Claves para a ensilaxe da herba en rotopacas e a súa boa conservación

A visión de rolos de herba rotoempacada forma parte da paisaxe rural habitual nas zonas gandeiras de vacún. Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), fai un resume dalgúns resultados e recomendacións do grupo de investigación en valoración nutricional de forraxes e produción de leite do CIAM para garantir unha boa conservación da herba ensilada en rotopacas

Claves para a ensilaxe da herba en rotopacas e a súa boa conservación

Ensilando en Rotopacas no CIAM

O ensilado en rotopacas é unha das formas de conservación da herba máis empregadas nas ganderías de vacún de carne e, en menor medida, nas de leite. A posibilidade de realizalas e almacenalas na propia pradeira, a menor necesidade de maquinaria ou o feito de que permitan realizar o traballo de forma escalonada segundo a herba das distintas parcelas vai acadando o seu valor nutricional óptimo son algunhas das vantaxes que xogan ao seu favor.

1) Importancia da técnica do ensilado en rotopacas

O ensilado en pacas redondas foi introducido comercialmente en Europa a finais dos anos 70 do pasado século, cobrando rapidamente popularidade nas explotacións gandeiras. A máquina rotoempacadora, utilizada como colleitadora principal ou auxiliar da explotación, proporciona unha gran flexibilidade no aproveitamento da forraxe, que pode ser recollida para ser ensilada ou para feno, así como aproveitar eficazmente en calquera momento a herba sobrante en primavera-verán que non pode ser aproveitada en pastoreo ou que cae fóra do programa anual de ensilado da explotación. Por outra banda, necesita polo xeral menor investimento en capital comparado co equipamento necesario para o ensilado en silos de obra de fábrica.

No 63% das explotacións leiteiras galegas consérvase herba en rotopacas

Nun recente inquérito realizado por investigadores do CIAM en explotacións leiteiras galegas indícase que en aproximadamente o 63% das explotacións leiteiras galegas consérvase herba en rotopacas como ensilaxe e nun 86% como feno, sendo esta práctica máis frecuente nas explotacións de menor dimensión.

Segundo este traballo, nas explotacións leiteiras galegas realizaríanse en total algo menos dun millón de rotopacas de herba ensilada e 1.2 millóns de rotopacas como herba seca, equivalentes a unhas 180 mil t de materia seca (MS) de ensilaxe e unhas 240 mil t MS de feno. Da cantidade total de MS de herba conservada nestas explotacións (algo máis de 1 millón de toneladas anuais) un 59% estaría ensilada en silos convencionais, un 18% ensilada en forma de rotopacas e o 23% restante correspondería a rotopacas de feno de pradeiras e prados. Na figura adxunta obsérvase que a importancia porcentual de cada tipo de sistema modifícase segundo o tamaño, cun marcado descenso da proporción de forraxe rotoempacada conforme aumenta o tamaño da explotación.

Conservación da herba nas explotacións de leite de Galicia por tamaño da explotación: 

(Fonte: CIAM)

(Fonte: CIAM)

Importancia relativa de cada forma de conservación da herba segundo o tamaño das explotacións leiteiras de Galicia:

(Fonte: CIAM)

(Fonte: CIAM)

2) A conservación da herba rotoempacada

A herba presecada, cun contido ideal en materia seca de entre o 30 e o 50% e que foi ensilada en rotopacas ben confeccionadas baixo estritas condicións de ausencia de osíxeno -anaerobiose-, adoita fermentar ben, ten un baixo pH e unhas boas condicións hixiénico-sanitarias, con ausencia de microorganismos indesexábeis. Sen embargo, nas rotopacas a fermentación da herba, que polo xeral está pouco ou nada picada, se desenvolve con maior lentitude e a densidade da forraxe empacada é baixa comparada coa da herba picada e pisada no silo. Nesta situación, se o selado da rotopaca non é perfecto, a entrada de oxíxeno pode provocar altas perdas de materia seca por deterioro aeróbico, acompañado do risco de presenza de listeria na forraxe. Por esta razón nas rotopacas encintadas cómpre extremar a precaución en manter a integridade da envoltura, en particular cando a herba está no rango superior de MS, que pode acadar até o 60%.

