Claves para unha fertilización eficaz e barata do millo forraxeiro

Resumo da xornada sobre “Novas tendencias no cultivo do millo” organizada esta semana en Lugo pola Área de Servizos Agrarios de Lugo da Consellería do Medio Rural. Realizar análises do solo, priorizar o uso de xurros gandeiros e fertilizar á carta con abonos simples, así como empregar abono stárter nas sementeiras temperás son algunhas das claves

Claves para unha fertilización eficaz e barata do millo forraxeiro

Finca de millo forraxeiro

Realizar análises do solo, priorizar o uso de xurros gandeiros e fertilizar á carta con abonos simples, así como empregar abono stárter nas sementeiras temperás son algunhas das claves para mellorar os rendementos do millo forraxeiro, un cultivo básico para manter a cabana de vacún de leite en Galicia.

Estas foron algunhas das conclusións da xornada sobre “Novas tendencias no cultivo do millo” organizada este martes en Lugo pola Área de Servizos Agrarios de Lugo da Consellería do Medio Rural. Nesta acción formativa participaron María José Bande Castro, enxeñeira agrónoma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que falou sobre “A avaliación de variedades comerciais de millo forraxeiro”, e Adrián Varela Pérez, técnico agronómico da cooperativa ICOS, que abordou os “Erros comúns cultivo millo. Novidades e tendencias na xestión do millo para ensilado- Alternativas ao cultivo de millo”.

Antes da sementeira: canto quero producir e onde?

-Realizar un presuposto de canto vai custar producir o millo e que obxectivos de produción se marcan para diluír os custos fixos (os traballos de sementeira van custar o mesmo produzamos 8 toneladas de materia seca por hectárea ou 15 toneladas).

-Ter unha estratexia de nutrición do gando, como mínimo a un ano vista. A tendencia para mellorar a competitividade nos principais países produtores de Europa é ser o máis autosuficientes posibles en forraxes propios, para reducir as compras externas, pero sempre e cando a produción da explotación sexa rendible en prezo e en calidade.

-Efectuar unha análise das parcelas e dos medios. Priorizar a sementeira do millo nas mellores parcelas, de solos máis fondos que nos aseguren unha colleita de millo forraxeiro aceptable, aínda que haxa seca no verán, como ven sucedendo estes anos.

Para fincas de solos pouco profundos ou en pendentes, con pouca capacidade de retención de humidade, nas que non está asegurada a colleita de millo, é preferible ou ben destinalas a pradeiras ou utilizar cultivos alternativos de verán; por exemplo unha mestura de xirasol con sorgo.

-Realizar unha analítica do solo das parcelas para poder realizar unha fertilización racional na que aportemos os fertilizantes que realmente necesita a parcela e que compensen a extracción que vai realizar o millo. A analítica de solo máis que un gasto é un investimento.

-Almacenar o máximo posible de xurro de vacún para a sementeira do millo. É moi recomendable, neste sentido, cubrir a fosa de xurro para reducir a cantidade de auga de chuvia. Canto máis abono orgánico podamos utilizar menos gasto en abono de síntese e polo tanto menores custos de fertilización.

-O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) dispón da aplicación gratuíta RAX de recomendacións de abonado con xurro para o millo, que axuda moito a realizar un abonado racional co xurro e a aforrar custos na compra de fertilizantes químicos.

-É moi recomendable analizar a densidade do xurro de cada explotación para coñecer o seu valor fertilizante. Mídese cun densímetro e é un proceso barato, rápido e os resultados pódense aproveitar dun ano para outro, sempre que o tipo de manexo se manteña.

A importancia do PH para o cultivo do millo

icos_millo_acidez_ph01

-É necesario realizar un encalado naquelas fincas con PH por debaixo de 5,5, xa que do contrario os nutrientes (NPK) non estarán totalmente dispoñibles para ser aproveitados pola planta, e polo tanto para lograr unha boa colleita. O óptimo é acadar un PH entre 6 e 7. Nestas recomendacións de encalado pódese afondar máis na información. Para o millo, un cultivo pouco tolerante á toxicidade por saturación de aluminio que se da nos solos acedos, o PH óptimo é entre 6 e 7,2.

