A Comisión Europea pronostica baixadas do prezo do leite no 2018

O informe de perspectivas do mercado lácteo da UE sinala que o aumento da produción levará a “presións nos prezos” nos próximos dous anos. Prevé unha tendencia xeral de mellora do mercado ata o 2030, cun aumento das marxes das ganderías

A Comisión Europea pronostica baixadas do prezo do leite no 2018

O comisario de Agricultura da Comisión Europea, Phil Hogan. / Arquivo.

O aumento da produción de leite que se vive na UE desde a primavera do 2017 levará a unha caída dos prezos no 2018 – 2019, se ben non se agarda unha nova crise como a do 2015-2016. Se daquela os prezos medios en Europa chegaron a tocar fondo en niveis próximos ós 25 céntimos /Kg., nos próximos dous anos non se espera baixar dos 30 céntimos de media. Son as perspectivas que debuxa para o curto prazo o informe de mercados agrarios elaborado pola Comisión Europea para o periodo 2017-2030.

O informe, que nada di sobre como prevé manexar a Comisión Europea futuribles crises do leite, apunta as tendencias de produción e de mercado internacional que se esperan para os próximos anos. Resumimos a continuación as principais cuestións expostas no documento, presentado onte.

Produción e prezos no campo

– O aumento da demanda de graxas lácteas e a redución das entregas de leite no último trimestre do 2016 e no primeiro do 2017 permitiron un ascenso dos prezos do leite, que chegaron a 37 céntimos / kg. no mes de setembro no conxunto da UE. A mellora dos prezos estimulou un incremento da produción, de xeito que a UE rematará o 2017 cun 0,8% máis de entregas. Espérase que no 2018 haxa un crecemento maior da produción, sobre todo polos incrementos en países de referencia, como Francia e Alemania.

Perspectivas de evolución de prezos do leite ata o 2030.

Perspectivas de evolución de prezos do leite ata o 2030.

– O aumento da produción xerará probablemente presións nos prezos do leite no campo nos próximos dous anos, se ben espérase unha tendencia xeral de mellora das cotizacións ata o 2030, con altibaixos probables debidos á volatilidade de prezos. Agárdase no mesmo periodo que haxa aumentos moderados no prezo da alimentación animal, polo que a marxe de beneficio das granxas debería mellorar, segundo a previsión do informe da UE. O documento advirte, non obstante, de que hai riscos de crises por desequilibrios de mercado, en particular se os niveis de produción “non se adaptan” ás baixadas de prezos do leite.

– As previsións de prezos da Comisión Europea fanse sobre a base dun crecemento da produción moderado, de arredor de 1 millón de toneladas ó ano para o conxunto da UE, o que representa un aumento das entregas inferior ó 1%. Cómpre lembrar que só no periodo 2015-2016 as entregas aumentaron no conxunto da UE en 10 millóns de toneladas.

Estratexias ante a volatilidade de prezos
– En resposta á perspectiva de volatilidade de prezos, o informe sinala que os operadores da cadea láctea deberán desenvolver estratexias para limitar o impacto da variabilidade de prezos das ‘commodities’ (leite en po, manteiga, queixos industriais, etc.).

– Para evitar a alta variabilidade de prezos dos produtos lácteos industriais, unha alternativa sitúase en produtos de alto valor engadido. O informe menciona leites infantís, queixos e esquemas de produción de calidade que demanden os consumidores, como o leite ecolóxico e outros.

– Arredor do 3% da produción de leite da UE foi de leite ecolóxico no 2016, con grandes diferenzas por países. En tanto en Austria ou Dinamarca, arredor do 10% da produción é de leite ecolóxico, en Irlanda, España ou Polonia foi menos do 0,5%. Nos dúas principais potencias lácteas europeas, Francia e Alemania, a porcentaxe foi do 2,5%. Os rendementos na produción orgánica son variados, con arredor de 7.000 kg. / vaca en Dinamarca, Suecia ou Holanda, e producións inferiores a 5.000 Kg. / vaca en Alemania ou Francia.

Limitacións medioambientais

– A UE advirte de que os problemas medioambientais xa están condicionando a produción en países como Holanda, que este ano se viu obrigada a reducir a sua cabaña gandeira de leite en 50.000 cabezas para diminuír a contaminación por fosfatos.

Mercado interno

– A Comisión calcula que ata o 2030 serán precisas 900.000 toneladas adicionais ó ano para cubrir o aumento da demanda interna, principalmente en queixos, postres lácteos, leites infantís e concentrados de soros e proteínas.

– O aumento da produción de produtos procesados implica un maior consumo de queixo (pizzas e comidas preparadas), leite en po e manteiga (pastelería).

Queixos, nata e manteiga

– A principal liña de crecemento do consumo de lácteos en Europa é a dos queixos. O aumento das comidas preparadas, que medraron un 20% no periodo 2010-2016, levan a un aumento da da demanda de queixos, sobre todo de mozzarella. O consumo per capita de queixos en Europa incrementarase en 2 kg. /ano, ata chegar no 2030 ós 20 kg.

– A produción de nata espérase que medre un 17% ata o 2030 polo aumento do consumo doméstico e do seu uso en alimentos procesados. Tanto a nata como a manteiga son vistos como produtos naturais e están a ter un maior uso en detrimento doutras alternativas, como a margarina, que reduciu a súa produción un 20% na UE no periodo 2010-2015, ou o aceite de palma.

