Clever: o primeiro touro xenómico de España e o segundo mellor de Europa é galego

Buiteneind K&l CV Clever, leste é o touro de Xenética Fontao que está a bater todos os récords: 4.875 puntos ICO nas últimas probas de Conafe, que o converten no primeiro touro xenómico de España e o segundo, moi preto do primeiro, do Catálogo Internacional de Sementais das últimas probas combinadas Mace-Conafe

Clever: o primeiro touro xenómico de España e o segundo mellor de Europa é galego

Buiteneind K&l CV Clever. Foto: Mauricio de los Santos

Buiteneind K&l CV Clever, este é o touro de Xenética Fontao que está a bater todos os récords: 4.875 puntos ICO nas últimas probas de Conafe, que o converten no primeiro touro xenómico de España e o segundo, moi preto do primeiro, do Catálogo Internacional de Sementais das últimas probas combinadas Mace-Conafe para a Unión Europea.

En concreto, nas últimas probas de Conafe de novembro, os 4.875 puntos ICO que obtivo sitúano como indiscutible touro xenómico número uno dos de propiedade española, seguido a 4.710 puntos por Supertoro, tamén de Xenética Fontao. Esta puntuación sitúao tamén no liderado do Catálogo Internacional de Sementais-200 mellores touros de baixa fiabilidade das últimas probas combinadas Mace-Conafe, a tan só 21 puntos de número un, o alemán DZH Declan.

Clever: de Holanda a terras galegas

Clever responde ao pedigrí de Chevalier x Altaoak x MOM x Shottle. Nacido o dez de xaneiro de 2016 en Holanda, actualmente ten 13 meses de idade. “Foinos ofertado para realizarlle a xenómica no noso país por un dos nosos provedores europeos de touros, e así o fixemos, e cando vimos que era un animal moi destacado en canto a datos xenómicos decidimos compralo e chegou a Galicia con 6 meses de idade”, explica Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética de Xenética Fontao.

E cales son os seus trazos máis destacados de Clever? “Sen dúbida o seu punto forte é a alta produción con excelentes calidades”, subliña o responsable da empresa xenética galega. Así, puntúa 2.352 quilos de leite, 97 de graxa e 78 de proteína, sendo positivo en porcentaxe en ambas as calidades, algo inusual ao tratarse de trazos (produción e calidades) que adoitan ter correlación negativa.

“É unha excepción por ter alta produción de leite e con excelentes calidades”

Ademais, Clever destaca polos seus trazos de saúde: Reconto de células somáticas, Lonxevidade e días abertos ou fertilidade de fillas. “Clever é positivo nos devanditos trazos, todos eles están por encima de 100, e o máis rechamante é o dato positivo de días abertos ou fertilidade das fillas, que adoita ser negativo en touros de alta produción, pero que non é así neste caso”, destaca Mauricio de los Santos.

Outro punto para destacar é o pedigrí de Clever, que é razoablemente peculiar e singular, o que permite usar o seu seme nunha gran parte da poboación de vacas e xovencas de España, por ter moi pouca consanguinidade, precisamente un dos máis importantes problemas da raza Holstein hoxe en día.

De momento estase empregando o seu seme para vacas e fillas de alta xenética que parirán en breve os primeiros descendentes

Clever empezou a producir seme antes do ano de idade, pero non entrou na campaña de seme pero non entrou na campaña de seme 2016 pois Xenética Fontao non podía asegurar a produción da inxente cantidade de doses que presumiblemente ían pedir os gandeiros galegos. Neste sentido, Mauricio de los Santos explica que “continúa producindo seme a bo ritmo, e por agora soamente utilizáronse as súas doses en acoplamentos dirixidos, sobre vacas e xovencas destacadas desde o punto de vista xenómico, para conseguir algún fillo destacado canto antes, que puidese superalo e ser un firme candidato a ingresar no centro”, unha incógnita que se despexará en breve cando nazan as primeiras fillas e fillos de Clever.

A este respecto, De los Santos móstrase convencido de que “será un dos mellores touros probados en España cando reciba a súa primeira proba oficial de descendencia, de fillas, que non será antes de 4-5 anos, e esperamos que transmita toda o potencial que a súa xenómica di que ten”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información