Claves a ter en conta na instalación de robots de muxido

O investigador Ángel Castro Ramos achega algunhas das cuestións a valorar nos robots de muxido. O experto tamén recolle vantaxes e puntos febles destes sistemas automatizados

Claves a ter en conta na instalación de robots de muxido

Robot de muxido atendendo a dúas cabinas en paralelo.

Dende que no 2004 se instalara o primeiro robot de muxido en Galicia, o número de granxas que decidiu apostar por este sistema automatizado non parou de medrar. Así é que hoxe en día xa se contempla como unha alternativa para ganderías con sistemas de produción moi diversos e con características dispares.

Os robots de muxido están a ser unha opción en Galicia tanto para grandes ganderías en intensivo como para granxas máis familiares, podendo adaptarse incluso a estabulacións antigas. Mesmo comezan a ser unha alternativa para as ganderías en pastoreo, con alomenos 3 robots neste sistema xa instalados na comunidade, pese ás limitacións derivadas da estrutura da terra que hai en boa parte de Galicia.

En Galicia, o robot de muxido é unha opción para todo tipo de ganderías en intensivo e comeza a selo tamén para as de pastoreo

“O robot de muxido foi pasado, é presente e será futuro, pero seguirá a convivir con outros sistemas”, explica o investigador Ángel Castro, que realizou a súa tese sobre os robots de muxido en Galicia. O experto participou recentemente nunha xornada impartida pola Oficina Agraria de Lalín sobre estes sistemas de muxido e ofreceu algunhas das claves a ter en conta na instalación destes sistemas.

Factores de instalación

Comparativa das razóns que apuntan gandeiros galegos e doutros países de Europa para instalar un robot de muxido.

Comparativa das razóns que apuntan gandeiros galegos e doutros países de Europa para instalar un robot de muxido.

A adecuación da alimentación, clave para o robot

“A alimentación xoga un papel fundamental no funcionamento do robot de muxido, posto que o concentrado funciona como incentivo para que as vacas se vaian muxir”, recorda o experto.

A instalación do robot de muxido leva parello que as vacas pasen a unha alimentación case individualizada, pois variará a cantidade de penso que recibe cada unha. “Este cambio é vantaxoso porque á par que incentiva a que a vaca se vaia muxir, tamén premia á vaca de maior produción con máis penso”, indica Castro. Porén, como sinala o experto, tamén se poden presentar dificultades con aquelas vacas que ó reducírselle a cantidade de penso tampouco queiran irse muxir, o que leva a que haxa que ilas buscar.

É importante manter o equilibrio entre o concentrado do pesebre e o da estación de muxido e garantir que sexa apetecible para a vaca

“É importante manter o equilibrio entre o pesebre e a estación de muxido, senón as vacas sácianse ou comezan a volverse preguizosas”, incide o experto. Nesta procura do equilibrio e de que o penso serva como reclamo, é máis importante a apetencia do concentrado que a cantidade. Os concentrados con máis éxito, segundo diferentes estudos, son os que teñen trigo e cebada, a parte dos diferentes aromatizantes.

Neste senso, un estudo durante un mes nunha gandería que contaba cos dous sistemas de muxido, en sala e con robot, determinou que a cantidade de materia seca inxerida polas vacas era similar nos dous sistemas.

Por outra banda, a produción de leite foi superior cos robots de muxido, co que, a priori, a eficiencia de conversión da materia seca inxerida será maior no caso do robot. Pero, si o leite se estandarizase ao 4% de grasa en ambos casos, xa non atoparíamos esa diferencia na produción.

Co cambio ao robot de muxido é frecuente que se reduza a cantidade de graxa no leite, debido a distintas causas

Tal e como explicou Castro, esta diminución da graxa pode deberse, entre outras causas ó incremento da produción, á entrada continuada de leite no tanque, o que prolonga o proceso de arrefriamento e remexido, e ese efecto de maior “batido” provoca unha lipolises (rotura) dos glóbulos de graxa reducindo a porcentaxe da mesma nas analíticas. “En países como Italia, e en determinadas denominacións de orixe de queixos afamados, a instalación do robot de muxido estase vendo limitada por ese efecto sobre a composición do leite”, refire o experto.

