“A clave para previr a mamite é a hixiene e un ambiente confortable”

Entrevista a Alejandro Ceballos Márquez, profesor de Epidemioloxía Veterinaria da Universidade de Caldas (Colombia). Recentemente participou en Ribadeo nas IV Xornadas Técnicas de Calidade do Leite organizadas por FarmVet Asesoramento Gandeiro.

“A clave para previr a mamite é a hixiene e un ambiente confortable”

Alejandro Ceballos Márquez, profesor de Veterinaria en Vacún de Leite da Universidade de Caldas

Alejandro Ceballos Márquez é profesor Epidemioloxía Veterinaria da Universidade de Caldas (Colombia), e director do grupo de investigación “Epidemiología Veterinaria y Calidad de Leche”, un referente neste país emerxente en canto a produción de leite de vaca. Recentemente participou en Ribadeo nas IV Xornadas Técnicas de Calidade do Leite organizadas por FarmVet Asesoramento Gandeiro.

Os seus relatorios centráronse nas novidades nos tratamentos de maste bovina e o uso racional de antibióticos na produción de leite.

En medidas de manexo debería incidir o gandeiro para previr a aparición de mamites?
O máis importante de todos é a hixiene: se provemos ás vacas dun medio hixiénico, confortable e con baixa humidade, iso vai contribuír a reducir as infeccións por mastite de tipo ambiental ou por xermes oportunistas.

O outro aspecto crave é reducir a presión de infección sobre as vacas sas, e iso lógrase segregando os animais que deron positivo a mastite. É dicir, identificar as vacas con problemas de infección en ubre e separalas no rabaño das sás vai axudar a reducir a incidencia de mamite.

Outros puntos estarían relacionados co tratamento da vaca seca con antibióticos, das vacas con infección así como co manexo en xeral da vaca en preparto. Todo isto vai axudar tamén a previr mamite na lactación.

Cando é necesario empezar a tratar as mamite?
O ideal é poder desenvolver protocolos para avaliar a severidade da mamite e tratar en función da severidade da infección. É dicir, se teño unha vaca soamente co leite anormal, é dicir con algúns grumiños e un par de coágulos, pero o ubre non está inflamado e a vaca está ben, esa mastite daríanos un tempo de espera para ver se a vaca se pode curar por si soa. E na segunda avaliación, pasadas entre 6 e 8 horas, tomariamos a decisión de empezar ou non o tratamento, se desenvolveu algúns signos adicionais como inflamación ou dor.

 “Con inflamación ou dor da ubre é cando debo decidir utilizar antibióticos”

A mastitis severa, cando afecta non só á ubre, senón que provoca febre na vaca, require unha acción inmediata, porque algúns casos, como as infeccións producidas por Klebsiella spp, poden ser unha mastite mortal.

A falta de análise do tipo de bacteria que provoca a mastite está a provocar que os tratamentos non sexan efectivos?
Cando se toma a decisión de utilizar un antibiótico débese coñecer mediante cultivo cal é o tipo de bacteria ao que nos enfrontamos para definir a terapia máis adecuada.

Creo que cando o cultivo dá como resultado non crecemento, debemos instaurar un tratamento de soporte, por exemplo a utilización de analxésicos, antiinflamatorios…etc, e se a vaca está deshidratada utilizar terapia de líquidos. Noutras palabras, realizar un tratamento sintomático e non dirixido a unha curación bacteriolóxica, posto que non se coñece o axente.

Como se deberían afrontar as mastites subclínicas?
Polo que puiden ver, en España non se fai tratamento da mastite subclínica, ben sexa por aspectos económicos, por esperar ata o secado da vaca…etc. Pero se o noso obxectivo é reducir a presión da infección de mastite ambiental na gandería, está xustificado efectuar o tratamento da mastite subclínica porque con iso reducimos o risco de infección nas vacas que están sas. É dicir, apago os focos onde hai posibilidade de que as vacas se contaxien con outras bacterias.

O Staphylococcus aureus é un dos máis temidos polos gandeiros de vacún de leite. Cales son as medidas de prevención e de tratamento que recomendas?
O Staphylococcus aureus é unha bacteria temida por todos e é un problema que, aínda que non é erradicable, si que é manexable. Neste sentido, hai tres aspectos básicos para o manexo das mastites provocadas polo Staphylococcus aureus: identificar as vacas que o teñan, segregalas e descartar as vacas crónicas. Poden soar como medidas drásticas pero polo momento é o máis efectivo que hai.

 “Co Staph. aureus a curación non supera o 60% no mellor dos casos”

Trátase dunha bacteria que provoca a evasión da resposta inmunolóxica por parte do animal e é o que fai que o seu tratamento sexa tan difícil. De feito, no mellor dos casos estariamos a falar de taxas de curación próximas ao 60%, pero non nos podemos comprometer cunha taxa de curación maior porque desde o punto de vista práctico non se vai a lograr.

No teu relatorio afirmaches que o Streptococcus agalactiae é un problema aínda grave nas ganderías de vacún de leite de Colombia e que en Europa, onde se daba por erradicado, están a volver a aparecer casos, sobre todo nos países do Norte. Que recomendas para o seu tratamento?
O  Streptococcus agalactiae estivo en Europa e fai uns 40 ou 50 anos a maioría das mastites eran provocadas por esta bacteria considerada contaxiosa. No Reino Unido os mastitólogos da época idearon o plan dos cinco puntos para erradicala e lograron baixar a súa presenza a porcentaxes por baixo do 2%. Estas cinco medidas son: identificar e tratar todos os casos de mastites clínicas, desinfección correcta dos tetos despois do muxido, eliminar as vacas crónicas, mantemento periódico da máquina de muxido e terapia antibiótica en saba no secado dos animais.

