Cinco liñas de innovación nas granxas de vacún de leite

A mellora das explotacións en aspectos como a alimentación, a xenética, o manexo da recría ou a saúde serán claves para manter a competitividade. Alex Bach, do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA), de Cataluña, expón algunhas das posibilidades que se aveciñan nun artigo que resumimos

Cinco liñas de innovación nas granxas de vacún de leite

A aportación de suplementos personalizados, cunha ración estandar relativamente económica, é unha das tendencias.

Nun contexto xeral de prezos do leite axustados, a mellora da competitividade convírtese en tarefa obrigada para as explotacións lácteas. Cales son as tendencias que poden contribuír a mellorar aspectos como a alimentación, a xenética, o manexo da recría ou a saúde dos animais?

Alex Bach, do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA), de Cataluña, analiza algunhas perspectivas de futuro nun artigo do libro ‘El sector lácteo en la encrucijada’, editado por Cajamar (Grupo Caja Rural). Pasamos a resumir as súas valoracións.

1) Epixenética e recría

A alimentación, tanto das xatas como das vacas en xestación, é clave para que os animais de recría optimicen o seu potencial xenético. Por que? Porque en función de factores como a alimentación e o ambiente, a vaca ten capacidade para modificar a expresión xenética do feto. O mesmo sucede co recén nado. Cambiará factores xénicos en función do entorno. Eses mecanismos coñécense co nome de epixenética.

De xeito xeral, segundo valora Alex Bach, ignóranse as necesidades nutricionais das vacas xestantes ata o seu secado, que se adoita facer en torno ós 190 días de xestación.

Ácido fólico e vitamina B12
Existe a oportunidade de mellorar a súa alimentación, tanto durante a lactación como no secado, co fin de modular o metabolismo do futuro animal de recría. O IRTA está a investigar os efectos da suplementación con vitamina B12 e con ácido fólico, pois pénsase que pode ter un efecto positivo tanto na produción de leite como no desenvolvemento fetal.

Prevense novas recomendacións nutricionais para as vacas en xestación e para os animais de recría

Outras posibles recomendacións de futuro pasan polo suministro de determinados aminoácidos ou carbohidratos, todo elo co fin de mellorar as características dos animais de recría.

A mellora do alimento das xatas durante os dous primeiros meses de vida é tamén decisiva para a súa produción de leite futura, segundo demostran diversas investigacións. Por cada 100 gramos / día de crecemento adicional durante os primeiros 60 días, pódese esperar un aumento de 225 quilos de leite na primeira lactación.

2) Estratexias de secado

A modificación das estratexias de secado das vacas antes do parto é unha posibilidade que se está a investigar. En xeral, o máis frecuente é facer un secado os 60 días antes do parto, un periodo de descanso entre lactacións que se estima necesario para a recuperación do animal.

A posibilidade de reducir o tempo de secado está en discusión, aínda que prevalecen os estudos que advirten de mermas na produción

A posibilidade de acortar o periodo de secado, por exemplo a 30 días, ou mesmo de eliminalo, está en discusión e non hai consenso ó respecto, segundo expón Álex Bach.

Polo de agora, sinala o investigador, prevalecen os estudos que conclúen que ó acortar o periodo de secado prodúcense perdas de produción na seguinte lactación de entre o 10 e o 40%.

É de destacar, sen embargo, que hai estudos con periodos de secado de 30 días que non atoparon perdas de rendementos na seguinte lactación, sempre falando de vacas de segundo e posteriores partos. Esa posibilidade de acortar o secado permitiría un aumento da rendabilidade.

3) Dispensadores dinámicos de concentrado

A alimentación dos rabaños con racións estandar, vía carro mesturador, presenta algunhas limitacións, pois non todos os animais teñen as mesmas características nin necesidades da ‘vaca de referencia’ para a que se deseñou a ración. Polo tanto, algúns animais recibirán máis nutrintes e outros menos dos que realmente necesitan.

Os dispensadores de pensos adoitan ter problemas similares. Pódese variar a cantidade de penso que se lle suministra a un animal en función da súa produción de leite e estado de xestación, pero a composición do penso é fixa e única.