Castro tamén destaca a posibilidade de facer muxidos en función dos intereses de cada gandería e animal como unha das principais vantaxes do robot. “Permítenos facer máis muxidos ás vacas acabadas de parir, alongando o pico de producción no tempo, e espaciar máis cando xa están próximas ó secado, facendo un muxido de precisión”, concreta o investigador.

muxidos-medios-diarios-por-vaca-robot-de-muxido-Angel-Castro_-

Muxidos medios diarios por vaca en función dos días en leite.

Outros puntos críticos e vantaxes do robot

Castro tamén sinala que o estudo realizado en distintas granxas galegas lle permitiu constatar que o robot de muxido leva parello un período de adaptación ó novo sistema, tanto para o gando como para os gandeiros,  aínda que cada vez se manexan prazos máis curtos.

O cambio ó robot de muxido implica a eliminación de arredor dun 10% de vacas, xa que non todos os animais se adaptan

O cambio ó robot de muxido implica a eliminación de arredor dun 10% de vacas, xa que non todos os animais se adaptan. “A maioría destes animais xa estaban pendentes de sacarse da gandería e o robot simplemente fai que se leve a cabo”, indica o investigador.

A inversión inicial, así como o consumo eléctrico ou de auga son outros dos factores que se deben valorar na elección dun robot de muxido. “Tanto o consumo eléctrico como hídrico son factores cada vez a ter máis presentes na gandería debido ó contexto agroambiental actual” apunta Castro.

A optimización dos muxidos adoita traducirse nun incremento da produción de entre un 10 e un 15%

A instalación do robot de muxido trae parellas algunhas vantaxes fronte a outros sistemas tradicionais que están contribuíndo á súa expansión. A posibilidade de incrementar o número de muxidos de xeito individual é quizais o principal argumento a favor do robot, como indica o experto.

Tamén se ten comprobado que a optimización dos muxidos adoita traducirse nun incremento da produción de entre un 10 e un 15%, aínda que non en tódolos casos se chega a conseguir este aumento. Outra das principais vantaxes que ofrece este sistema é a redución de traballo físico no muxido e a achega de datos que facilitan a xestión da granxa.

Requerimentos

O robot de muxido é unha máquina compacta de dimensións reducidas, se se compara con outros sistemas, o que lle permite adaptarse a calquera tipo de estabulación sen necesidade de realizar grandes obras. “Cada granxa é única, por iso é fundamental que o robot se adapte ás características das instalacións e se axuste tamén o manexo que quere facer o gandeiro do rabaño”, apunta Ángel Castro.

As granxas deben contar cun espazo amplo na zona do robot para facilitar o tránsito dos animais

Unha das cuestións nas que o experto incide á hora de instalar un robot de muxido na granxa é a importancia de deixar o espazo necesario para favorecer o tránsito das vacas nesa zona. Castro tamén apunta a que nesta área deben instalarse bebedeiros, tanto para propiciar que as vacas vaian alí para beber como para que o fagan unha vez foron muxidas.

En base ás experiencias das granxas implicadas na investigación da súa tese, Castro recomenda que as zonas de acceso ó robot deben contar, alomenos, cuns 4,5 metros de ancho, co que se facilitará a circulación dos animais, ó tempo que se evita que algunha vaca quede sen muxir porque non conseguiu acceder ó robot.

A instalación do robot na granxa tamén variará se se trata dunha nova nave ou se debe incluírse nunhas instalacións xa en funcionamento.

O robot de muxido posibilita o tráfico libre, forzado ou guiado dos animais

“A dinámica do robot implica que o muxido se faga tanto de día como de noite, co que é posible que se fagan ciclos diferentes entre grupos de animais. Así, nunca se chegan a concentrar tódolos animais nunha mesma acción, por exemplo comer, ou descansar, co que se poden aforrar espazos en zonas como o comedeiro”, indica Castro.

Á hora da instalación do robot, outro dos aspectos a ter en conta é o manexo que se fará dos animais, abríndose tres posibilidades básicas: tráfico libre, forzado ou guiado. Nas granxas de nova construción é habitual que se opte por un sistema de tráfico libre, o máis económico e cuxo único inconveniente se presenta cando algunha vaca queda sen muxir. Mentres, o tráfico forzado marca os itinerarios que a vaca debe seguir. Un sistema intermedio é o tráfico guiado, onde o animal está libre pero instálase unha porta selectiva para evitar que o robot se sature e queden vacas sen muxir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información