¿Como evolucionou a produción de leite no mundo nos últimos anos?

O Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA) ven de publicar un informe sobre a evolución da produción de leite nos principais países produtores entre os anos 2013 e 2017.

Este informe, do que se fai eco o Observatorio do Sector Lácteo da Comisión Europea nun dos seus últimos reportes, confirma que a produción de leite é un sector de futuro, cunha crecemento constante dende 2013 e boas perspectivas para este ano.

Entre os aspectos a salientar deste informe, destaca que a India desbanca á Unión Europea como primeiro produtor de leite do mundo, se ben a efectos comerciais non é un competidor de momento, xa que a súa produción é para abastecer o seu consumo interno.

En canto ás principais potencias exportadoras de derivados lácteos (a Unión Europea, Estados Unidos, Nova Zelandia e Australia) para este 2017 as previsións do USDA son que a produción de leite aumente en Nova Zelandia un 3%; en Estados Unidos un 2%; mentres quedará estancada na UE e baixará un 3% en Australia. Outros países como Brasil, Canadá ou a India prevén incrementar un 4% o leite producido.

Evolución no período 2013-2017: a UE primou a produción de manteiga e leite en pó desnatado, Estados Unidos o leite en pó enteiro e Nova Zelanda o queixo

En canto á evolución no período 2013-2017 entre os tres principais países exportadores, o incremento foi parello nos tres en produción de leite (arredor dun 8% máis), pero con diferencias en canto aos derivados lácteos nos que se transforman:

-A Unión Europea: aumentou un 8% a produción de leite. En derivados a produción de manteiga medrou un 11%, un 6% a de queixo, un 34% a de leite desnatado en pó e un 4% a de leite en po enteiro.

-Estados Unidos: aumentou un 7% a produción de leite. En derivados a produción de manteiga mantívoa estable, e apostou por incrementar a produción de queixo, que medrou un 11%, así como centrarse no leite en pó enteiro, que aumentou un 39%, e en menor medida no leite en pó desnatado, cuxa produción subiu un 13%.

-Nova Zelanda: aumentou un 8% a produción de leite. En derivados a aposta do país austral foi pola produción de queixo, que medrou entre 2013 e 2017 un 19%, así como na produción de manteiga, que subiu un 14%. Pola contra, relegou a un segundo plano a produción de leite en pó, que subiu un 4% no desnatado e un 5% no enteiro.

Velaquí un resumo da evolución da produción mundial de leite entre os anos 2013 e 2017:

produccion_mundial_leite_1

produccion_mundial_leite_2

Descarga aquí o informe completo sobre a evolución da produción de leite no mundo entre os anos 2013 e 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información