O DCPF é un sistema de alimentación de precisión. En base ós datos de produción, peso e estado do animal, suminístralle suplementos personalizados

Unha posibilidade para mellorar a alimentación, que xa se está a usar en certa medida en granxas en pastoreo de Nova Zelanda ou Sudáfrica, pasa por implementar un dispensador dinámico de concentrado na sala de muxidura (DCPF, nas súas siglas en inglés).

O DCPF ofrece unha alimentación de precisión en base á información que se extrae ó muxir cada animal. O sistema consiste nunha sala de muxidura rotativa equipada cun conxunto de dispositivos: identificación por radiofrecuencia, medidores electrónicos da produción do leite e do seu contido en graxa e proteína, balanza electrónica para pesar o animal e un sistema de mesturado de ingredientes capaz de utilizar con precisión ata 6 materias primas distintas.

O dispensador elabora e ofrece a ración personalizada en menos de 14 segundos

O dispensador dinámico de concentrado pode ofrecer unha ración personalizada en menos de 14 segundos, permitindo preparar e dosificar tantos suplementos como vacas sexan muxidas. O sistema calcula as necesidades nutricionais de cada vaca en canto entra na rotativa e elabora e suministra a correspondente ración. O animal terá 8-10 minutos para tomala e despois o comedeiro limparase automáticamente con auga, antes de recibir á seguinte vaca.

Elaborar varias racións
Outra posibilidade, en grandes explotacións, pasa por elaborar varias racións -vía carro mesturador-, agrupando ós animais en función das súas características, se ben as investigacións apuntan a que a maior rendibilidade obtense cunha estratexia de suplementación individualizada e cunha ración estándar relativamente económica.

O investigador advirte tamén de perigos asociados á división do rabaño en varios grupos para o suministro de racións específicas, pois o cambio de ubicación dos animais pode repercutir nunha reducción do seu tempo de descanso de ata un 12% no primeiro mes, un problema que, en menor magnitude, se repetiría en meses seguintes aínda que se manteñan as mesmas densidades e instalacións.

4) Saúde

Enfermidade respiratoria bovina (ERB)
Nos animais de menos de 4 meses, a enfermidade respiratoria bovina (ERB) segue sendo unha das afeccións máis comúns, a pesar dos avances dos últimos anos na saúde dos rabaños de leite. A súa prevención é fundamental, pois está demostrado que a maior número de casos de ERB que sufra un animal durante os seus primeiros meses, menor será a súa lonxevidade.

Metrite e mamite
Outro aspecto importante da saúde das vacas son os casos de metrite, unha enfermidade clínica uterina aguda que se produce despois do parto. Calcúlase que entre o 20 e o 40% das vacas padecen enfermidades clínicas na seguintes semanas ó parto. O custo medio estimado dun caso de metrite sitúase en 292 euros, tendo en conta as perdas derivadas e os custos en medicamentos.

Investígase con bacterias do ácido láctico que teñen potencial para previr a metrite e para tratar a mamite

Recentemente, o investigador sinala que se descubriu que algunhas bacterias do ácido láctico teñen gran potencial para previr estes problemas se se suministran no preparto.

Tamén se probaron as bacterias do ácido láctico en casos de mamite, pois potencian a estimulación das defensas do animal. Os seus efectos chegan a estar ó nivel do dos antibióticos, segundo Alex Bach.

Hipocalcemia
A incidencia da hipocalcemia clínica sitúase nos rabaños nun 4%, segundo os estudos das últimas décadas. O máis preocupante é que a hipocalcemia subclínica pode afectar ata a un 50% do rabaño, polo que haberá que traballar en estratexias para reducir o problema.

5) Reprodución

A taxa de concepción das xovencas é máis do dobre que a das vacas en lactación. A vaca en produción segue amosando unha fertilidade relativamente baixa e dificultades para expresar o celo.

Convén innovar na reprodución, pois é de esperar que nun futuro o consumidor cuestione as actuais prácticas

Estas deficiencias fóronse superando por melloras do manexo, nutrición e por plans de sincronización hormonal. Sen embargo, é de esperar que nun futuro o consumidor cuestione as actuais prácticas reprodutivas, sinala Alex Bach.

Esa perspectiva de futuro fai preciso continuar a innovar e investigar na mellora da reprodución do vacún de leite.

Máis información
“La innovación: clave para la competitividad del sector productor” (Alex Bach, IRTA). En: ‘El sector lácteo en la encrucijada’ (PDF).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información