Como conseguir que as vacas aproveiten mellor a ración e evitar que escollan o penso?

Unha das alternativas que se presentan na alimentación das ganderías de intensivo é o ‘Compact feeding’, un sistema no que se engade auga á forraxe para que as vacas non poidan escoller o concentrado na ración. Coñecemos algunhas das claves deste proceso

Como conseguir que as vacas aproveiten mellor a ración e evitar que escollan o penso?

Unha gandería na que se emprega o sistema Compact feeding para alimentar as vacas.

Un dos problemas máis recorrentes na alimentación nas ganderías de vacún de leite en intensivo é que, a pesar dos esforzos por ter unha ración equilibrada, as vacas rematan escollendo determinados compoñentes en favor doutros. Unha das alternativas que se presenta para reducir este problema é o “Compact feeding” (Total Mixed Ration, TMR), un sistema de alimentación que consiste en engadirlle auga á ración do carro para lograr que a fibra e o concentrado conformen unha pasta homoxénea, de maneira que as vacas non poidan escoller.

Se os animais son capaces de separar os ingredientes, adoita darse que as vacas máis dominantes do rabaño comen maior cantidade de concentrado, o que provoca que a ración non sexa igual para tódolos animais para os que se pensara.

“O que buscas cando elaboras a ración é que estea equilibrada e que a vaca reciba a ración tal e como a deseñaches no ordenador, cos aportes de cada ingrediente que precisa. Se os animais son capaces de escoller os concentrados, ó final van deixando a forraxe e non acaban recibindo a ración como deberan”, explica o responsable do departamento de Leite e Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), César Resch Zafra.

Unha das vantaxes deste sistema é que permite reducir as sobras a un mínimo do 2%

Este sistema de alimentación compactada, desenvolvido sobre todo en granxas de Dinamarca e Holanda, permite reducir as sobras a un mínimo do 2%, arredor dun quilo por vaca, que é outra das principais vantaxes que presenta. O Compact feeding é unha mestura na que o silo de herba é a parte central e onde non quedan pellets ou pequenas partículas nin na ración nin no comedeiro. Ó ser unha masa húmida, a ración resulta homoxénea.

O sistema Compact feeding foi unha das alternativas que se estudaron no Proxecto Eurodairy, no que participaron varias entidades galegas como o Ciam, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), o Laboratorio Interprofesional Galego do Análise da Leite (Ligal) ou a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).

Como se consegue esta mestura?

Para lograr o Compact feeding lévanse a cabo varias fases, un proceso co que garantir a calidade da ración e conseguir esa maior uniformidade. A diferenza máis significativa con outros métodos de preparación da ración é que os concentrados somérxense en auga previamente a mesturalos co resto de ingredientes. É un sistema pensado, sobre todo, para aquelas ganderías nas que empregan os concentrados en granulados e resulta máis complexo conseguir unha mestura uniforme.

O Compact feeding no carro mesturador.

O Compact feeding no carro mesturador.

En concreto, segundo apuntan os expertos, os concentrados permanecen a remollo máis dunha hora, polo xeral durante toda a noite anterior. Humedecer o concentrado permite que se aumente a súa adherencia.

A continuación, faise a mestura coa premezcla mineral, o silo de herba e outros alimentos que aporten fibra. Por último, engádese o silo de millo. “Este sistema resulta de utilidade en racións onde é difícil que o concentrado se mesture ben coas forraxes”, explica Resch. Así, é unha alternativa para racións moi secas formadas a base de alfalfa (que apenas adoita ter unha humidade do 10%) e silo de millo, onde ó engadir o concentrado, este adoita rematar esvarando ata o solo, permitindo que as vacas o escollan mellor.

A cantidade de auga que debe aportarse á ración estímase tendo en conta a humidade que conteñan as forraxes e a materia seca

A cantidade de auga que debe aportarse á ración estímase tendo en conta a humidade que conteñan as forraxes e a materia seca total que aporten os distintos compoñentes. O obxectivo é acadar racións que teñan entre un 45-50% de materia seca. Así, dependendo dos ingredientes que compoñan a ración, se estes teñen un alto aporte de materia seca que excede diso, engadir auga pode conseguir acadar un equilibrio. É o caso das mesturas a base de alfalfa e concentrado, que soen ser moi habituais en ganderías francesas.

