Cinco formas sinxelas de mellorar a xestión dunha gandería de vacún de leite

Resumo da ponencia de Alfonso Goris, técnico de CLUN, sobre “A importancia da xestión nas explotacións de vacún de leite”, presentada en Vilalba no Foro Agrogandeiro.

Cinco formas sinxelas de mellorar a xestión dunha gandería de vacún de leite

Vacas na Gandería Sar.

A xestión integral das granxas de vacún de leite cobra máis importancia para ser rendibles nun mercado cada vez máis desregulado, onde se prevé que o prezo das materias primas (penso, fundamentalmente) e do leite experimenten importantes oscilacións.

Porén, seguen sendo minoría as ganderías de vacún de leite que participan nun programa de xestión, no que técnico e gandeiro definan conxuntamente os datos reais de punto de partida e marquen un obxectivo realista a acadar.

Conscientes desta importancia, a última edición do Foro Agrogandeiro celebrada recentemente en Vilalba analizou as estratexias para mellorar a xestión nas ganderías de vacún de leite, da man de Alfonso Goris, técnico de Clun, unha das cooperativas que realiza xestión a parte dos seus socios.

Punto de partida: coñecer o cash flow e o punto de equilibrio dunha granxa

Neste sentido, Alfonso Goris asegurou que cinco boas prácticas que deberían realizar todas as ganderías, independentemente de se están nun grupo de xestión ou non, son:

1) Coñecer o cash-flow

“O cash-flow ou o fluxo de caixa é o diñeiro que queda na gandería tras cubrir os gastos (alimentación, recría, amortizacións, salarios e demais gastos fixos e variables), tanto a día de hoxe como de forma estimada nos próximos 8 ou 9 meses”, explicou o técnico de CLUN.

Explicado de forma sinxela, poderíamos coñecer o fluxo de caixa que temos sumando os ingresos por venda de leite, por venda de becerros e de vacas e polas axudas da PAC, e restarlle os gastos de alimentación, o custo da recría, os préstamos, o gasto sanitario -pódense coller os datos do ano anterior-, e os demais gastos fixos, e con iso podemos coñecer a liquidez coa que conta a explotación. Tamén se poden realizar simulacións de distintas situacións variando o prezo do leite o ou do penso, e en función diso ver que decisións tomar.

2) Saber cal é o punto de equilibrio da granxa.

Sería aquel no que se cobren os gastos cos ingresos que xera a gandería. “Por exemplo, nunha gandería con 500.000 litros de produción, podemos saber que é capaz de xerar unha renda digna cun prezo do leite por riba de 0,30 euros, aínda que unha mellora da produtividade sempre é necesaria para ser capaces de ter un punto de equilibrio máis baixo”, subliñou Alfonso Goris.

Todas as decisións, como a compra do robot de arrimado ou dun robot de muxido, deben tomarse en base a datos obxectivos e cun trasfondo económico que as xustifique.

“É mellor ser primeiro bo manexando unha gandería e logo ter unha granxa grande”

Índices obxectivos de eficiencia nunha granxa de vacún de leite

Outros índices que o gandeiro pode aplicar na súa granxa para mellorar a súa xestión son, segundo Alfonso Goris:

3) Coñecer cal é a eficiencia alimentaria:

É o resultado de dividir a cantidade de leite que producen as vacas, expresada en kilos de leite corrixido, dividido entre os kilos de materia seca inxerida.

“Unha eficiencia por encima de 1,45 kilos de leite por kilo de materia seca inxerida sería un bo resultado, (para 2 muxidos), e de feito cada vez hai máis granxas que soben de 1,6. Pola contra, todo o que sexa baixar de 1,4 é negativo, e pode ser debido a diversas causas ( malos datos reprodutivos, malas forraxes,  racións mal balanceadas, mal manexo en xeral)”, explicou o técnico de CLUN.

4) Ingreso sobre o Custe de Alimentación (ISCA):

Obtense restándolle aos ingresos pola venda de leite os custos de alimentación do rabaño presente, non só das vacas en lactación, senón tamén das secas. Non temos en conta o custo de alimentación das xovencas para este cálculo.

“Permítenos coñecer se os custos de alimentación están acordes coa produción, así como poder establecer distintos escenarios, establecer limiares de rendibilidade, e ver como afectan as decisións de manexo ao noso ISCA, que é o verdadeiro motor da economía da granxa”. O ISCA podémolo referir a litro de leite ou a vaca presente.

Sen embargo, o técnico de Clun advertiu de que un dos principais problemas é que “moitas ganderías non teñen datos de canto lle custan as súas forraxes”. “Nestes casos -engadiu- poderíase coller o custo de oportunidade do prezo no mercado das forraxes”.

5) Reducir ao máximo o número de animais non rendibles.

O obxectivo debe ser ter animais sans e ben alimentados, optimizando o número de vacas en lactación. “En moitas granxas é un lastre non saber manexar as vacas secas e teñen demasiadas, ou tamén teñen demasiada recría”, subliñou Alfonso Goris.

“É un risco ter moito diñeiro en carne -en recría- ou baixo o plástico -silo de millo- porque iso resta liquidez, resta cash flow”, advertiu.

Por último, o técnico de Clun recomendou “non quedarse só nos problemas superficiais dunha granxa, senón ir aos subxacentes, como poden ser a mala xestión do tempo e dos recursos humanos, o mal manexo….etc; en definitiva, problemas de mala xestión”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información