Comparado co ensilado convencional en silos, o ensilado en rotopacas desenvolve unha fermentación menos intensa, pero a igualdade doutros factores (tipo de forraxe, estado de madurez e nível de presecado), a calidade da ensilaxe tende a ser semellante se as operacións de ensilado se realizaron correctamente. Non obstante, na práctica o contido en cinzas nas rotopacas é polo xeral superior ao do ensilado en trincheira o que reduce o valor enerxético da MS da ensilaxe e adoita vir acompañada por teores máis altos de butírico. A necesidade de obter valores altos de MS implica con frecuencia a realización dunha ou dúas labores de estendido e volteo da herba, o cal provoca unha superior contaminación con terra da forraxe. En ocasións, sobre todo se a superficie da parcela non é regular, interesa elevar algo a altura de corte da herba para tratar de minimizar esta contaminación.

3) Son preferíbeis contidos de MS máis elevados que no ensilado convencional

Non se recomenda a confección de rotopacas con herba de alta humidade (<27% MS), polo alto risco de deformación da bola de forraxe e a conseguinte perda de estanqueidade fronte á entrada do aire, aínda que o encintado se faga inmediatamente despois de formar a rotopaca. Un contido elevado de MS na herba presenta a avantaxe de aumentar a cantidade de peso seco por rotopaca, e, dese modo, diminuír o número de pacas por hectárea. Isto reduce os custos, sobre todo en plástico de encintado.

Efecto do contido en materia seca da herba sobre diversos parámetros das rotopacas encintadas con film estirábel :

Fonte: a partir de Lingvall, P. 2006. 12th. Int. Silage Conference

Fonte: a partir de Lingvall, P. 2006. 12th. Int. Silage Conference

4) Colocación da lámina de plástico

A estirabilidade da lámina de plástico e o seu efecto adherente proporcionan as debidas condicións de estanqueidade da rotopaca. Son necesarias de 4 a 6 capas de plástico estirábel de 25 micras para asegurar unha boa protección da forraxe. A tensión creada polo estiramento do plástico durante o encintado incrementa a sua lonxitude entre un 50 e un 70% respecto os seu estado orixinal, o cal é esencial para asegurar a adherencia entre capas sucesivas e evitar a entrada de aire na masa de forraxe.

Unha vez formada a rotopaca de herba no campo, convén realizar o encintado canto antes (en todo caso antes de 24 h) para evitar a perda de azucres por oxidación e favorecer o arranque efectivo da fermentación. Ademais, as bolas de forraxe poden deformarse rapidamente, sobre todo se o presecado da herba non foi adecuado, o que pode orixinar problemas no posterior encintado e almacenaxe das rotopacas.

 Débese evitar encintar con altas temperaturas ou con choiva

Débese evitar encintar con altas temperaturas (>35 ºC) xa que nestas condicións existe o risco de incrementar en demasía a facilidade de estiramento do plástico, o que pode afectar á estanqueidade da forraxe. Así mesmo, non se debe encintar con chuvia, independentemente do grao de presecado da herba rotoempacada, xa que pode quedar humidade entre as capas de film plástico dificultando a sua adherencia e facilitando a entrada de aire durante o almacenamento.

5) É importante a cor do plástico?

Aínda que os plásticos estirábeis de cor escura absorben máis radiación solar e o conseguinte aumento de temperatura na superficie aumenta a permeabilidade do plástico aos gases, varios experimentos realizados en rexións temperadas de Europa non observaron diferenzas entre films de diferentes cores en canto á calidade nutricional, fermentativa e hixiénica da ensilaxe rotoempacada.

Sen embargo, en condicións de insolación intensa, polo xeral é recomendábel utilizar plásticos de cor branco ou de tons pálidos para reducir a temperatura na superficie da rotopaca e a transferencia de calor á masa ensilada.

6) Coidados no almacenamento das rotopacas

O almacenamento vertical mellora a hermeticidade da envolta de plástico respecto á colocación horizontal das rotopacas, toda vez que a posibilidade de entrada de aire na base do cilindro, onde o estiramento do plástico é menor, vese reducida por efecto do peso propio da forraxe.

