A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Casal de Quintanelas, como duplicar o número de vacas sen mercar animais

Creada no 1957, esta explotación situada a 18 quilómetros de Lisboa pasou décadas estabilizada en 180 vacas en muxido até que fai 10 anos comezou a introducir o sistema de cruzamentos Procross. Hoxe muxe 300 animais e dentro de menos de dous anos pasará dos 550

Casal de Quintanelas, como duplicar o número de vacas sen mercar animais

Antonio Castanheira, na explotación.

Antonio Castanheira non se define como gandeiro, senón como economista. Foi durante 20 anos xerente desta granxa ubicada no termo municipal de Pero Pinheiro, na rexión de Sintra, e, cos números na man, fai 8 meses decidiu mercar as vacas, alugarlle as terras e as instalacións ao seu propietario, Alexandre Arriaga e Cunha, e poñerse á fronte desta explotación pola súa alta rendabilidade.

Ao remate do 2017, o balance indicaba que Casal de Quintanelas gañaba uns 10 euros por vaca e día (ingresos menos alimentación), ou o que é o mesmo, arredor de 2.000 euros diarios de beneficio. “Non me gustan as vacas, gústanme os números, e para min isto é un negocio. Eu non teño vacas pola súa beleza, e estas vacas son diferentes pero máis rendibles”, afirma categórico.

A granxa entrega leite cun 4% de graxa e un 3,6% de proteína

A media de produción varía dependendo da época do ano, entre outros factores polas altas temperaturas durante o verán, pero nesta época está nos 38 litros por vaca, aínda que Antonio di: “non me importa tanto o dato de canto leite producen, porque o dato que máis me gusta é o de canto estou gañando por vaca”.

A toma de datos é básica para esta explotación que mide e computa en termos numéricos e económicos todo canto entra e sae da granxa. Entregan unha parte do leite que producen a unha queixaría a un prezo de 37 céntimos por litro, cuns niveis de graxa do 4% e de proteína do 3,6%, e o restante vai a unha cooperativa que llelo paga a 35 céntimos, mentres que o custo de alimentación está en 18 céntimos por quilo de materia seca, polo que Antonio asegura que neste momento “a diferenza entre prezo de leite e custo de produción é claramente favorable”.

Por iso, esta explotación portuguesa ten previsto duplicar practicamente os seus animais en muxidura no prazo de dous anos e farao sen mercar nin unha soa novilla, simplemente co excedente na taxa de reposición actual.

Xatas na amamantadora.

Xatas na amamantadora.

“Desde 1957 pasamos décadas e décadas estables, con 180 animais en muxido, xa que a recría só chegaba para repoñer as baixas e non nos permitía medrar porque tiñamos unha taxa de eliminación do 35%, pero tralo cambio das vacas holstein polas procross hoxe estamos nunha taxa de reposición do 20%. Iso quere dicir que coas 300 vacas en ordeño que temos neste momento só necesitamos 161 xatas, cando temos 343, polo que, cando dentro de dous anos estean paridas teremos 561 animais en ordeño, cando coa taxa de reposición das holstein teriamos só 448 vacas en muxidura nese mesmo momento, a diferenza é moi considerable, con Procross teremos un cento de vacas máis”, resume.

E iso que o crecemento do rabaño está a provocar un problema de superpoboación nesta explotación que os obrigou a tomar medidas impensables hai uns anos. “Se fai 10 anos nos din que iamos ter que alugar unha finca de 45 hectáreas a 30 quilómetros daquí para as novillas non o creriamos”, di.

Casal de Quintanelas trasladou alí a recría, que sae da explotación tralo destete e volve no momento do parto. Foi unha maneira de liberar espazo para produción, xa que desde que comezaron cos cruzamentos, en menos de 10 anos pasaron de 180 vacas en produción a duplicar xa neste momento esa cifra e ter previsto un crecemento exponencial para os vindeiros meses.

Instalacións de recría de xovencas.

Instalacións de recría de xovencas.

Venda de xovencas e desvelle voluntario
Antonio recomenda o método Procross de cruzamento que el aplicou a todas as explotacións. “As granxas que queiran medrar, como é o noso caso, fano sen custos derivados de ter que mercar vacas, e as que non queiran medrar poden vender recría e obter ingresos por esa vía”, di. “Nós mesmos tivemos que vender 38 novillas porque xa temos un 20% máis de vacas que de cubículos”, explica.

As xatas que vende Casal de Quintanelas son tenreiras trihibridas, nas que xa se completaron os tres cruzamentos (montbeliarde, roja sueca e holstein), e que buscan outras granxas que queren comezar a empregar o mesmo sistema pero non queren tardar os 7 anos que leva ter o ciclo completo.

