Claves para mellorar a eficiencia do ensilado do millo

Resumo da tese da enxeñeira luguesa Noelia Cascudo Cao sobre os factores que inflúen na mellora da eficiencia no proceso de ensilado do millo forraxeiro. A tese, presentada no Campus Terra da USC, foi dirixida polos profesores Carlos Amiama Ares e Javier Bueno Lema

Claves para mellorar a eficiencia do ensilado do millo

Colleitadora ensilando millo.

Galicia cultiva arredor do 60% do millo forraxeiro de España para alimentar a súa cabana de vacún de leite, polo que a redución de custos do proceso de ensilado -a maquinaria para a colleita é a principal partida de gasto deste cultivo- resulta esencial para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite.

Neste sentido, un estudo do Campus Terra da Universidade de Santiago conclúe que as ferramentas de axuda á toma de decisión, como a programación de rutas da colleitadora ou de enchido do silo, melloran o rendemento e a xestión da colleita.

Así se recolle na tese da enxeñeira luguesa Noelia Cascudo Cao, dirixida polos profesores Carlos Amiama Ares e Javier Bueno Lema, e na que aborda os factores que inciden nos custes e nos rendementos do proceso de ensilado do millo forraxeiro.

Para a realización do estudo contouse coa colaboración da Cooperativa Os Irmandiños, e en concreto do seu responsable de cultivos e mecanización, Santiago Sousa. Esta cooperativa está interesada na redución dos custos de ensilado do millo, xa que o seu parque de colleitadoras recolle cada ano máis de 1.000 hectáreas deste cultivo, que almacena no Centro de Alimentación de Vacún (Cavi), dende onde o distribúen aos socios. A propia cooperativa xestiona as terras dos socios, o que permite reducir custos de produción, ao facer unha planificación de cultivo e colleita exclusivamente por criterios económicos (fundamentalmente cercanía, para reducir os desprazamentos).

Neste sentido, estas recomendacións son de aplicación para xestores de parques de maquinaria que colleitan grandes cantidades de forraxe, carecendo de sentido cando falamos de agricultores individuais que xestionan a súa propia colleita.

¿Cales son máis eficientes: as colleitadoras con tolva ou sen tolva?

O primeiro parámetro que se analizou no estudo é comparar que tipo de colleitadora é máis eficiente: con tolva ou sen tolva. A primeira, coa que conta a cooperativa Os Irmandiños, almacena o forraxe ata que o transfire a un vehículo de transporte, normalmente un tractor con remolque, cando está chea a tolva. No segundo caso, a máquina precisa de dous tractores para seguir traballando: un para acompañala durante o picado do millo, e outro para substituílo cando está cheo o remolque.

Neste sentido, os resultados do estudo amosan os seguintes resultados en canto á comparativa entre os dous tipos de máquinas:

Táboa 1. Resultados medios das colleitadoras analizadas:

Capacidade efectiva de traballo (ha h-1)

Desvest (ha h-1)

Distancia percorrida (km ha-1)

Desvest (km ha-1)

C. con tolva

1,18(a)

0,38

3,43(a)

0,48

C. sin tolva

1,06(a)

0,24

3,27(a)

0,59

Diferentes letras na mesma columna indican datos significativamente diferentes (p = 0,05).

Segundo o profesor Carlos Amiama, un dos directores da tese “non se apreciaron diferenzas significativas, se ben a capacidade efectiva de traballo é maior nas colleitadoras con tolva, traballando máis hectáreas por hora, ao teren maior liberdade de movemento nas cabeceiras, que lles confire maior axilidade, aínda que pola mesma razón recorren máis distancia”.

“As colleitadoras con tolva recollen máis hectáreas por hora”

Esta tendencia mantense cando se discriminan as fincas por superficie:

AMIAMA_CADRO_COLLEITADORAS_1

Ademais, en condicións do terreo determinadas (humidade, pendente,…) a utilización de bañeiras para trasporte vese moi limitada coas colleitadoras sen tolva, xa que non poden transitar pola parcela. “Este problema vese solventado coas colleitadoras con tolva, que poden acercarse ao límite da parcela para transferir a forraxe ao remolque”, destaca Carlos Amiama.

Os tempos de espera das colleitadoras de millo forraxeiro solen ser excesivos

Outro das conclusións da tese é que é preciso mellorar a coordinación e dimensionamento entre os vehículos de trasporte e as colleitadoras.

Así, nos estudos realizados por Noelia Cascudo, autora da tese, comprobouse como, dado o elevado ratio custe horario colleitadora/custe horario transporte (en torno a 6 variando en función do tipo de trasporte utilizado), se se pretende optimizar os custos do sistema os tempos de espera da colleitadora teñen que ser moi pequenos en relación aos tempos de espera do camión.