Evolución prevista para o consumo dos produtos lácteos.

Evolución prevista para o consumo dos produtos lácteos.

– A alta demanda de manteiga continuará, pero os prezos reduciranse polo esperado aumento da produción de leite en Europa e noutros grandes exportadores, como Nova Zelanda. Dado o bo comportamento das graxas lácteas no mercado, espérase un aumento progresivo dos niveis de graxa do leite en granxa, ata chegar a un 4,08% de media na UE no 2030 (Actualmente a media é do 4%).

– O consumo de postres lácteos aumentará ata o 2030, se ben a venda de iogures, que conteñen máis leite que os postres lácteos, reducirase lixeiramente no conxunto da UE-28.

O leite líquido continuará á baixa, pero hai segmentos que medran en esquemas de calidade, sen lactosa e leite xusto

Leite líquido
– Espérase que o consumo de leite líquido continúe descendendo por factores como o aumento de consumo de bebidas vexetais e cambios no estilo de vida. En Francia, o aumento das persoas que se saltan o almorzo na casa asóciase a un descenso do consumo de leite líquido.

– A venda de leite líquido consérvase mellor nos países onde predomina o leite fresco (como Gran Bretaña) fronte ós que consumen máis UHT. Os segmentos que están medrando son os do leite ecolóxico, o sen lactosa, o de leite procedente de vacas alimentadas sen transxénicos e o de leite xusto, obtido de gandeiros que cobran un prezo axeitado. Son tendencias -valora a Comisión- que non relanzarán o consumo de leite líquido, pero que si aportan valor a este segmento de mercado.

Leite en po e proteínas
– Os baixos prezos do leite en po desnatado levaron a un aumento das exportacións do 40%. Sen embargo, é un mercado que presenta problemas derivados da crise do 2015-2016, pois hai 375.000 toneladas de leite en po intervidas pola Comisión Europea e non se sabe cando e a que prezos se liberará ese leite no mercado.

O informe da Comisión non prevé novas compras para intervención de leite en po no 2018. Á vista do mercado, cómpre preguntarse se é realista ese cálculo

– A Comisión Europea quere liberar os seus stocks de leite en po antes do 2020 e non ten previsión de que haxa máis compras en intervención. O informe de perspectivas da Comisión defende que os bos prezos que acadou a graxa láctea permitirán que o prezo do leite se manteña o suficientemente alto para non impulsar a intervención pública.

– Á vista do aumento da intervención pública de leite en po desnatado (SMP) que se iniciou no outono do 2017, cómpre preguntarse se é realista esa previsión da Comisión de que non haxa máis compras públicas de SMP nos anos 2018 e 2019.

– No medio prazo, a partir do 2020, o informe espera unha recuperación do mercado do leite en po, con prezos no entorno dos 2.500 euros / tonelada, fronte ós 1.500-2.000 do último ano.

– Prevese un aumento da demanda de proteínas lácteas (soros e outras) orientadas a alimentos infantís e nutrición deportiva e clínica.

Mercado internacional

– A demanda de mercado internacional medrará ata o 2030, pero a un ritmo un 40% máis baixo que na década 2007-2017, excepto para a manteiga, para a que se prevé unha expansión na próxima década.

– A UE espera aumentar as súas exportacións en arredor de 400.000 toneladas anuais -principalmente vía queixos e leite en po- para cubrir un 30% do aumento da demanda mundial de lácteos.

– China seguirá incrementando as súas compras de lácteos, pero cunha progresión menor, pois tamén está elevando a súa produción de leite e o ritmo de crecemento demográfico está a reducirse.

– A demanda china orientarase a produtos de maior valor engadido, como leites infantís, manteiga, nata e queixos (mozzarella e queixo crema, sobre todo), nos que a súa capacidade de produción é máis pequena. O envío de leite Uht líquido baixará, como xa fixo no 2017, por unha maior competencia da produción local, e non se esperan aumentos nos envíos de leite en po enteiro. Sen embargo, si é previsible un aumento das vendas de leite en po desnatado para o seu procesado na industria alimentaria china.

Perspectivas dos mercados internacionais.

Perspectivas dos mercados internacionais.

– Outros mercados de Asia continuarán en ascenso (Malasia, Corea do Sur, Vietnam, Filipinas) e espérase tamén un lixeiro aumento das compras de Oriente Medio e Mexico.

– África é un dos mercados que máis medrará nos próximos anos. En países da África subsahariana, como Nixeria, espérase un aumento das compras de leite en po e proteínas lácteas, en tanto no Magreb haberá un crecemento significativo da demanda de queixos e manteiga, segundo a Comisión Europea.

– Rusia. Na hipótese de que o veto ruso á produción europea remate no 2019, o mercado non se recuperará de xeito rápido. Si é esperable un aumento rápido das vendas de manteiga e leite en po, con destino á industria alimentaria, pero as vendas de queixo quedarán por baixo das que había antes do veto.

– India será na próxima década un novo xogador a ter en conta no mercado internacional. A Comisión Europea cre que o aumento da súa produción interna será absorbido polo seu propio mercado, pero en intres de prezos atractivos no mercado internacional, é previsible que India se lance á exportación de leite en po, como xa ten feito no pasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información