Cobideza pide axilidade para certificar en ecolóxico ás granxas en pastoreo

A cooperativa, que produce queixos bio e convencionais, cuestiona que o proceso de transición dunha explotación poida durar ata 3 anos. “Hai demasiadas trabas, aburren á xente”, valoran

Cobideza pide axilidade para certificar en ecolóxico ás granxas en pastoreo

Reunión da conselleira coa cooperativa Cobideza.

A cooperativa Cobideza (Lalín) mantivo un encontro coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para darlle conta do seu proxecto de queixería en Agolada, no que está a producir queixos convencionais e ecolóxicos. O presidente da cooperativa, Román Santalla, aproveitou tamén para solicitar de Medio Rural maior axilidade para certificar en ecolóxico ás granxas convencionais en pastoreo que queiran cambiar de modelo produtivo.

De entre as 210 explotacións que integran a cooperativa, Santalla incide en que hai unha parte que están dispostas a producir en ecolóxico, pero atópanse con que o proceso de transición para lograr o certificado oficial pode durar “ata 3 anos”, sinala o presidente da agrupación. “Hai demasiadas trabas e a xente abúrrese” -critica-. “Por que unha granxa en pastoreo, que non usa fitosanitarios, non se vai poder certificar nun menor periodo?”, pregúntase.

“Pedimos café para todos? Non. Hai que ser escrupulosos coa legalidade, pero en granxas non intensivas o proceso debe ser outro”

Desde Cobideza admiten que o proceso actual de transición pode ser correcto para granxas intensivas, pero consideran que non para aquelas que xa cumpren cunha boa parte dos requisitos. “Estamos pedindo café para todos? Non. Hai que ser escrupulosos coa legalidade porque se non a produción ecolóxica non sería crible, pero non se lle poden pedir os mesmos requisitos a unha granxa intensiva que a unha que está en pastoreo e que non usa produtos químicos”, defende o presidente da cooperativa.

Oportunidade
A demanda de leite ecolóxico no mercado está en ascenso, ata o punto de que Santalla asegura que habería industrias interesadas en envasar en ecolóxico que non poden facelo por falta de gandeiros. Na actualidade, só Lactalis e Celta teñen recollida en ecolóxico en Galicia. “Temos unha oportunidade que hai que aproveitar. Está entrando leite ecolóxico de fóra cando o podiamos estar producindo aquí”, advirte.

A propia cooperativa Cobideza está a poñer en marcha unha queixería en Agolada na que ten unha liña de produción de queixos ecolóxicos. Cobideza xa iniciara o pasado ano a produción de queixos convencionais na queixería da Semana Verde (Silleda), que xestionaba en aluguer. Agora esa produción pasou á nova queixería que a cooperativa lle mercou á sociedade Avega este verán en Agolada.

O proceso de transición ás novas instalacións concluirá previsiblemente esta semana, tras pechar uns procesos burocráticos que desde Cobideza consideran excesivos. “En Galicia, todo custa”, conclúen.

Queixos co selo ‘Galega 100%’

Na reunión coa conselleira, a cooperativa abordou tamén o uso do selo ‘Galega 100%’ para a súa produción queixeira. Por parte da Consellería, houbo disposición a facilitar a utilización do selo de garantía, unha cuestión que Santalla considera un avance para o sector. “Para competir no mercado español, o selo de Galega 100% é importante”, valora. “Ata agora só se utilizaba en leite envasado”.

A queixería de Cobideza estase enfocando principalmente á elaboración de queixo Arzúa-Ulloa, de Tetilla e ecolóxico, produtos todos eles que xa teñen o seu propio recoñecemento no mercado a través da certificación dos correspondentes consellos reguladores.

“O selo Galega 100% para nós tamén é interesante, pero sobre todo pensamos que vai ser un avance importante para as queixerías industriais que elaboran queixos de barra e similares. Non é o mesmo que compitan no mercado co selo Galega 100%, que ofrece unhas garantías de orixe do leite e de calidade, que enfrontarse a outros queixos sen ningún tipo de distintivo”, conclúe Santalla.

Una idea sobre “Cobideza pide axilidade para certificar en ecolóxico ás granxas en pastoreo

  1. Jose Antonio

    A conversion non aburre a xente, a falta de escrupulos dalguns direxentes que so miran po seu interes a costa dos de sempre os gandeiros, aqueles que queiran pasar a ecoloxico, teñen dous anos de conversion para as terras, e seis meses para a conversion de vacun de leite, un ano vacun de carne, esa e a normativa europea, total dous anos e non tres, a conversion non so e o uso de fitosanitarios, tamen de abonos quimicos, carga gandeira, e mentalidade, non se pode concevir que veña un decir agora que polos seus interese se teña que cambiar a normativa. E os que se adaptaron e cumpriron as normas teñan que vivir estas niñatadas, as normas son as que son e somos libres de decidir si nos interesan ou non, o que as acepte adiante, e senon gustan no faledes nem tentedes cambiar as reglas do xogo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información