Claves para elixir ben unha máquina aboadora

Mariano Nogales, profesor do Departamento de Enxeñería Agrícola e Forestal da Universidade de Valladolid e da Estación de Ensaio de Aboadoras e Sementadoras de Palencia, explica as claves para elixir correctamente unha aboadora e o fertilizante mineral.

Claves para elixir ben unha máquina aboadora

Mariano Nogales durante a súa intervención na xornada organizada por Delagro

¿Como elixir correctamente unha aboadora?, ¿Como se debe realizar o traballo de abonado en parcela para asegurar unha repartición homoxénea do fertilizante? ¿En que nos debemos fixar á hora de elixir o abono mineral? ¿É peor o blending que o fertilizante convencional?

Para responder a estas e outras cuestións que se suscitan a miúdo entre os profesionais do campo, a cooperativa Delagro organizou na última edición de Abanca Cimag GandAgro unha conferencia sobre a aplicación de fertilizantes mediante aboadoras de proxección.

A conferencia correu a cargo dun dos máximos expertos en España na materia: Mariano Nogales, profesor do Departamento de Enxeñería Agrícola e Forestal da Universidade de Valladolid e da Estación de Ensaio de Aboadoras e Sementadoras de Palencia.

Cales son os principais traballos que realizades na Estación de Ensaio de Aboadoras e Sementadoras de Palencia?
Os principais traballos que realizamos son probas de distribución a dous niveis. Por unha banda, traballamos cos fabricantes de máquinas para que poidan realizar o deseño do comportamento das máquinas cos distintos fertilizantes e a diferentes doses, de maneira que logren chegar a cumprir cos requirimentos da norma de ensaio, e que obriga a que as irregularidades nas distribucións transversais sexan inferiores ao 10% en laboratorio e ao 15% en campo.

Con iso o fabricante, un vez que chegou ao mellor coeficiente, o que fai é trasladar a un manual que acompaña á maquina como regulala para reproducir os resultados dos ensaios realizados na estación. O usuario, sempre que o manual manteña unha boa correspondencia con cada aboadora, poderá regular a máquina rapidamente.

Por outra banda, na Estación tamén temos convenios co Ministerio de Agricultura para definir como están as máquinas en canto a comportamentos na distribución. Ensaiamos tanto máquinas nacionais como de importación e chegamos a uns resultados que adoita recoller o Mapama na súa páxina web.

Por que é tan importante este centro para o sector agrícola e gandeiro español?
Porque os fertilizantes son de suma importancia pois representan entre o 45% e 50% dos custos de produción en cultivos extensivos, especialmente en cereal. Por iso, optimizar o seu emprego é crucial tanto por motivos económicos como ambientais, evitando emisións de óxido nitroso e contaminación de augas.

Tivemos máquinas que no primeiro ensaio superaban o 37% de irregularidades e a día de hoxe corrixíronse ata situarse por baixo do 15% en todas e do 10% en boa parte das aboadoras.

Cales son os puntos críticos das aboadoras, nos que se adoitan cometer máis erros?
Hai catro elementos dos que dependen que funcionen ben as aboadoras. Dous corresponden ao fabricante e outros dous ao usuario. En canto a factores que dependen do fabricante, pode haber máquinas antigas que non logren unha distribución transversal en forma de triángulo trapecio, por un problema de deseño. Se non consegue que o fertilizante voe para alcanzar esa forma, a distribución do mesmo nunca vai ser boa para as anchuras de traballo que se elixan. Por iso, é necesario que o deseño da aboadora se realice nun centro especializado, ben público ou propio da empresa.

Unha vez feito ese deseño, hai que plasmalo nun manual para reproducilo, e ten que haber unha rigorosa correspondencia para evitar erros.

“É moi importante regular a aboadora de acordo co manual”

En canto ao agricultor, ten que regular a máquina de acordo ao manual, no que teñen que estar recollidos os abonos que vai utilizar. O agricultor ten que interesarse para que estean plasmados os seus abonos, incluídos os blending, regulando a aboadora de acordo ao que marca o manual.

En cuarto lugar, o agricultor ten que ser consecuente á hora de utilizar a máquina en campo de acordo ao que ten elixido. É dicir, hai que realizar un manexo de acordo coa regulación que realizou.

No seu relatorio en Gandagro, advertiu de que no mercado hai máquinas aboadoras que non foron ben deseñas. A que se refire? En que nos deberiamos fixar á hora de comprar unha aboadora?
O importante é que a máquina fose deseñada correctamente nunha estación de ensaio, pois pola contra córrese o risco dunha mala distribución, que será moi difícil de corrixir. Isto podémolo comprobar solicitando un boletín de ensaios da máquina ou fixándonos nos resultados de ensaios de aboadoras publicados polo Ministerio na súa páxina web. Corrixir unha aboadora mal deseñada é ou imposible ou sae moi caro, xa que o proceso é similar ao de deseño.

Antes de empezar a abonar, ¿Que aspectos crave debería ter en conta o agricultor, tanto do tipo de abono que elixe como de posta a punto da aboadora?
En primeiro lugar, hai que realizar unha posta a punto da aboadora, para o que convén seguir as recomendacións en canto a alturas do solo, aplomos…etc, que fai cada manual. Convén lerse e mesmo estudar o manual da aboadora.

