Claves para atallar as diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros

Co sistema inmune aínda sen desenvolver, as diarreas nos tenreiros neonatos poden causar gastos de até 3.000 euros nunha gandaría de 100 vacas. O veterinario José Luís Vázquez achega medidas para reducir a súa incidencia, como un bo encalostrado e a vacinación das nais

Claves para atallar as diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros

José Luis Vázquez, veterinario, nas xornadas de Xundeva.

As diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros, cando aínda teñen o seu sistema inmunolóxico por terminar de desenvolver, é un problema común, en maior ou menor medida, en tódalas gandarías. “É un tema ao que se lle dá pouca importancia e que se adoita tratar máis que previr”, recoñece o veterinario José Luís Vázquez (Virbac), quen abordou esta cuestión durante os Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, celebrados recentemente en Lalín.

A penas un 30% das granxas vacinan as vacas para ofrecer maior protección aos tenreiros na primeira fase de vida

A pesar de ser un tema recorrente nas gandarías, tal e como explicaba Vázquez, a penas un 30% das granxas optan pola vacinación das vacas para ofrecer unha maior protección aos tenreiros durante esta primeira fase de vida. “Cada día as gandarías teñen que ser máis eficientes, pero ás veces desaténdese o máis básico”, comenta Vázquez.

Nunha estimación básica, realizada polo veterinario co sistema de cálculo que ofrece o Laboratorio Virbac, as diarreas neonatais poden supor uns 3.000 euros nunha gandaría de 100 vacas. A cifra pode incrementarse se na granxa utilizan seme sexado. Estes gastos derívanse tanto da mortalidade da recría, que adoita supor ao redor dun 15%; como por outros factores, coma o retraso do crecemento das becerras.

Ás baixas de animais, súmanse os gastos derivados dos tratamentos veterinarios, así como o traballo extra que implica na granxa o coidado dos animais enfermos ou as perdas de rendibilidade, xa que os animais con menor peso tamén terán un rendemento reprodutivo e produtivo menor.

Por que afectan as diarreas nos primeiros días?

A aparición de diarreas que afecten á recría máis nova da gandaría pode deberse a diferentes factores. “Un 65% das infeccións que provocan diarreas nos tenreiros débense a causas mixtas”, concreta o veterinario.

Os virus, como o rotavirus ou o coronarivus, son algúns dos causantes das diarreas. “É fundamental coñecer a orixe das diarreas para o seu tratamento, xa que no caso de ser provocadas por virus non poderán empregarse antibióticos”, explica Vázquez.

Nos primeiros días de vida o tenreiro carece dun sistema inmunolóxico desenvolvido que o protexa fronte a patóxenos

Outra das causas que provocan diarreas nos tenreiros neonatos son bacterias como a E. coli, moi presente en zonas das gandarías con restos orgánicos e fecais. “Nos nosos cortellos temos moitos focos onde poden desenvolverse bacterias de E. coli. Non podemos chegar a ter todas as zonas limpas para evitar ese contaxio”, recoñece o experto.

Tamén os protozoos e parásitos como o Cryptosporidium spp e Eimeria motivan síntomas coma a diarrea nestes tenreiros tan novos. Estes patóxenos son unha das principais causas que provoca diarreas nas gandarías galegas. Tanto é así, que o Cryptosporidium está presente no 60% das granxas de Galicia.

Grafica-Incidencia-diarrea-en-becerros-neonatos-en-Galicia-Fonte.-Virbac-

Incidencia dos diferentes patóxenos en granxas galegas.

Máis aló destes factores de risco que motivan as afeccións nos animais, o maior detonante para que se produzan diarreas nos tenreiros recentemente nados é que até os 21 días de vida o animal non ten o sistema inmunolóxico desenvolvido para facerlle fronte. “Se estes 4 patóxenos se desen a partir dos 21 días, os tenreiros terían moitos menos riscos, por iso é fundamental protexelos durante estes primeiros días”, explica o veterinario.

grafica-principales-causas-diarreas-becerros-_Fonte-Virbac-

Patóxenos que provocan diarreas nos primeiros días de vida dos xatos.