Neste sentido, Carlos Amiama sinala que “nas nosas mostraxes observamos que os parques de trasporte xeralmente estaban infradimensionados, con tempos de espera de colleitadora excesivos, o que xustificaría en moitos casos a introdución de novos vehículos”, sempre e cando compense o custo de oportunidade.

¿Como xestionar a descarga no silo para evitar atascos e asegurar un bo compactado da forraxe?

Directamente vinculado co trasporte observouse na tese que, en ocasións, cando se estaba colleitando para o CAVI (Centro de Alimentación de Vacún Os Irmandiños) a introdución de novos vehículos non solucionaba o problema dos elevados tempos de espera da colleitadora, xa que se estaban a producir atascos na descarga do forraxe no silo.

Isto debíase a que en determinados momentos a capacidade de estendido e compactado dos vehículos do CAVI non era suficiente para atender a elevada concentración de vehículos de trasporte que chegaban traendo o forraxe de varias colleitadoras. Creábase así un embotellamento que paralizaba o sistema.

Ante esta problemática, na tese realizouse un estudo para avaliar a incidencia que a anchura do silo, o nivel de enchido e a pendente da rampa de enchido tiña no ritmo de descarga.

 “As ramplas no silo con pendentes superiores ao 20 % dificultan o proceso de enchido”

Neste sentido, no estudo realizado por Noelia Cascudo conclúese que a anchura do silo é un aspecto que incide de forma moi significativa no rendemento da operación, fundamentalmente pola posibilidade de introducir un maior número de equipos para as labores de estendido e compactado.

Ademais, a pendente da rampla de acceso ao silo tamén ten unha gran incidencia no rendemento, dificultando as pendentes superiores ao 20 % o acceso dos vehículos de trasporte ao silo. Neste sentido, Carlos Amiama recomenda que “cando o enchido está moi avanzado aconséllase comezar cun novo silo, para evitar esperas de camións pola descarga”.

Figura 2. Exemplo de evolución do perfil lonxitudinal (m) en silo

AMIAMA_CADRO_COLLEITADORAS_2

Pódese reducir máis dun 8% o tempo de desprazamento das colleitadoras entre fincas

Un último aspecto que se estudou na tese e que se observou que era susceptible de mellora foi a diminución dos tempos de desprazamentos das colleitadoras entre fincas. “O tempo de desprazamento é un tempo improdutivo que neste tipo de vehículos, que transitan a reducidas velocidades, pode chegar a supoñer ata un 18 % dos tempos de actividade da colleitadora, segundo os datos rexistrados”, explica Carlos Amiama.

Figura 4. Representación gráfica dos tempos de actividade da colleitadora con tolva

AMIAMA_CADRO_COLLEITADORAS_3

Neste sentido, dende o Campus Terra desenvolveron unha ferramenta electrónica de axuda á decisión para tentar reducir os tempos de desprazamento entre fincas. A este respecto, o director da tese explica que “a principal restrición ven dada pola necesidade de que, cando se inicia a recolección de fincas dun socio, colleitar todas ás súas fincas, antes de empezar con outro socio. E a iso hai que unirlle en moitos casos a esixencia de moitos clientes de comezar a súa colleita nunha data determinada, deixándolle moi pouco marxe de manobra ao xestor do parque de maquinaria”.

Neste sentido, unha solución é a posta en marcha no CAVI, de xeito que a cooperativa failles aos socios a xestión integral da sementeira e colleita das parcelas, permitindo aforros significativos nos desprazamentos, ao primar os criterios de cercanía e rendibilidade.
“De non ser posible esta solución -explica Carlos Amiama- nos nosos estudos concluímos que, mantendo as datas de colleitas solicitadas polos socios, utilizando esta ferramenta baseada en algoritmos as marxes de mellora en kilómetros varían entre o 4 % e o 8 % en función da colleitadora analizada”.

 “Cunha marxe de tolerancia de dous días para a colleita, o aforro en desprazamentos entre fincas da colleitadora podería chegar ao 16%”

Porén, estes aforros pódense duplicar se o parque de maquinaria da cooperativa tivese marxes de tolerancia de 2 días respecto á data solicitada polo cliente. “Isto dá unha idea da importancia de trasladar aos clientes o impacto que na redución de custos tería esta flexibilidade”, subliña o director da tese.

Por último, Carlos Amiama, subliña que “cando falamos de aforro nas colleitadoras non só podemos computar este aforro en termos económicos, senón tamén de tempo, xa que estamos a falar de equipos coa súa actividade moi concentrada en períodos cortos, nos que a dispoñibilidade é un aspecto fundamental”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información