-Ademais, canto máis baixo sexa o PH menor efectividade dos herbicidas, especialmente nos de preemerxencia. As súas moléculas están deseñadas para solos cun PH neutro e perden efectividade en solos acedos e con alto contido de materia orgánica.

-Existe a crenza de que utilizando carbonato cálcico nas camas xa non é necesario encalar. É unha media verdade, pois se ben é certo que o PH se vai corrixindo, é a longo prazo, a un mínimo de 10 anos, e non de xeito uniforme en todas as parcelas.

-Cómpre prestar atención á saúde física do solo: se está aireado, con materia orgánica e con actividade biolóxica é un síntoma dun solo fértil. A práctica aínda bastante común de sementar millo tras millo na mesma parcela, deixándoa sen cultivo no inverno contribúe a erosionar e a compactar o solo, hipotecando a súa fertilidade futura. Recoméndase sementar un raigrás cunha leguminosa (trevos, chícharos…etc) para manter a saúde do solo, ao tempo que estaremos producindo unha forraxe con máis calidade (maior contido en proteína) e aportando nitróxeno ao solo a través das raíces das leguminosas.

Unha fertilización adaptada ás necesidades da parcela aforra custos para o gandeiro

-Debemos traballar sempre cunhas recomendacións de fertilización e cunhas fórmulas para cultivos forraxeiros, non de grao. Por exemplo, as necesidades para producir 12 toneladas de MS por hectárea de millo forraxeiro son de 168 kg de N, 71 kg de P e 208 quilogramos de K.

-O gandeiro pode aforrar moito diñeiro utilizando para o abonado do millo o xurro e logo realizar as correccións de nutrientes que haxa que facer con abonos simples, máis baratos, como a urea ou a potasa. Hoxe en día, cooperativas como Delagro xa ofrecen a través do seu sistema Profer abonados de síntese á carta, en función das necesidades de cada parcela, e que se poden aplicar cunha soa pasada. Un abono personalizado pode supor para a sementeira do millo aforros de ata 300 euros por hectárea en custos de fertilización.

-No caso do fósforo (P), é preciso lembrar que a súa distancia á raíz do millo é moi limitante para ser absorbido pola planta, sobre todo nos estados iniciais. Debe estar a uns 4 milímetros da raíz. A temperatura tamén inflúe na dispoñibilidade do P. Así, se sementamos un millo de ciclo longo en datas temperás (entre o 15 e o 20 de abril) solen aparecer carencias de fósforo porque non está dispoñible para a planta.

-O potasio (K) tamén é moi importante para o cultivo do millo forraxeiro. Ademais de fortalecer o talo tamén mellora a tolerancia á seca, entre outras funcións. En fincas nas que non se fai cultivo de inverno, sole quedar almacenado nos cañotos do millo, polo que, para que volva estar dispoñible é preciso fresar con suficiente antelación para que os cañotos se degraden e volvan incorporar o K á terra. En parcelas con rotación de millo e raigrás italiano os niveis de potasio solen estar baixos, pola alta extracción dos dous cultivos.

icos_distancia-Adrián Varela, técnico de Icos, non recomendou a utilización de abonos de liberación lenta. “Non aportan unha diferenza significativa no rendemento dos cultivos e son bastante máis caros que os abonos convencionais”, aseguraron.

-Pola contra, o técnico da cooperativa Icos defendeu a utilización de abonos stárter, sobre todo nas sementeiras de millo temperás (entre mediados de abril e a primeira semana de maio), polo que comentamos do efecto das baixas temperaturas e da localización na dispoñibilidade dos nutrientes para a planta, sobre todo do fósforo. En todo caso, os abonos stárter nunca deben substituír ao abono tradicional de fondo, é un complemento.

Para sementeiras temperás tamén recomendaron a utilización de semente con protección insecticida, en vez de insecticida microgranulado, moito máis caro.

-Cada vez está cobrando máis importancia o abonado con micronutrientes. En rotacións de cultivos intensivas millo-herba cada vez detéctanse máis carencias de zinc, selenio, cobre e outros micronutrientes que logo acaban repercutindo en carencias nutricionais no gando, que é preciso equilibrar con correctores. Realizar a corrección no abonado da parcela é moito máis barato e sustentable que facelo mediante a compra de correctores nutricionais para o gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información