As pacas han de protexerse de paxaros e outros animais que puidesen furar o plástico utilizando para elo mallas ou redes protectoras e almacenarse preferentemente baixo cuberto e, en todo caso, en localizacións onde a sua manipulación se poida facer sen danar o plástico de envoltura nin afectar á seguridade dos operarios. Algunhas observacións mostran que o uso de fitas espazadas 0.50 m e colocadas a unha distancia de 1.0 m da superficie e laterais das rotopacas constitúe unha medida preventiva eficaz.

7) A integridade da envoltura de plástico é un punto clave para o éxito do ensilado en rotopacas

Conseguir un bo selado e manter a estanqueidade durante o período de almacenamento da forraxe ate o seu consumo son aspectos de capital importancia na consecución de ensilaxe de boa calidade, independentemente do sistema utilizado, dado que a fermentación da forraxe no silo e a súa estabilidade son procesos netamente anaerobios.

A entrada de aire no silo ten consecuencias nefastas, xa que o crecemento de microorganismos aerobios non só causan un descenso significativo do valor nutricional da forraxe, senón que son unha fonte potencial de riscos sanitarios.

A este respecto á importancia que debe ser prestada ao selado das rotopacas é aínda máis relevante, comparado co sistema de ensilado convencional en silos, debido ás seguintes características:

-A relación entre a superficie exterior e o volume de ensilaxe almacenado nunha rotopaca, é entre 6 e 8 veces superior á que atopamos nun silo convencional.

-Nas rotopacas aproximadamente o 50% da masa de forraxe está nos 15 primeiros cm de profundidade a partir da superficie da bola, fronte a menos dun 10% en silos convencionais.

-O grosor do plástico de envoltura con 4-6 capas é de 96 a 144 micras, comparado coas 150 micras dun silo convencional tapado con plástico de 600 galgas (0.25 micras/galga) ou as 300 micras dun silo con dupla capa.

As rotopacas repousan no chan, cuxa superficie con frecuencia é irregular, e ademais son manexadas tras o encintado, co que o film de cobertura está exposto a un maior risco de rotura.

-Con frecuencia a herba ensilada en rotopacas é comparativamente máis madura, con talos máis lignificados, ríxidos e pouco picados, o que aumenta o risco de perforación puntual da envoltura.

Calidade do silo de herba segundo o tipo de máquina colleitadora

Ensilando ensaios de aplicación de inoculantes no CIAM

Ensilando ensaios de aplicación de inoculantes no CIAM

Un estudo publicado no ano 2004 por investigadores do CIAM a partir de información xerada ao longo dun período de 12 anos nos que se tomaron mostras de máis de 1.600 ensilaxes realizados en explotacións leiteiras colaboradoras permite coñecer as diferenzas existentes, na práctica, na calidade das ensilaxes cando se agrupan polo tipo de colleitadora utilizada.

Calidade da ensilaxe de herba realizado con diferentes tipos de colleitadora nas explotacións de leite de Galicia:

(Fonte: CIAM)

(Fonte: CIAM)

Tendo en conta que os valores expostos na táboa anterior reflicten o resultado final de todo o sistema de ensilado e non só do tipo de colleitadora utilizada, é de interese salientar que as mostras de ensilaxes recollidos con picadora de precisión e, en menor medida, autocargador picador, tenderon a ser de mellor calidade, en particular en canto aos valores de pH no primeiro caso probabelmente reflectindo en parte o efecto dun menor tamaño de partícula da herba ensilada.

Por outra banda, non houbo grandes diferenzas en canto aos valores de dixestibilidade e contido en proteína entre os distintos sistemas de ensilado. En todo caso, a calidade das ensilaxes realizadas con rotoempacadora pode cualificarse como aceptábel, e son globalmente semellantes aos procedentes de autocargador non picador.

O avance nas técnicas de sega, empacado e encintado das rotopacas postas a disposición dos agricultores nas últimas décadas permiten mellorar, sen lugar a dúbidas, os resultados expostos no presente traballo, circunstancia sempre supeditada ao cumprimento das boas prácticas agronómicas na realización dos traballos de ensilado e aos coidados na colleita e almacenamento da forraxe ensilada.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información