Tamén é necesario realizar labores de mantemento, de limpezas diarias dos restos que se poidan acumular. En concreto, recoméndase comprobar que non haxa acumulación pastosa ou por follas, terra ou lama dentro da tolva, o que dificultaría a fluencia ou caudal de fertilizante da tolva aos pratos.

En canto aos abonos, adoitan vir recollidos no manual e se seguimos as recomendacións teremos case o 100% de seguridade de que en campo vai ser igual que en laboratorio, agás que as condicións de traballo varíen considerablemente. No caso do blending hai que ver que fabricantes de aboadoras o recollen nos seus manuais, que nestes momentos estímase que pode ser en torno ao 20% das marcas.

Cando o abono blending non está nas táboas do manual, temos que buscar unha regulación de abono similar en granulometría e densidade, pero non teremos total seguridade de que o comportamento na distribución sexa o mesmo.

No fertilizante, ¿En que aspectos de granulometría e de estado débese fixar o agricultor para asegurarse de que se trata dun bo produto?
Sobre todo hai que fixarse na granulometría. Cando se compra, a maioría dos fabricantes de máquinas acompañan á aboadora dunha caixa de tamices. Esta caixa ten unhas mallas cunhas luces de entre 0 e 5 milímetros. Enchendo a columna de máis 4,75oua 5 mm co fertilizante, peneirará os grans comprendidos entre 0 e 2 milímetros, que é case po e non é desexable porque non se pode proxectar para esparexelo.

“Debemos utilizar a caixa de tamices para verificar a granulometría do fertilizante”

Por outra banda, teremos dúas columnas intermedias de entre 2 a 3,2 e de 3,2 e 4,75 milímetros, que reunen as condicións para ser esparexido correctamente pola aboadora, e por último a granulometría por encima de 4,75, que tampouco é desexable por seren grans grosos. O fertilizante das columnas intermedias, de entre 2 e 4,75 milímetros permite que a máquina poida esparexelo formando un triángulo trapecio, de forma que a irregularidade na distribución estea por baixo do 10%.

E xa durante o abonado en parcela, ¿Cales son os puntos clave que debe ter en conta o agricultor para optimizar o uso de fertilizante e evitar tanto o infraabonado como o sobreabonado, asegurando unha distribución uniforme?

De novo, débense seguir as recomendacións do manual e non tomar decisións pola súa conta, regulando ao noso criterio, co que poderiamos duplicar a dose necesaria nalgunhas faixas.

Outro fallo xeral é que non cumprir as recomendacións do manual en canto a revolucións da toma de forza. Se o manual, por exemplo, recomenda ir a 540 revolucións como máximo e se baixan ou se soben as distribucións de fertilizante non serán as adecuadas, pois o deseño fíxose a 540 rpm na toma de forza.

Tamén é necesario ver os consellos do manual para regular a máquina nas proximidades de borde. O desafío neste momento é conseguir manter as doses ata o límite de parcela e lograr así a aboadora perfecta.

En terreos con algo de pendente e parcelas de tamaño mediano ou pequeno, como é o caso de Galicia e da Cornixa Cantábrica, ¿Que tipo de aboadoras recomendaría e a que aspectos debería prestar atención o agricultor?
Nas aboadoras inflúe moito o punto de caída do fertilizante en disco, antes de ser lanzado. Neste sentido, o importante é que independentemente de que a máquina estea inclinada pola pendente, que non se altere a caída do abono no disco. As aboadoras arrastradas non tiñan moito isto en conta, pero foise corrixindo.

 “En pendente é moi importante evitar variar as revolucións da toma de forza”

Tamén é moi importante manter as revolucións da toma de forza, de forma que nas subidas non se perdan revolucións do tractor e da toma de forza, pois estariamos infraabonando, e nas baixadas evitar que se sobrerrevolucione, pois estariamos a moer o abono e sobreabonando.

Tamén hai que incidir nos dispositivos de bordeo, tanto por aspectos ambientais (contaminación de augas..etc) como económicos.

O ideal sería que se manteña a dose ata o limite da parcela, que recoñezo que non é fácil, pero algúns fabricantes xa o están conseguindo.

Algunha recomendación específica para o abono de blending?
Do mesmo xeito que todo fertilizante, debemos comprobar que o blending teña a granulometría da que xa falamos: que non teña máis de 5 mm nin que se faga po. Xogando cos dous intermedios e pódense utilizar correctamente.

Tamén recomendaría ao agricultor que lle pregunte ao fabricante da aboadora se dispón de táboas para distribución de blending, porque pode pasar que o fabricante si o ensaiara pero non o incluíra na táboa xeral. Hai que interesarse e pedilo ou ben ao distribuidor ou ben ao fabricante.

Que hai de certo nas críticas que se fixeron ao blending en canto a que presenta peor distribución e peores rendementos do cultivo en comparación co complexo?
En canto á distribución, en comparación co fertilizante convencional, realizamos un estudo por unha banda con potasa e con DAP, por separado, e cando se mesturaban melloraba o comportamento na distribución. Desta maneira, si que se xustifica a mestura.

En canto a producións, publicouse recentemente por Aimcra os resultados dun estudo con remolacha na Rioxa e o maior teito produtivo conseguiuse con abono blending.

Por último, destacar que o blending non é unha limitación ás producións, senón todo o contrario, porque se axusta ás necesidades de cada parcela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información