Chamamento á Administración para que inclúa á distribución nos contratos lácteos

Esta foi unha das conclusións da mesa redonda da Semana Gandeira de Mazaricos celebrada este sábado. A necesidade de apostar por proxectos industriais para transformar o leite en produtos de máis valor, outro punto en común.

Chamamento á Administración para que inclúa á distribución nos contratos lácteos

Mesa redonda sobre o sector dentro da Semana Gandeira de Mazaricos

“Temos que autosalvarnos”, “Os gandeiros e a industria son a parte máis feble da cadea ante a distribución” ou “O punto feble dos gandeiros galegos é a falta de organización e de unidade” foron algunhas das frases recorrentes que se escoitaron este sábado na mesa redonda celebrada dentro da Semana Gandeira de Mazaricos 2015, baixo o lema “Retos, oportunidades e realidades do sector lácteo”.

No debate interviron representantes de dúas cooperativas de gandeiros que participan en senllos proxectos industriais de transformación do leite: Ángel Miranda, director da área de Alimentación da Cooperativa Irmandiños, que participa no proxecto de Clesa, e Ismael Herruzo, gandeiro de Córdoba e membro da Cooperativa Valle de los Pedroches (COVAP), un referente no sector lácteo español na transformación do leite por parte dos propios gandeiros andaluces. Tamén participou no debate Pedro Ramos, membro da Asociación Galega Terra e Leite, un foro de opinión en defensa do sector lácteo galego, e ex-presidente da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia.

Ten solución a situación de baixos prezos en orixe do sector lácteo?

Como punto de inicio do debate, Ismael Herruzo, de COVAP, asegurou que “de xeito inmediato non vemos unha solución, pero si a medio prazo”. Ademáis, Herruzo lamentou que “se nos vexa aos gandeiros de Andalucía como uns privilexiados porque cobramos máis, cando non se ten en conta que os nosos custos de produción tamén son maiores”.

Para Ángel Miranda, da Cooperativa Irmandiños, o reto do sector “é saír desta situación canto antes, e saír unidos, (…) porque ten que haber estabilidade e confianza nas relacións entre os gandeiros e a industria”. Destacou tamén que “en Galicia sabemos producir leite á altura de calquera país europeo, pero temos que ser máis eficientes”.

Pedro Ramos: “A administración debe estender os contratos lácteos á distribución”

Pola contra, Pedro Ramos, de Terra e Leite alertou de que “non se está a facer nada en Galicia para solucionar un problema estrutural como é a falta de industria transformadora para exportar o noso leite”. “Producimos en Galicia leite para 15 millóns de persoas e temos que ser competitivos para colocala no mercado”, subliñou. Lembrou tamén que “o prezo do leite é global, de tal forma que a crise de prezos de este ano foi provocada porque o ano pasado producíronse no planeta 5 millóns de toneladas máis das que se consumiron”.

Outro aspecto básico no que incidiu foi na necesidade de estender os contratos lácteos tamén á distribución. “¿Como é posible que a administración lle esixa á parte máis feble da cadea, que son os gandeiros e as industrias, que asinen contratos a un ano, pero non á distribución?”, preguntouse.

Cales son as debilidades e as fortalezas do sector lácteo galego?

A este respecto, Ismael Herruzo salientou que “a climatoloxía de Galicia é a máis idónea para a produción de leite”. Como debilidades situou a falta de unión dos gandeiros e falta de base territorial nas explotacións. “Con esforzo de unión serían vostedes os que fixasen os prezos ás industrias”, subliñou.

Sobre a necesidade de industria transformadora, o representante de COVAP asegurou que “a opción de Irmandiños apostando por Clesa é a máis factible que esperar a que veña unha empresa do exterior”. “Temos que autosalvarnos”, subliñou.

 Ismael Herruzo: “Temos que autosalvarnos”

Nesta liña, Pedro Ramos lembrou que “nos últimos 2 anos investíronse en Europa 5.500 millóns en instalacións industriais lácteas en zonas produtoras de leite con previsións de crecemento da produción de leite de entre un 15 e un 20% nos vindeiros anos”. “En España, e en concreto en Galicia, malia sermos a oitava rexión produtora da UE, nada”, advertiu. E iso, nun contexto global, no que, segundo o representante de Terra e Leite “as previsións son boas, cun aumento nos próximos seis anos de 200 millóns de toneladas de leite en todo o mundo”.

Outro punto feble específico de Galicia para Pedro Ramos son os primeiros compradores sen industria. “En 2012 recollían o 40% do leite en Galicia e son os que tiran á baixa coa media de prezos na nosa Comunidade”, advertiu. Sen embargo, si recoñeceu a connivencia destes axentes coa parte industrial xa que “evítanlle ás industrias as rixideces administrativas e regulatorias dos contratos lácteos”.

Son as OPL´s a solución para os gandeiros?

A organización dos gandeiros a través de Organizacións de Produtores Lácteos para negociar prezos e cantidades coa industria en mellores condicións é un dos deberes do sector no que insiste a Administración.

Neste sentido, Ismael Herruzo destacou os pasos positivos que está a dar a Organización de Productores Lácteos del Sur, que agrupa a 800 gandeiros de vacún de leite de Andalucía, Extremadura e Castela A Mancha. “Constituíron a cooperativa Alba, que para este ano prevé mover 180 millóns de kilos, e acaban de asinar un contrato de subministro a Lactalis a 31 céntimos, un prezo que sería máis baixo se non estiveran unidos”, explicou o gandeiro de COVAP.

Ismael Herruzo: “A OPL do Sur acaba de asinar un contrato con Lactalis a 31 céntimos”

Deste xeito, Ismael Herruzo destacou que COVAP e a OPL del Sur, agrupan a arredor do 98% dos produtores lácteos de Andalucía.

Pola contra, Pedro Ramos mostrou o seu desacordo co modelo de OPL polo que optou o Ministerio, xa que “esixe unha cantidade de gandeiros e un volume de produción tan grande que é moi complicado á hora de ser xestionado por unha industria”.

A este respecto, lembrou que “noutros países da UE optouse por modelos menos ríxidos”. E puxo o exemplo de Alemaña “onde unha OPL se pode crear con 5 gandeiros, e o ano pasado negociaron así o 33% do leite producido no país, mentres que o 60% está en cooperativas”.

Futuro do sector lácteo

Como reflexión final sobre o futuro do sector lácteo, Ángel Miranda, da cooperativa Irmandiños, incidiu en que a solución pasa pola industrialización do leite. “Ímolo ter difícil -advertiu- mentres non haxa un proxecto industrial que elabore produtos lácteos concentrados e de alto valor engadido”. “Canto antes témolo que facer”, engadiu.

 Ángel Miranda: “Canto antes temos que ter un proxecto industrial que faga derivados lácteos de valor engadido”

Pola súa parte, Pedro Ramos destacou que “temos un país privilexiado para producir leite, temos gandeiros que saben facer un produto de calidade e hai mercado no mundo”. “O que nos falta -subliñou- é un plan estratéxico para acceder a eses mercados e poñelo en práctica”.

Por último, Ismael Herruzo incidiu tamén na necesidade de “apostar por transformar o leite en produtos de valor engadido, e non só2 leite líquida, un produto de escaso valor”.

image_print
Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información