Cobideza renova o acordo con Reny Picot con máis subministro de leite e posibilidade de industrializalo en Galicia

Cobideza renova o acordo con Reny Picot con máis subministro de leite e posibilidade de industrializalo en Galicia

Camión de Reny Picot en Cobideza

A sociedade cooperativa Cobideza ultima a renovación do contrato lácteo colectivo coa multinacional asturiana Reny Picot, presidida por Francisco Rodríguez. O contrato, que estará vixente dende o 30 de xuño deste ano ata o 1 de xullo de 2019, aglutina a produción de 230 explotacións gandeiras das comarcas de Deza, Tabeiros, Terra de Montes e a Ulloa.

O que se propón en canto a cantidades é incrementar en arredor dun 14% a recollida, pasando dos 44 millóns de litros do contrato de 2017 aos 50,56 millóns de litros do contrato proposto. Con este volume a cooperativa convértese nunha das cooperativas máis grandes de Galicia en cantidade de leite comercializado.

“O crecemento ven dado por a entrada de novos socios, pero sobre todo polo crecemento sostido das ganderías xa que non teñen tope de produción”, salientan dende Cobideza.

En canto aos prezos, a proposta é dun prezo variable, cunha parte indexada á media galega e outra parte referenciada ás cotizacións da manteiga e do leite en pó que publica periódicamente a Comisión Europea.

A Xunta directiva de Cobideza convocará unha asemblea xeral ordinaria nos próximos días para someter a votación dos socios a proposta de renovación do contrato con Reny Picot, e introducir posibles cláusulas de mellora.

“A cooperativa leva catro anos de relación comercial con Reny Picot, e a relación baséase no diálogo e na transparencia. Tamén en subministrar a Reny Picot leite de alta calidade, que poida incluso utilizarse tamén en leite en pó para alimentación infantil. Por eso a cooperativa fai un seguimento con técnicas/os de todo o proceso produción”, salientan dende Cobideza.

Posibilidade de que Reny Picot invista en industrializar o leite en Galicia

A cooperativa que preside o gandeiro Román Santalla tamén traballa noutro frente que está relacionado con que a multinacional asturiana invista en Galicia en industrializar cando menos unha parte do leite. De feito, a industria está a punto de inaugurar unha planta de concentración de soro na planta de Farelo, en Agolada. Sen embargo, a cooperativa aspira e traballa para que Reny Picot afronte algún proxecto de maior envergadura, como quedou reflexado na visita da cooperativa á sede de Reny Picot en Asturias, nunha delegación encabezada polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña.

Por último, Cobideza tamén colabora coa organización de produtores ULEGA, o que se traduce en maiores servizos e beneficios para ambas partes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información