Claves para reducir a mamite ambiental na granxa

O veterinario Iván Mato aporta algunhas recomendacións para afrontar a mamite ambiental no gando vacún e mitigar os seus efectos. A saúde da ubre, as vacinas e o bo manexo son fundamentais para atallar esta infección

Claves para reducir a mamite ambiental na granxa

Iván Mato, veterinario do Laboratorio Hipra, durante a súa participación nas xornadas ganderias en Agolada.

A mamite segue a ser a enfermidade que máis gastos xera nunha gandería de vacún de leite, pese a que nos últimos anos tense mellorado e reducido moito a súa incidencia nas granxas. Fronte ás mamites contaxiosas, que durante os anos 90 tiñan unha gran presenza nas ganderías, as mamites de orixe ambiental están detrás da maior parte das infeccións mamarias na actualidade. Coñecemos, de man do veterinario algunhas das claves a ter en conta para atallar estas infeccións da man do veterinario Iván Mato (Hipra), que abordou esta cuestión nas xornadas gandeiras de Agolada.

Nos anos 90 predominaban as mamites contaxiosas, que adoitaban cronificar, e hoxe son habituais as ambientais

Ó igual que evolucionaron as granxas e o manexo tanto dos animais como do leite nas últimas décadas, a mamite, aínda que segue a ter unha incidencia destacada en tódalas ganderías de vacún, tamén mudou ó longo dos anos. “A mamite segue a ser a enfermidade que máis perdas causa, pero a súa orixe, a problemática que observamos e o xeito de combatela evolucionou”, indica Mato.

A finais dos anos 90, nas granxas predominaban as mamites contaxiosas provocadas por patóxenos Streptococcus agalactiae, Corynebacterium bovis e sobre todo Staphylococcus aureus. Son infeccións que se transmitían de vaca a vaca, dunha ubre a outra, pola muxideira ou as mans dos gandeiros, entre outras vías. Pese a que non adoitaban ser moi graves, tendían a cronificar e supor un importante problema para o rabaño. Estas mamites, que acostumaban a ser subclínicas e non revestir moita gravidade, provocaban que os recontos celulares no tanque dalgunhas ganderías non baixaran das 400.000 células somáticas por mililitro de leite.

Tempo da mamite ambiental

As melloras no manexo e nas instalacións fixeron que se foran reducindo estas infeccións e que agora sexa máis habitual que na granxa as mamites sexan de tipo ambiental. “Nestes anos mellorouse moito. Non é que as mamites ambientais aumentasen, senón que se reduciu a incidencia das contaxiosas”, explicou o veterinario Iván Mato no transcurso das xornadas gandeiras celebradas en Agolada (Pontevedra) recentemente.

orixe-e-control-da-mamite---Lab-Hipra-

Evolución dos distintos tipos de mamites nos últimos 20 anos.

As mamites ambientais orixínanas xermes como E. Coli e o Streptococcus uberis que viven nas granxas e que aproveitan para colonizar os tetos das vacas. Aínda que, en ocasións poden ser graves, adoitan ser infeccións de curta duración, a excepción da mamite provocada por S. uberis, que pode volverse crónica.

Agárdase que este ano, o reconto medio das granxas galegas se sitúe, por primeira vez, por debaixo das 200.000 células somáticas

A maior parte das mamites causadas por E. Coli adoitan ser leves, case o 90%. Mentres, o resto son moderadas e poden provocar síntomas como febres ou mesmo volverse tóxicas, chegando a poñer en risco a vida do animal.

A diferencia do que acontecía coas mamites contaxiosas, nas ambientais non adoita verse afectado o reconto celular no tanque, a excepción das provocadas por S. uberis. Así é que, mentres no 1994 os datos do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal) amosaban un reconto celular medio que superaba as 350.000 células por mililitro, “todo apunta a que o 2019 será o primeiro ano no que o reconto celular medio das granxas galegas se sitúe por debaixo das 200.000 células”, indica Mato.

Medidas para atallar a incidencia de mamite

A incidencia da mamite atallouse, en parte, pola aplicación do coñecido decálogo proporcionado pola National Mastitis Council (NMC). “Boa parte destas pautas levan aplicándose nas granxas galegas moito tempo, aínda que moitas veces non se fora consciente de que se estaba atendendo a esas recomendacións”, apunta Mato.

