Celebración do Día Mundial dos Lácteos na Escola

O colexio Froebel, en Pontevedra, acolleu un dos actos de promoción do leite organizados pola Interprofesional

Celebración do Día Mundial dos Lácteos na Escola

Celebración do Día Mundial dos Lácteos no colexio Froebel de Pontevedra.

A promoción do consumo de produtos lácteos na infancia é o obxectivo do Día Mundial dos Lácteos na Escola, unha data na que a Interprofesional Láctea programa cada ano actividades nos colexios. A edición deste ano, baixo o lema ‘Compartindo o auténtico’, orientouse a fomentar un estilo de vida saúdable a través do vínculo dos netos cos avós, que constitúen un exemplo para os rapaces. En Galicia, o acto principal do Día Mundial dos Lácteos nas Escolas celebrouse no colexio Froebel de Pontevedra.

Algo máis de medio cento de alumnos de quinto e sexto de Primaria participaron nun evento no que interviu unha representante do comité científico da Interprofesional Láctea, Rosaura Leis, así como Román Santalla, gandeiro e representante na Inlac, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Tamén falou un dos avós do centro, que despois compartiron actividades de xogos tradicionais cos rapaces.

No acto, a conselleira do Medio Rural quixo poñer en valor o papel dos lácteos para a saúde: “É importante volver a introducir produtos sans na nosa dieta e na dos nosos fillos”, sinalou a conselleira, que propuxo o consumo de leite enteiro entre os pequenos en lugar de produtos industriais e bebidas vexetais que carecen dos nutrientes necesarios que si teñen os lácteos.

Presentación do acto do Día Mundial dos Lácteos no colexio Froebel.

Presentación do acto do Día Mundial dos Lácteos no colexio Froebel.

Día Mundial dos Lácteos
O Día Mundial dos Lácteos na Escola é unha iniciativa da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), que ten como obxectivo celebrar os beneficios asociados ao consumo de leite na idade escolar na saúde nos nenos. Ten lugar o último mércores de setembro e en España é a Interprofesional Láctea (INLAC) a que, en representación de todo o sector lácteo, pon en marcha unha serie de accións en colexios co obxectivo fomentar o consumo en nenos e preadolescentes en idade escolar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información