A explotación alugoulle unha nave a unha vaquería que pechou a 30 quilómetros para a recría das xovencas

O custo de pór unha novilla ao parto nesta granxa é actualmente de 1.400 euros, dos que 200 euros correspóndense co custo de arrendar as 45 hectáreas e as 3 naves que Casal de Quintanelas lle alugou a unha vaquería que pechou a 30 quilómetros e onde ten xa neste momento 230 novillas. Antonio calcula arredor de 1,3 euros por xata o custo diario de recría.

Outra das vantaxes dunha taxa de reposición excedentaria é poder facer desvelles voluntarios e escoller deste xeito un número importante dos descartes que van ao matadoiro. “Fai tres meses vendín 20 vacas que estaban dando 20 litros pero que me estaban estorbando porque non teño sitio, senón poderían ter quedado máis tempo”, explica.

Pagáronllas a 1,3 euros por quilo de vida, que representa máis ou menos o dobre do peso canal. Pesaban 800 quilos de media, así que recibiu máis ou menos 1.000 euros por vaca de desvelle porque afirma que “as vacas cruzadas aguantan moito mellor a condición corporal unha vez paridas e non perden tantos quilos durante a lactación, polo que valen máis no momento de vendelas”.

Tamén no ano 2015 tiveron que facer un sacrificio masivo. “Obrigáronnos a reducir produción e tivemos que vender de golpe 60 vacas e as que quedaron pasámolas de 3 a 2 ordeños para baixar produción e mesmo fixémolas pasar fame”, lembra.

Alimentación: 60% forraxe e 40% concentrado
As condicións para a produción de leite que hai nesta zona do centro de Portugal son moi distintas ás que hai na zona norte do país ou en Galicia, polo que o mix alimenticio desta granxa é moi distinto ao da maioría das explotacións galegas, sobre todo polas dificultades para a produción de forraxe nesta latitude. “É moi difícil e cara de producir porque o chan é moi pobre e estamos nun lugar de clima mediterráneo puro con moi poucas precipitacións, polo que o 65% da forraxe que precisa a granxa é forraxe de millo que ven de 70 quilómetros de distancia”, explica Antonio.

O solo pobre non é apto para producir millo.

O solo pobre non é apto para producir millo.

A explotación dispón de 300 hectáreas de superficie a raigrass que cubre soamente o 40% das necesidades de forraxe da explotación, o resto teñen que mercala. Sementan en setembro e logran dous cortes de herba, o primeiro en marzo e o segundo en maio. Logo, de xuño a setembro, vén o periodo seco. Dispoñen dunha lagoa artificial, da que tiveron que botar man no outono pasado para poder dar de beber ás vacas ante a seca prolongada.

Por iso o 40% do que comen as vacas é concentrado e o seu propietario afirma que “se as vacas non fosen animais rumiantes, hoxe estaría alimentando as miñas vacas exclusivamente con concentrado porque nesta zona sáenos máis barato que a forraxe”, di.

Todas as vacas comen a mesma ración malia estar en lotes por días de lactancia. O reparto de comida ten lugar dúas veces ao día e a explotación ten unha persoa adicada unicamente a esta tarefa. De cada carro mesturador que fan realizan unha analítica para saber canta materia seca levaba e contabilizan tamén as sobras que hai nos pesebres pola mañá (en torno a 100 quilos por lote) para saber a cantidade exacta de materia seca inxerida polos animais e en función diso axustan a ración diariamente no momento de facer a mestura.

Vacas resultado de tres cruzamentos.

Vacas resultado de tres cruzamentos.

Isto, sumado ao control de datos diarios de cada vaca permítelles ter estatísticas moi fiables nas que basear a toma de decisións na explotación. Un dos gráficos clave que usan é o da eficiencia na transformación da materia seca inxerida, segundo o cal os animais desta granxa producen unha media de 34,8 litros de leite entre o momento do parto e os 50 días posteriores cunha inxesta de 24 quilos de materia seca ao día.

Adiantar a inseminación e reducir o secado
Casal de Quintanelas era historicamente unha explotación holstein punteira en Portugal, fundadora da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisona, e que tiña na mellora xenética un dos seus sinais de identidade, pioneira na década dos 60 na importación de vacas de Canadá e anos máis tarde dos primeiros embrións procedentes de Inglaterra.