Aplicar o compact feeding en Galicia

O sistema Compact feeding adoita empregarse, sobre todo, en ganderías de países do norte de Europa e pode ser unha opción para aquelas granxas onde a ración é moi seca. Polo de agora, esta práctica non está moi estendida en Galicia, aínda que xa hai ganderías que a levaron a cabo de xeito intuitivo e experimental para conseguir ter unha mestura máis uniforme.

O calor é un dos condicionantes do Compact, xa que as altas temperaturas e a humidade favorecen a aparición de bacterias

Un dos aspectos a ter en conta sobre a aplicación do sistema en Galicia é que no verán, coas altas temperaturas, unha maior humidade na ración pode dar lugar a que na mestura final poidan aparecer bacterias. “Galicia non é Dinamarca nin Holanda e hai que ter moito coidado co exceso de humidade nas épocas nas que fai calor. No verán é mellor que esa ración estea máis seca para reducir riscos, pero nos días frescos e fríos pode ser unha boa alternativa”, explica Resch.

Efectos do compact feeding na granxa

Este tipo de alimentación foi estudada pola firma danesa Seges, especializada na xestión agrícola e gandeira. Seges avala que a aplicación deste sistema provoca cambios significativos tanto na produción e saúde do rabaño como no seu comportamento. Unha dos primeiros efectos que se observan nas ganderías é que se reduce o tempo que as vacas están no comedeiro e pasan a estar máis nas camas. Aínda que logo responden inmediatamente cando se lles bota a comida.

“As vacas non menten, abonda con observar o seu comportamento no comedeiro para avaliar as calidades deste sistema de alimentación”, comenta Niels Bastian Kristensen, biotecnólogo e defensor do Compact feeding.

Co Compact feeding redúcese o tempo que as vacas pasan no comedeiro e increméntanse os valores de ECM

Entre os cambios que se observan está que as vacas comen dende a cima da pila e non do chan do comedeiro, xa que a comida permanece na pila. Os animais están moito máis centrados comendo e non atenden a distraccións nin a remexer na comida.

Os efectos da alimentación tamén se derivan á produción e poden verse ó mes de comezar a empregar o sistema, incrementándose os valores de Enerxía Correxida en Leite (ECM) como recolle Bastian Kristensen nun estudo e amosou no proxecto Eurodairy. Son ademais uns resultados que o experto indica que se manterían no tempo.

Primeiros efectos na produtividade da gandería co sistema Compact feeding.

Primeiros efectos na produtividade da gandería co sistema Compact feeding.

Efectos do cambio de sistema de alimentación nos 2 primeiros anos.

Efectos do cambio de sistema de alimentación nos 2 primeiros anos.

 

Claves a ter en conta na ración compacta

O especialista Bastian Kristensen tamén aporta algunhas claves a ter en conta á hora de elaborar a ración baixo este sistema para evitar tanto problemas no propio carro mezclador como para lograr unha maior optimización dos ingredientes da mestura. Recollemos varias das recomendacións do experto.

– Evitar engadir a auga co mezclador en espera. É preciso que o mesturador estea xa funcionando cando se engade a auga. Tamén é importante que a auga da mezcla non chegue a conxelarse, xa que pode resultar perigosa.

– Protexer tanto o carro como o tractor, para o que se recomenda non deixar de remexer antes de descargar a mezcla.

– As chapas restrinxentes do carro mezclador deben empregarse cando se corta a palla pero non cando se mestura o Compact feeding para vacas en lactación, xa que córrese o risco de bloquear o carro.

– A ración das vacas secas debe ter unha estabilidade aeróbica, que se logra tendo en conta o deseño e a velocidade máxima do sinfín durante a descarga.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información