“Co pastoreo a nosa gandería é máis rendible”

Visitamos Granxa Vidueira SC, en Ortigueira (A Coruña), unha gandería que mantén altos niveis de produción e de rendibilidade, combinando o pastoreo co suplemento de forraxes e cereais. Andrés Saavedra, un dos titulares, conta como traballan.

“Co pastoreo a nosa gandería é máis rendible”

Andrés Saavedra coas vacas no prado. Ao fondo vese a vila de Ortigueira e o mar.

Granxa Vidueira SC é unha gandería singular por varios motivos. Situada na aldea do Ermo, no concello de Ortigueira, é unha das poucas explotacións de vacún de leite que queda na hai unhas décadas potente comarca leiteira do Ortegal. Pero ademais, traballa nun sistema mixto de pastoreo e alimentación intensiva que lle permite acadar unha media de 36 litros por vaca.

A estrada que leva ata esta gandería discorre por montes agora ocupados polo monocultivo do eucalipto, salpicados de cando en vez por pradeiras naturais dalgunhas ganderías de vacún de leite e de carne, auténticos illotes no medio das plantacións forestais. Un paradoxo nunha comarca con óptimas condicións para a produción de leite e carne de calidade en base a pastoreo. E é que a humidade marítima permite aquí dispor de pastos verdes case todo o ano.

Andrés Saavedra, de 38 anos, é a segunda xeración de gandeiros profesionais que está á fronte desta explotación que conta con 140 animais, dos que 70 son vacas en muxido. Manexan unhas 45 hectáreas de base territorial, das que 35 sitúanse nun radio de 1 kilómetro arredor do establo, e son as que se dedican a pasto e á produción de herba seca e para ensilar.

A gandería para Andrés foi unha elección: “As vacas gustáronme dende pequeno e formeime na Efa Fonteboa, onde tiven a oportunidade de ampliar a miña amplitude de miras tanto a nivel profesional como persoal. Tras traballar cinco anos en empresas do sector, o 2004 decidín incorporarme á gandería dos meus pais”, explica.

Ao longo destes anos a súa estratexia foi seguir perfeccionando un sistema de produción característico desta zona con importante desnivel das fincas e que se basea fundamentalmente no pastoreo.

“Grazas ao pastoreo producimos un leite de maior calidade”

“Grazas ao pasto podo dicir que a explotación é rendible, gañamos diñeiro, a saúde das vacas mellora moito e producimos un leite de maior calidade, con máis ácidos graxos omega tres”, explica.

Así, as vacas e as xovencas están todo o ano fóra en pastoreo día e noite, dende comezos de abril ata mediados de novembro, agás entre mediados de decembro e mediados de marzo, en que permanecen estabuladas. Realizan dous muxidos, ás 7 da mañá e ás 6 da tarde, e antes dos mesmos as vacas en lactación reciben unha ración do carro mesturador e que consiste en 20 kg de silo de millo, 10 kilogramos de silo de herba, 5 kilos de fariña de millo e 3,2 kilos de colza, máis algo de palla cando o pasto está moi tenro. No inverno, cando están estabuladas, sóbenlles a 25 kilos na forraxe de millo e a 15 no caso da herba. O silo de millo mércano a agricultores da comarca de Ferrol, mentres que os cereais adquírenos mediante contratos a un ano.

En canto ás becerras, dende que se lles detecta a preñez permanecen nun lote coas secas, tamén día e noite en pastoreo -a súa principal fonte de alimentación-, agás un suplemento a base de fariña de millo e palla que lles proporcionan os luns, mércores e venres.

Empregan arredor de 250 gramos de concentrado por litro de leite para unha produción de 36 litros

Este sistema que combina o pastoreo coa alimentación do sistema intensivo permítelles acadar altos rendementos en produción, cunha media de 36 litros por vaca e unha produción total anual duns 900.000 kilos. É dicir, en Granxa A Vidueira empregan arredor de 9 kilos de concentrado por vaca e día, o que dá unha media duns 250 gramos de penso por litro de leite, inferior á media dunha explotación en intensivo pero cos mesmos rendementos grazas ao pastoreo.

“As calidades son dun 3,3 % de proteína e co pastoreo o que máis varía é a graxa, que oscila entre o 3,8% en inverno e o 3,1 na primavera”, explica Andrés.

Outra vantaxe do pasto, segundo este gandeiro, “é que as vacas funcionan moito mellor en canto a reprodución, e niso ten que ver o betacaroteno da herba fresca”. En concreto, acadan un 30% de taxa de preñez e un 52% de taxa de fertilidade.

“Temos moi boa fertilidade e practicamente non hai problemas de patas”

Tamén notan unha notable melloría na saúde podal das vacas. “O exemplo máis claro é que cando están estabuladas en inverno aparecen problemas de laminite, porque as camas de goma que temos non son as máis axeitadas, pero é empezar a saíren ao pasto e en 15 días xa desaparece o problema”, conta Andrés. “As vacas están feitas para o pasto, cámbialles o pelo”, subliña.

Os efectos do pasto tamén se notan na fertilidade, cunha media de 3 partos por vaca e arredor dun 25% de taxa de reposición. “Penso que o máis importante para medir a rendibilidade dunha vaca son as lactacións vitalicias e con 5 lactacións gañas diñeiro e amortizas realmente a reposición”, destaca. A maior lonxevidade tamén lles permite inseminar con razas de carne unha media do 20% das vacas adultas, aquelas menos rendibles.

En canto á xenética, en Granxa Vidueira SC empregan touros completos, sen grandes defectos, e sobre todo teñen en conta o carácter de patas, marcando unha puntuación mínima de 2 neste rasgo. Polo que respecta aos caracteres secundarios , como a lonxevidade, Andrés Saavedra recoñece que “non os teño moi en conta porque teñen moi pouca herdabilidade, de arredor do 30%”.

“O xabarín obrigounos a deixar de sementar millo nesta zona”

Ata o pasado ano este gandeiro sementaba unhas 7 hectáreas de millo, que rotaba cunha mestura de veza e avea para alimentar ás becerras. Porén, os reiterados ataques dos xabaríns fixeron que este ano decidira non plantalo. “Aquí o xabarín é unha auténtica praga, ten refuxio nos eucaliptais, pero alí non atopa comida, e os poucos que cultivamos algo pagamos as consecuencias. E este ano, ao estar prohibido plantar patacas, vai ser peor, polo que decidín deixar de sementalo”, explica Andrés.

As vacas saen ao prado despois de muxilas

Futuro: Gañar en calidade de vida e reducir carga gandeira

En canto ao futuro, en Granxa Vidueira veno con optimismo grazas a un sistema de pastoreo que lles permite reducir custos de alimentación e mellorar as propiedades nutricionais do leite, con máis ácidos graxos saudables Omega 3.

Os seus obxectivos a medio prazo son gañar calidade de vida e reducir carga gandeira. En canto ao primeiro, para ter máis tempo libre para conciliar coa vida persoal, van incorporar próximamente outro empregado -na explotación traballan Andrés, a súa nai e un empregado- grazas ás axudas do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

Tamén teñen previsto reducir a carga gandeira mediante a incorporación de 2 hectáreas de terreo e a baixada do número de cabezas do rabaño. “Quero reducir a carga gandeira e poder acceder así ás axudas agroambientais, o que me permitirá gañar o mesmo e con menos traballo”, destaca Andrés.

En definitiva, a aposta de Granxa Vidueira é por mellorar a sustentabilidade económica, medioambiental e social da gandería, tendo o pastoreo como o seu principal activo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información