1- Establecer un obxectivo para os recontos celulares. Foron incrementándose as esixencias ata situarse por debaixo das 250.000 células por mililitro. Estes obxectivos viñeron en moitos casos marcados pola industria e repercutiron na saúde da ubre do rabaño.

2- Manter un ambiente limpo, seco e de confort para os animais. Incidiuse tanto no manexo dos animais coma en aspectos como as camas.

3- Realizar unha rutina de muxido axeitada que implique procesos de desinfección e de estimulación da ubre.

4- Instalación e uso axeitado da maquinaria de muxido.

5- Rexistro de datos para facilitar o control dos animais. “Quizais sexa un dos aspectos nos que se precisa seguir mellorando, posto que aínda que temos moitos datos da calidade do leite, aínda é preciso seguir a controlar e ter rexistros dos casos de mamites, sobre todo dos casos clínicos”, apunta o veterinario.

6- Tratamento dos casos de mamite clínica. Durante anos estivo a tratarse estes casos con antibióticos pero esta tendencia actualmente está a mudar e xa hai moitas granxas nas que se tratan só con antiinflamatorios.

7- Utilización de antibióticos intramamarios de secado. “Ó igual que se está reducindo o uso de antibióticos nos tratamentos de mamite clínica, tamén se está optando, cada vez máis, por un secado selectivo, no que só se tratan os animais que chegan cunha infección intramamaria, é dicir, cun reconto celular alto”, concreta Mato.

Durante anos veuse recomendando o tratamento de secado a tódalas vacas, a modo de prevención cando predominaban as mamites contaxiosas, pero coa redución da incidencia destas afeccións estase primando outros procedementos máis selectivos e cos que reducir o uso de antibióticos.

8- Medidas de bioseguridade fronte a xermes contaxiosos, sobre todo cando se incorporan vacas doutras granxas. Tamén se recomenda a eliminación das vacas crónicas, xa que moitas veces son a causa de que se incrementen os recontos de células.

9- Monitorización regular da saúde do rabaño.

10- Revisión e actualización do programa.

Pautas preventivas

Xunto con estas medidas, Mato incide en que nos últimos tempos é preciso traballar cada vez máis na prevención. Para iso, o veterinario apunta distintas medidas a ter en conta:

-Realizar un manexo axeitado dos animais para proporcionar unhas condicións hixiénicas da ubre, que contribúan a garantir a súa saúde.

-Garantir unhas boas condicións para as vacas secas. “Máis da metade das mamites ambientais que se dan no primeiro mes de lactación teñen a súa orixe no período de secado”, explica Mato.

Evitar que as vacas que saen ó exterior teñan acceso a áreas con lama xa que se incrementa o risco de patóxenos. “O feito de estar fóra non é garantía para a saúde da ubre xa que se por diferentes motivos rematan acubilladas nunha zona de lameira e cunha alta concentración de restos fecais, os riscos increméntanse”, apunta o veterinario.

-Asegurar un bo mantemento da máquina de muxido para evitar danos no teto. “O esfínter do teto é a primeira barreira para estas infeccións”, indica Mato. De aí a importancia de ofrecer un coidado axeitado que inclúa unha rutina de desinfección do teto e a estimulación para facilitar a baixada do leite e conseguir que o muxido sexa menos agresivo. Tamén é cada vez máis frecuente o uso de tapóns intramamarios durante o secado para contribuír a reforzar ese selado interno e evitar a entrada de infeccións ó teto.

As vacinas

Ademais dun manexo axeitado dos animais, unha das prácticas polas que se está optando para reducir a incidencia da mamite son as vacinas, aínda que non se chegue a lograr a erradicación completa dos casos na granxa. “Unha das solucións para atallar a mamite é estimular as defensas do animal”, explica o veterinario.

“Unha das solucións para atallar a mamite é estimular as defensas do animal”: Iván Mato, veterinario

No caso da mamite provocada por E. Coli, o emprego de vacinas está a reducir a gravidade das infeccións. Deste xeito, Mato apunta que se conseguen evitar practicamente tódalas mamites tóxicas e severas e os casos rexistrados son leves ou moderados.

A vacinación tamén reduce en máis da metade o número de mamites provocadas por S. uberis como apunta o veterinario. Ademais, esta redución da incidencia de casos leva parella unha diminución do emprego de antibióticos nun 56%, segundo os datos manexados polo Laboratorio Hipra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información