

*3) http://circ.ahajournals.org/content/early/2016/03/22/CIRCULATIONAHA.115.018410

*4) https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC3656401/

*5) http://ajcn.nutrition.org/content/103/4/979.abstract

*6) http://link.springer.com/article/10.1007%2Fs00394-012-0418-1