cultivo-colza-

A colza, unha alternativa de proteína para o gando fronte á soia

Unha investigación constata que a torta de colza prensada en frío é unha opción para a alimentación animal na Cornisa Cantábrica. A oleaxinosa mellora ademais o perfil de ácidos graxos do leite

A alimentación é un dos alicerces nas gandarías e representa máis do 60% dos gastos da produción, por iso, a dependencia de materias primas importadas, como a soia, que acostuman a sufrir importantes variacións no prezo, é un condicionante para a rendibilidade da actividade. Pero, que alternativa se lle presenta aos gandeiros para reducir custos e seguir achegando proteína na ración?

Esta é a pregunta á que tentou dar resposta a veterinaria Izaro Zubiria, xunto ao equipo de Neiker-Tecnalia (País Vasco), nun traballo que realizaron para ofrecer opcións viables ao sector gandeiro da Cornisa Cantábrica. O obxectivo da investigación era reducir a dependencia de materias primas como a soia, importada polo xeral de Estados Unidos, Brasil e Arxentina, un produto cun alto contido en proteína, indispensable na ración do gando.

As alternativas á soia pasan por cultivos de oleaxinosas como a colza e o xirasol, ou leguminosas forraxeiras, como a alfalfa e a veza

As alternativas á importación de soia pasan por cultivos de oleaxinosas con alto contido de proteínas, como a colza e o xirasol; ou leguminosas forraxeiras, como a alfalfa, a veza ou a esparcela. A produción de cultivos oleaxinosos en Europa carrexa outras vantaxes, ao poder usarse como biocombustibles, en especial a colza, á vez que resultan unha alternativa máis sostible para a gandaría, debido á redución da pegada de carbono derivada do transporte internacional da soia.

Competir coa soia americana

Até o momento, tanto Estados Unidos como Brasil souberon lograr unha gran produción de soia, en base a grandes extensións e ao emprego de variedades modificadas xeneticamente que os puxeron á cabeceira mundial. “En Europa, en cambio, non se fixo moito por favorecer este tipo cultivos proteaxinosos fronte a outras colleitas como os cereais”, explica Zubiria.

Así, hoxe Europa é deficitaria en proteína, debido á escasa presenza destes cultivos proteicos como a soia que, ademais, adoitan rexistrar moitas fluctuaciones de prezo. “É habitual que materias primas como a soia rexistren baixadas e subidas do prezo. Tanto poden estar a se vender a 320 euros por tonelada como pasar a 400 euros por tonelada en poucos días, co que o gasto para o gandeiro se incrementa notablemente”, apunta a veterinaria.

Unha das razóns polas que non despegaron estes cultivos é a menor produción que se logra fronte aos cereais

Nos últimos anos, a produción de soia e colza en España aumentou, en parte derivada pola Política Agraria Común (PAC 2015-2020), que impulsa a incluír este tipo de cultivos de proteaxinosas para a fixación do nitróxeno no chan. A colza constatouse que se adapta ben ás condicións climáticas da cornixa cantábrica e podería ser viable unha maior implantación.

Outro factor que, de forma indirecta, impulsou que se incrementase a produción de cultivos como a colza en España e en Europa é o seu aproveitamento como biocombustible. “A política da UE sobre biocombustibles probablemente fose a que máis efecto causase no aumento destes cultivos, aínda que o seu principal obxectivo non fose abastecer á gandaría de fontes protéicas”, comenta a veterinaria.

O procesado da colza para biodiesel pon no mercado un subproducto rico en proteína que pode ser utilizado en alimentación animal. Trátase da torta de colza que resulta do prensado en frío das sementes.

Con todo, unha das razóns polas que non acabou de despegar este tipo de cultivos é a menor produción que se logra por hectárea fronte aos cereais. No caso concreto da soia tamén influíu, en gran medida, a política europea sobre o cultivo dos Organismos Xeneticamente Modificados (OGM).

Evolución da produción de colza en España.

Evolución da produción de colza en España.

Evolución da produción de soia en España.

Evolución da produción de soia en España.

