¿Como lle afecta a un gandeiro nas axudas da PAC incumprir o decreto de xurros?

Asturias demanda que as restricións ao esparexido de xurro con sistema de prato ou abano non se apliquen nas fincas de menos de 0,5 hectáreas. Explicamos como afecta nas axudas da PAC.

¿Como lle afecta a un gandeiro nas axudas da PAC incumprir o decreto de xurros?

As administracións autonómicas de Galicia, Asturias e Cantabria están a coordinar a súa resposta ante o Real Decreto 980/2017, do 10 de novembro, polo que o Ministerio de Agricultura modifica varios puntos relacionados coa PAC, entre eles a penalización do esparexido de xurros como se viña facendo ata agora, mediante cisterna con sistema de prato, canón ou abano.

Estes cambios que supón a directiva do Ministerio non lles afectan aos pequenos agricultores, senón só aos que soliciten as axudas directas da PAC e que estean suxeitos ás normas de condicionalidade: boas condicións agrarias e ambientais da terra e requisitos legais de xestión.

Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural explican que “en caso de que algún destes foran inspeccionados e se lles atopara incumprimento, aplicaráselles unha redución que estaría en principio entre o 3 e o 5% o primeiro ano”.

“Se se lle volve detectar o incumprimento nos 3 seguintes anos, a redución podería chegar ata o 15%, e unha vez que chegue ao 15%, se volve repetir o incumprimento podería perder o 100% das axudas da PAC dese ano”, explican.

Alegacións nas que está a traballar Galicia:

O Ministerio de Agricultura recoñece que as Comunidades Autónomas poderán presentar alegacións para adaptar o decreto ás súas realidades, establecendo excepcións durante este ano, aínda que a ministra xa advertiu de que trátase dunha directiva europea e que hai que cumprila. Anunciou tamén axudas para adaptar as cisternas, aínda que sen concretar o importe.

En Galicia a Consellería do Medio Rural asegura que “a Xunta segue en contacto co resto de comunidades autónomas para acadar un consenso e a unidade de acción de cara á aplicación de excepcións desta normativa”.

As excepcións nas que está a traballar a Consellería solicítanse en función do sistema de explotación, para as granxas en extensivo, por orografía e edafoloxía, polas condicións do clima, por tamaño das explotacións e a súa dispersión e por motivos socioeconómicos.

“No caso da orografía, lémbrase que unha porcentaxe importante do solo agrario útil de Galicia localízase en zonas de alta montaña ou con limitacións naturais. A pendente nalgunhas destas áreas faría imposible practicar o aboado tal e como establece a normativa, implicando tamén un risco para as persoas durante a súa aplicación, polas altas posibilidades de que as máquinas se deslicen en chans húmidos”, explican dende Medio Rural.

Medio Rural: “Estamos en contacto con outras comunidades para consensuar as excepcións a esta normativa”

En canto á edafoloxía, a Consellería argumenta que “boa parte da nosa comunidade caracterízase por terreos de montaña pedregosos que impedirían a inxección do xurro”. Pola climatoloxía, ponse de manifesto que “Galicia é unha rexión con precipitacións elevadas durante períodos prolongados, o que limita o tempo dispoñible para os labores agrícolas e que condiciona o acceso ás superficies e as prácticas de aboado, propiciando ademais desprazamentos e afundimentos do terreo, co conseguinte risco de que a maquinaria envorque”.

Con respecto ao tamaño das explotacións e a súa dispersión, a Consellería lémbralle ao Ministerio que “en Galicia predomina o minifundismo en granxas pequenas e medianas, que constitúen o 80% do total, e o emprego de novos sistemas de aplicación de xurros require potencia e maniobrabilidade, algo inviable en moitos casos”.

Por último, por razóns socioeconómicas, sinálase que a normativa obrigaría a realizar novos investimentos, por carecer desta maquinaria específica de aplicación de xurros e que require ademais, en moitos casos, tractores con maior potencia.

Asturias: Excepcións para fincas de menos de media hectárea

No caso de Asturias as excepcións que estuda solicitar o Goberno do Principado ao Ministerio son prácticamente idénticas: que a norma non se aplique en terreos con máis dun 10% de pendente, ao igual que para as parcelas de menos de 5.000 metros cadrados ou terreos con extremada dureza pola súa composición pedregosa. De ser aceptadas estas alegacións por parte do Ministerio consideran que a maior parte do territorio asturiano quedaría exento este ano de cumprir a norma.

Mentres tanto, a Unión de Campesinos Asturianos (UCA) xa anunciou mobilizacións. A primeira será unha concentración o vindeiro venres, 2 de febreiro, ás 12:00 horas, ante a Consejería de Medio Rural, en Oviedo. A convocatoria fala de demandar unha moratoria na aplicación da normativa de xurros e da aprobación de excepcións.

Ao igual que en Galicia, en Asturias os sindicatos consideran “inasumible” a norma, que obrigaría a gastos que estiman nuns 32.000 euros por gandería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información