Cobideza inicia a exportación de queixos con vendas a Reino Unido e Andorra

A cooperativa dezana está a preparar a saída ó mercado dun queixo elaborado con leite cru

Cobideza inicia a exportación de queixos con vendas a Reino Unido e Andorra

Queixo Arzúa-Ulloa coa etiquetaxe en inglés.

A cooperativa dezana Cobideza, que iniciou no 2015 a produción de queixos, vén de acometer estes días a súa primeira exportación, con expectativas de continuar con esa liña de traballo. Cobideza, que produce queixos de Arzúa Ulloa, Tetilla e ecolóxicos baixo a marca Dona Cobiña, enviou un camión con destino a Andorra e Reino Unido cun milleiro de queixos Arzúa Ulloa en tamaño grande e varios milleiros de pezas de Tetilla, así como pequenas mostras do seu queixo ecolóxico.

A elaboración dos queixos de Cobideza caracterízase por ser totalmente artesanal e por empregar leite de vacas en pastoreo. A cooperativa iniciou a súa produción na queixería da Semana Verde e o pasado ano adquiriu unhas instalacións propias en Agolada. Polo de agora, está a desviar unha escasa cantidade de leite da súa produción total para queixos, pero agarda destinar máis no futuro.

O presidente da cooperativa, Román Santalla, considera que a exportación é un “reto importante” e confía en que a calidade do produto permita seguir abrindo mercados noutros países, non só europeos.

Carga do camión dirixido á exportación.

Carga do camión dirixido á exportación.

Queixo de leite crú
Por outra banda, a queixería de Cobideza está a facer probas para lanzar ó mercado un queixo elaborado con leite cru. Este domingo realizará en Lalín as primeiras degustacións, no marco da feira ‘Se é de Lalín, é bo’. A idea da cooperativa é destinar este produto á restauración comarcal, que demanda un queixo artesán e tradicional para acompañar pratos típicos, coma o cocido de Lalín.

O novo queixo atópase en fase de probas e Cobideza está a seleccionar ás ganderías asociadas que suministrarán o leite de xeito específico para as pezas elaboradas con leite cru, pois as esixencias hixiénico sanitarias serán maiores, así como as calidades de graxa, proteína e características da alimentación do gando que se requerirán.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información