Con todo, na última década o streptococcus agalactiae foi unha bacteria reemerxente e volveron a presentarse casos, fundamentalmente nos países nórdicos, pero non necesariamente con cepas que veñen das vacas. De feito, parece ser que as cepas teñen probablemente unha orixe humana. O seu patrón de infección non é contaxioso, senón máis ben ambiental, a pesar de que non é unha bacteria considerada como tal. Nese caso, deberíase incidir nas medidas de prevención contra as mastites ambientais e tratar as vacas. Pero o problema está en que non necesariamente as vacas van ser sensibles aos antibióticos que se utilicen, e iso é un problema serio.

Que pautas se deberían seguir coas vacas tratadas con antibióticos á hora de volver destinar o seu leite ao tanque?
A este respecto, os laboratorios son sumamente serios e teñen moita investigación detrás co obxecto de dicirlle ao produtor cal é o tempo mínimo que se debe respectar para retirada do leite. A miña recomendación sería simplemente seguir a recomendación do fabricante do produto e respectar o período de retirada, sexa 36 ou 48 horas ou máis, segundo o produto.

“As resistencias en vacún ás mastites xéranse polo mal uso dos antibióticos”

Porén, cando a terapia é estendida no tempo faise máis difícil poder determinar cal é o tempo de retirada.

As Células Somáticas utilízanse máis como criterio de curación e non tanto para o criterio de retirada do leite. Para lograr curación da vaca dunha mamite debemos ter dous meses consecutivos con recontos por baixo das 200.000 células para decidir que a vaca está curada.

Incides no uso racional de antibióticos para o tratamento das mastites. Que pautas se deberían seguir para lograr este obxectivo?
Os antibióticos ímolos seguir utilizando pero dunha forma cada vez máis prudente e no momento que se requiran. Eu diría que é clave realizar un cultivo para determinar se é unha bacteria e de que tipo, determinar o grao de severidade da mastite e ver o historial da vaca porque nos vai a dicir se se xustifica ou non utilizar o antibiótico. Tamén debemos decidir que facer coas vacas que non se van a tratar, para que non se convertan en focos de infección.

Finalmente, a palabra crave é previr: ofrecer un ambiente hixiénico e confortable e diminuír os riscos de que as vacas se infecten vai levar a utilizar cada vez menos antibióticos e a que cando se requiran é porque de verdade é necesario tratar a vaca con este tipo de fármacos e non empregalos indiscriminadamente.

Están a xerarse resistencias a antibióticos en mastites bovinas?
Eu falaría de que as resistencias aparecen máis polo abuso que polo uso de antibióticos. Por exemplo, recoméndase realizar os tratamentos completos e cumprir a dose e a frecuencia recomendados polo laboratorio. Do contratrio realizariamos un mal manexo do produto que pode provocar que a vaca desenvolver resistencia a antibióticos.

En Galicia ao redor do 30% das ganderías, pero que producen sobre o 70% do leite, están en Control Leiteiro e durante as épocas de prezos baixos algúns gandeiros pensan en prescindir deste servizo para aforrar custos. En Colombia, sen embargo, aínda estades a empezar a implantar o Control Leiteiro. Cales son as vantaxes que lle ves a este servizo?
O Control Leiteiro é unha ferramenta que ten o gandeiro para tomar decisións. Sería completamente inimigo de que o produtor deixe de lado o Control Leiteiro, porque lle axuda a tomar decisións estratéxicas para mellorar a rendibilidade do negocio. Imos supoñer un produtor decide prescindir deste servizo: ten un aumento de reconto de células somáticas de 150.000 a 300.000 células e perde o bono de calidade de leite. Pero se quere volver a esas 150.000 debe estar en condicións de identificar as vacas responsables dese aumento, e se non hai Control Leiteiro non teñen forma de facelo, porque se se trata de mastitis subclínica non se pode identificar as vacas afecadas soamente coa inspección visual.

Desde o punto de vista nutricional, o Control Leiteiro proporciona información do contido de urea, graxa e proteína no leite. E iso permite tomar decisións de manexo nutricional na gandería, tendo en conta que a alimentación representa de media o 60% dos custos dunha granxa de vacún de leite. É dicir, se podo aforrar diñeiro tomando decisións con informacións do Control Leiteiro podo mellorar a rendibilidade.

“O Control Leiteiro non é un custo, senón un investimento para mellorar a rendibilidade”

É dicir, o Control Leiteiro non se debe ver como un custo, senón máis ben como un investimento para mellorar a rendibilidade do negocio.

En Colombia ata fai uns dous anos non había Control Leiteiro. Simplemente o gandeiro tomaba decisións en base aos rexistros da propia gandería, pero non por información externa obtida a través de Control Leiteiro. Porén, o Ministerio de Agricultura empezou un programa de mellora xenético da gandería, e iso non pode lograrse se non é a través de información de Control Leiteiro.

Actualmente levamos dous anos cun proxecto piloto que agrupa a ao redor de 70.000 vacas e oxalá que o goberno o siga mantendo. Seguramente haberá un momento no que o produtor deba empezar a pagar polo servizo, pero son tantas as vantaxes que está xustificado o investimento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información