Clun escenifica a aposta pola unión cooperativa nun gran acto en Santiago

A cooperativa congrega a un milleiro de persoas nunhas xornadas técnicas orientadas a analizar as perspectivas do sector lácteo na próxima década. O evento contou con forte respaldo institucional

Clun escenifica a aposta pola unión cooperativa nun gran acto en Santiago

O presidente de Clun, José Ángel Blanco, na intervención inaugural.

Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), a integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, congregou en Santiago a máis dun milleiro de socios nunhas xornadas técnicas nas que escenificou a súa aposta pola integración cooperativa. O evento orientouse a analizar os retos que enfronta o sector lácteo galego na próxima década, con intervención de analistas na tribuna e co respaldo institucional da Xunta. Inaugurou o presidente, Alberto Núñez Feijoo, e clausurou a conselleira, Ángeles Vázquez.

A mensaxe que se lanzou desde Clun incidiu nas fortalezas da integración cooperativa e na súa aspiración a liderar o lácteo galego. “Somos 3.600 socios, producimos 400.000 toneladas de leite ó ano e transformamos máis de 150.000”, repasou o presidente de Clun, José Ángel Blanco (Os Irmandiños), no acto inaugural. “O futuro do sector non está no individual, senón no colectivo e con dimensión suficiente”, valorou.

Apoio institucional

A intervención institucional por parte da Xunta sinalou o mesmo camiño. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, equiparou o lácteo galego a outros sectores económicos da comunidade, como o naval, a automoción ou o vinícola, para sinalar a viabilidade de competir no mercado global. “Somos quen de competir se nos organizamos. Non nos falledes”, pediu. E rematou citando a Fraga: “Xuntos imos a máis, divididos imos ó carallo”.

O presidente da Xunta, que aproveitou para anunciar que hoxe se aprobaría no Consello da Xunta un plan con 23 medidas para fixar poboación no rural, interesouse polas necesidades do sector, aínda que sinalou límites: “Dicídeme que precisades, pero tede en conta que temos os límites das leis de competencia e das normativas europeas”, advertiu.

Imaxe da xornada durante a intervención de Sophie Helaine, do Observatorio Lácteo Europeo.

Imaxe da xornada durante a intervención de Sophie Helaine, do Observatorio Lácteo Europeo.

“Hai solución ós problemas do sector lácteo e trátase dunha solución política”

A primeira parte das xornadas técnicas de Clun orientouse a debuxar o escenario de mercado global no que ten que competir Galicia. O catedrático da Universidad Politécnica de Madrid (UPM) Carlos Buxade, que ofreceu unha ponencia co título ‘O sector lácteo nun entorno treboento’, sinalou debilidades e ameazas a nivel internacional e de España.

Cambio climático, incertidumes sobre o comercio internacional de cereais ou unhas perspectivas complicadas no mercado lácteo foron algunhas das cuestións nas que incidiu. “O crecemento da produción será superior ó da demanda” -pronosticou.- “O gran erro da Unión Europea foi a supresión das cotas lácteas”.

“O crecemento da produción será superior ó da demanda. O gran erro da UE foi a supresión das cotas” (Carlos Buxade)

Á hora de analizar a situación interna de España, Buxade subliñou aspectos como a caída do consumo de lácteos ou os baixos prezos que ten o leite no campo: “Se miramos o prezo no ano 1990, vemos que o gandeiro cobraba o dobre que agora en euros constantes” (tendo en conta o IPC). “O problema que hai en España é que o prezo final márcano as cadeas de distribución. Politicamente, interesa ter prezos baratos na alimentación”.

“Hai solución?” -pregúntase Buxade.- “Hai solución e trátase dunha solución política. Hai marxe para que as granxas cobren o leite a 35 céntimos e para que o prezo final sexa razonable. O prezo debería facerse desde abaixo cara arriba, non marcarse desde a distribución cara abaixo”, rematou.

Mercado internacional
A análise das perspectivas internacionais do mercado lácteo correu a cargo de Sophie Helaine, do Observatorio Lácteo Europeo (Milk Market Observatory). Helaine pronosticou que para o 2026 a UE sería a primeira exportadora de lácteos do mundo, cunha cota de mercado do 26%, por riba de Nova Zelanda (25%) e de Estados Unidos (11%).

As exportacións europeas, con todo, representarán unha pequena parte de toda a produción da UE. O 85% da produción de leite seguirase a consumir a nivel interno.

En canto ós mercados internacionais, as perspectivas sitúan a China, ó resto de Asia e a África como principais destinos de referencia. O leite en po, o queixo, a manteiga e o soro constitúen os produtos con mellor futuro, segundo a visión de Helaine.

De cara ós próximos anos, a analista pronosticou incrementos no prezo do leite no campo, aínda que marcados pola “volatilidade”, sen ficar estables. Cómpre ter en conta tamén a advertencia que deixou sobre a mesa: “Non podemos medrar tan rápido en produción como estes últimos anos porque senón xeraremos desequilibrios de mercado”.

Una idea sobre “Clun escenifica a aposta pola unión cooperativa nun gran acto en Santiago

  1. Antonio Calvo González

    Eu estiven no Pazo de Congresos e a verdade, foi un acto penoso. Cómo se pode plantear debater sobre os plans para o sector lácteo galego no horizonte 2025 se os poñentes, nin eran galegos (non imprescindíbel, pero conveniente), nin coñecían o sector lácteo galego (condición sine qua non para achegar algo)? Alí escoitáronse receitas como “cuanto más grande el rebaño, más ganancia”, “de vacas de 40 litros/día para abajo, ni hablar”, “en Galicia llueve mucho y no se puede hacer buen silo” e outras pérolas polo estilo. O mellor, cando na mesa redonda se censuraron preguntas por “políticas” (unha delas preguntaba pola dispoñibilidade de terra nas explotacións) ou cando un dos participantes da mesa redonda ante a pregunta de onde poñería unha gandería de leite en España, dixo que “en Galicia no, mejor en Castilla-León, que llueve menos, hay regadío y tierra”, dando a puntilla ao coloquio da xornada “Explotaciones lácteas gallegas. Visión 2025”. Bravo!! Clausura da xornada e todos felices.
    E ollo, a culpa non é dos poñentes, é de quen monta este acto suicida na posta de largo de Clun. Pais!!!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información