A torta de colza resulta do prensado en frío das sementes trala obtención do biodiesel

A colza na alimentación do gando

O incremento da produción de colza en España, con plantacións en zonas de Navarra e Álava, como constata a veterinaria, abre a posibilidade a utilizala como substituto da soia. “A colza é un dos cultivos nos que máis interese se puxo para o seu aproveitamento como biocombustible e, desa obtención, logramos un subproducto que podemos aproveitar para o gando”, incide. Así, a investigación realizada evidencia as posibilidades que ofrece a colza, tanto na produción de biodiesel como no aproveitamento do subproduto para alimentación animal.

Colza-prensada-

Torta de colza prensada en frío.

A torta de colza contén moita máis enerxía, xa que conserva maior cantidade de graxa. Pero ademais, esta graxa ten un perfil de ácidos graxos insaturados que modifican as características do leite incrementando a concentración de ácidos graxos insaturados, cos beneficios coñecidos para o consumidor.

Unha oportunidade para o vacún en ecolóxico

O cultivo de colza para o autoabastecemento das ganderías é unha opción viable. A investigación realizada no País Vasco implantou en dúas ganderías de ovino de leite un sistema cunha pequena prensa móbil e unha caldeira, a fin de xerar tortas de colza. “Os resultados foron satisfactorios en ámbolos casos, aínda que se trata de experiencias a pequena escala”, concreta a veterinaria.

Prensado-colza-en-frio-

Torta de colza prensada en frío nunha das ganderías nas qe se testou.

De feito, nestes casos xa conseguiron un aforro do 9% ao utilizar a torta de colza. Polo momento, a maior limitación está no seu aproveitamento para gandarías de vacún de gran tamaño. Está pendente aínda de estimar os gastos que suporía o proceso e a viabilidade económica, aínda que todo apunta a que implicaría unha redución de custos.

O uso desta torta de colza prensada en frío permitiu un aforro do 9% nas gandarías de ovino que a probaron

“As explotacións locais ou ecolóxicas, normalmente máis pequenas, son un tipo de sistema no que podería encaixar o proceso, xa que se trata de modelos nos que se prima a utilización dos recursos propios ou, na súa ausencia, de produtos locais”, apunta a veterinaria.

Ademais, “o prezo das materias primas ecolóxicas case duplica ás convencionais, daquela o custo é moito maior e, en consecuencia, pequenos cambios implican grandes diferenzas”, concreta Zubiria.

Un consumidor que esixe máis sostibilidade

O uso da torta de colza prensada en frío na alimentación do gando tamén pretende atender ás esixencias do consumidor, que reclama produtos máis respectuosos co medio ambiente. “O consumidor preocúpase e esixe que a alimentación dos animais sexa máis natural e saudable”, recorda a veterinaria. Neste senso, a colza é unha alternativa aos cultivos importados de América, onde os transxénicos están moi presentes.

Realizaron unha cata do leite e comprobaron que o cambio do perfil de ácidos graxos non xerou rexeitamento

Dado que o uso da torta de colza prensada en frío varía o perfil de ácidos graxos do leite, os investigadores realizaron unha avaliación das características sensoriais, para comprobar se o devandito cambio provocaba o rexeitamento por parte do consumidor. Para iso levouse a cabo unha cata con 60 catadores non adestrados, de idades entre 18-65 anos, que non apreciaron diferenzas. “As probas demostraron que o consumidor non daba preferencia algunha a ningún dos leites, por tanto, a conclusión foi, unha vez máis, que a torta de colza prensada en frío pode ser unha alternativa como fonte proteica e enerxética en alimentación animal”, reafirma a veterinaria Izaro Zubiria.

A investigación sobre a colza enmárcase no proxecto Life Seedcapital (Life Env/Es/590) e no proxecto Inia (RTA 2012-00065-C05). Por este traballo, a veterinaria Izaro Zubiria gañou ademais o premio especial Neiker ao mellor artigo de divulgación en euskera, no marco dos premios CAF-Elhuyar, que recoñecen as investigacións nesta lingua relacionadas co sector agrogandeiro e forestal.