Ademais das diarreas, estes patóxenos poden chegar a causar reaccións subclínicas, de maneira que inicialmente pasan desapercibidas para o gandeiro, pero traen consecuencias no desenvolvemento normal dos animais e a medio e longo prazo poden reducir a produtividade esperada.

Non todo a unha carta

Se a causa das diarreas na gandaría atende a distintos motivos, tamén no seu tratamento e prevención hai que ter en conta diversos factores. O manexo dos tenreiros e as prácticas hixiénicas poden ser unha das accións sobre as que incidir, así como as melloras no benestar do animal desde os primeiros momentos de vida ou a vacinación das nais, de maneira que lle ofreza unha maior protección ao tenreiro mentres o seu sistema inmune non está completamente desenvolvido.

“Aínda facendo un manexo axeitado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría”

“Aínda facendo un manexo adecuado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría”, sentenza Vázquez. Neste sentido, o veterinario destaca a importancia de vacinar ás nais e desmonta hábitos e crenzas populares á hora de vacinar. “Mentres estás a vacinar poderán estar cubertos os tenreiros, pero en canto deixes de facelo, volverán aparecer os problemas. Non se pode tratar a vacina como un remedio senón como un método de prevención”, aclara.

De igual maneira, Vázquez desaconsella o vacinado dos tenreiros como método para evitar as diarreas. Ademais, o veterinario incide en que a resposta para atallar esta problemática na granxa non só se soluciona coas vacinas. “Hai factores detrás da vacina que condicionarán a súa eficacia”, indica o veterinario.

O calostro, o mellor medicamento

Un dos principais factores que condicionará tanto a eficacia da vacina como o desenvolvemento do tenreiro é o encalostrado. “Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro”, indica o veterinario. Vázquez apunta a que o primeiro leite que toma o animal determinará o seu futuro.

“Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro”

O calostro ofrécelle ao tenreiro unha cobertura inmunolóxica neses 10 primeiros días de vida para que non se vexa afectado por patóxenos que provoquen diarreas. O veterinario incide na importancia de ofrecer un calostro de calidade, na cantidade adecuada e no momento preciso. Ter en conta este tres aspectos permite prolongar a protección durante maior tempo e rebaixar o risco de contaxio de infeccións.

Grafica-efectos-del-calostro-en-los-terneros-_Fuente-Virbac-

Evolución dos tenreiros en función do calostro que reciben.

O tenreiro deberá de tomar un mínimo de 3 litros de calostro en dúas tomas. “É fundamental que o animal acabado de nacer tome este leite, tanto é así que se non mama será preciso sondalo, pola contra haberá perdas”, confirma. Tamén é imprescindible que o tenreiro tome o calostro nas 6 horas seguintes ao parto. “O calostro que demos pasado ese tempo absórbese peor”, explica o veterinario.

Para conseguir un calostro de calidade, o veterinario apunta varios aspectos que o condicionarán:

-A calidade do calostro vén dada pola concentración total de inmuglobulinas (igg) e o específicas que estas sexan. Un dos métodos para conseguir que estas igg sexan variadas e achegar resistencia fronte a patóxenos como rotavirus, coronavirus e E. coli. é mediante a vacinación anual da nai, durante o período de secado.

-A idade da nai. As xovencas adoitan producir un calostro de peor calidade que as vacas que xa tiveron varios partos.

-A xenética. As razas cunha maior produción teñen tamén unha menor cantidade de inmuglobulinas. Desta maneira, razas como a Holstein teñen un calostro de peor calidade que as Jerseys, coñecidas pola calidade do seu leite.

-O estado sanitario da vaca. Unha vaca desparasitada e saneada produce un calostro de mellor calidade.

-A conservación. Aínda que o ideal sería proporcionar ao tenreiro o calostro en fresco, é habitual que as gandarías decidan conservar algunhas reservas de calostro. Para a conservación do calostro pódese optar pola súa refrixeración, evitando telo máis dunha semana. Tamén se pode conxelar, aínda que perde algo de calidade no proceso. Hai quen decide pasteurizalo, para o que o ideal sería que se fixese por debaixo dos 50 graos, para evitar que se destrúan as inmuglobulinas. Tamén se pode optar por aditivos e conservantes que axudan á súa conservación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información