puleva lactalis

Como facer eficaces as organizacións de produtores?

Unións Agrarias plantea a posibilidade de que se cambie a normativa autonómica e estatal para permitir a creación de OPs que agrupen a granxas que lle entregan a unha única industria

A normativa estatal obriga a que toda organización de produtores (OP) aglutine unha produción mínima de 200.000 toneladas. En Galicia, a maiores, esíxese que cada OP teña un mínimo de 1.000 granxas socias. Son condicións moi diferentes ás de países como Francia ou Alemania, onde organizacións de produtores dun tamaño máis reducido, con arredor de 100-200 gandeiros que lle entregan a unha única empresa, están chegando a acordos de prezos coas industrias. Unións Agrarias propón modificar a lexislación para imitar o modelo centroeuropeo, se ben continúa de xeito paralelo coa activación da súa OP, Ulega, que aglutina a máis de 2.000 produtores.

As organizacións de produtores (OPs), unha figura impulsada pola Comisión Europea para aumentar a capacidade de negociación dos gandeiros, acadaron nos últimos anos un certo éxito en países como Francia ou Alemania, pero en Galicia o seu resultado foi nulo. Ningunha das dúas OPs galegas, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolact, polas cooperativas, logrou polo de agora que as industrias se sentaran a negociar, aínda que as perspectivas cambiaron este ano.

Cambio lexislativo no 2019
O Ministerio de Agricultura aprobou no primeiro trimestre do ano unha reforma lexislativa que impide que as industrias lácteas negocien cos gandeiros que están nunha organización de produtores, debendo negociar necesariamente coa OP. A modificación chegou tarde para a negociación dos contratos do 2019, pero as renovacións dos próximos contratos, que chegarán no outono nalgunhas industrias, deberán facerse xa a través das OPs.

En Unións Agrarias, están desenvolvendo reunións comarcais cos produtores de Ulega para actualizar o mandato de cesión de negociación. Os resultados dos encontros son positivos.

“Está recuperándose a ilusión polas organizacións de produtores no campo pola obriga de que as industrias negocien coas OPs” (Óscar Pose)

“Cando se crearon as organizacións de produtores houbo ilusión nas explotacións, pero logo viuse truncada porque ningunha industria quería sentarse a negociar. Agora, co cambio da normativa, estase vendo de novo esa ilusión. As explotacións apoian que a negociación sexa en exclusiva por medio da OP e incluso hai granxas novas que se están sumando á organización de produtores” -explica Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias-. “Ulega negociará os contratos e despois será cada gandería a que asine o contrato de xeito individual”, subliña.

Para as negociacións coas empresas de transformación, Ulega está desenvolvendo comisións negociadoras por industria, con participación dos gandeiros que abastecen ás distintas empresas. “É unha fórmula que pode funcionar, aínda que é certo que unha organización do tamaño de Ulega pode ser menos operativa que un conxunto de pequenas OPs por industria, que estean federadas nunha asociación común. A cuestión de fondo, en todo caso, é que ten que haber capacidade real de negociación coas industrias. Se non a hai, non serve nin unha fórmula nin a outra”, conclúe Pose.

Outra condición que Unións pon para a creación de OPs máis pequenas por industria é que existan garantías de que as industrias non poidan estar detrás desas OPs, a modo dun sindicato vertical.

Apertura a novas organizacións
A reducción das esixencias de tamaño abriría a posibilidade de que xurdiran novas OPs en Galicia, tanto pola división das actuais -Ulega e Aprolact- como por novos proxectos, como o que tentou no seu día a asociación Agrigga ou outros que poidan xurdir doutras asociacións ou organizacións agrarias.

“Se se crean máis OPs, veremos se o problema da falta de acordos coas industrias é das organizacións de produtores que hai, como dixo a Xunta de xeito reiterado, ou o problema é outro” -valora Pose-. Unións amósase especialmente crítica coa Xunta polo feito de que a Administración marxine ás OPs existentes da súa convocatoria de axudas para organizacións de produtores, que destina só a OPs de nova creación, en tanto acusa ás OPs xa existentes de falta de operatividade.