Pero fai 10 anos pasou por “un problema gravísimo de reprodución”, segundo lembra Antonio, motivado en boa medida polos altos índices de consanguineidade que se foron instalando no seu rabaño co paso dos anos. Iso levounos a facer a primeira inseminación con montbeliarde dentro do programa Procross, que consiste na combinación en rotación das razas montbeliarde, roja sueca e holstein para manter deste xeito animais de alto nivel produtivo pero máis fértiles e resistentes a enfermidades. A experiencia foi positiva e hoxe o 97% do seu rabaño son animais híbridos.

A mellora reprodutiva das vacas cruzadas con respecto ás frisonas puras tamén está a permitir a esta granxa adiantar o momento de parto das novillas e reducir o tempo de secado tralas lactacións. “Tentamos ter as vacas preñadas canto antes adiantando o momento da inseminación, porque canta máis presión neste sentido, máis xatas dispoñibles para medrar e aumentar deste xeito o número de cabezas”, explica.

Este ano tamén comezaron a acurtar o periodo de secado, secando tamén 20 días máis tarde, aproveitando dese xeito máis días en produción. As vacas están secas actualmente tan só 50 días, aínda que a intención é que en canto a explotación chegue ao tope de capacidade pasar a secar as primeirizas durante dous meses (10 días máis que as multíparas) para non forzalas tanto.

As vacas secas, que están nunha nave de recente construción a carón da de produción, comen a mesma ración que as que están en ordeño, só que moita menos cantidade (o 35% da ración diaria dunha vaca en muxidura) e logo herba seca a discreción.

As amortizacións polas instalacións representan só 1 céntimo por litro

Instalacións ‘low cost’
As instalacións desta granxa son antigas, a maioría construídas nos anos 90, e destacan pola súa sinxeleza e funcionalidade. “A última nave que fixemos, destinada ás vacas secas, é moi simple, unha simple estrutura de ferro con chapa metálica no teito, trabantes e cubículos. Son construcións funcionais pero low cost. Ten que ser así, simples e baratas, para producir leite non se precisan luxos. Estas instalacións están pagadas, se fosen naves de luxo, como hai moitas en Galicia, seguramente estarían aínda por pagar”, argumenta.

Nesta granxa todo está calculado e traducido a termos económicos. “Temos calculado mesmo o efecto dos préstamos sobre o litro de leite que producimos. O custo de todos os préstamos que temos, incluídos os leasings, é só dun céntimo por litro”, explica Antonio. Con este nivel de amortización tan baixo, o vindeiro proxecto, a un ano vista, será facer unha sala de ordeño nova.

Animais en cubículo ós 70 días do parto.

Animais en cubículo ós 70 días do parto.

Sen preparto nin postparto
Casal de Quintanelas non ten tampouco zona específica para preparto nin para postparto. Antonio destaca esta facilidade de manexo como outra das vantaxes das vacas cruzadas fronte ás frisonas puras. “As holstein eran moito máis fráxiles e había que ter moito máis coidado con elas”, di.

Tamén afirma que os custos veterinarios e farmacéuticos son moito menores e aporta un dato: “No ano 2010 gastamos 61,3 euros por vaca en medicamentos e no 2014 esa cifra era xa só de 40 euros por vaca”.

En canto á mamite, “é hoxe menos da metade de cando comezamos con Procross e iso que temos unha superpoboación que ronda o 20%” e asegura que “a curto prazo o uso de hormonas e de antibióticos nas explotacións vai estar limitado legalmente e por iso os que temos vacas híbridas imos ter claramente unha vantaxe”. De feito, di, “se fosen holstein puras non as tería mercado nin me tería quedado coa explotación”.

Van comezar a cebar os machos

Xatos machos para cebo.

Xatos machos para cebo.

Outro dos cambios que Antonio vai introducir ao quedar coa explotación é cebar os machos. No momento de nacer, tanto os xatos como as xatas reciben 4 litros de costro mediante sonda antes das dúas primeiras horas de vida. Esa é a única toma que reciben da nai, xa que logo usan tanto o leite das recén paridas como leite en pó subministrado a través de amamantadoras.

Teñen separado tanto os xatos como as xatas en dous lotes: nun están os que toman só leite e no outro os que comen tamén penso por medio dunha dispensadora. Antonio destaca que estas crías cruzadas son animais moi comedores nos que funciona moi ben a alimentación mediante amamantadora.

Até agora, só recriaban as femias, mentres que os machos eran vendidos a cebadeiros. Pero a partir deste ano tamén van a comezar a cebar os xatos na propia explotación até os 8 meses, nos que xa irán ao matadoiro. A cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce está a fomentar que as granxas portuguesas ceben directamente os xatos pagando unha prima se a carne procede dun tenreiro nacido e criado na mesma explotación. Casal de Quintanelas recibirá 4 euros/quilo canal.

Isto vai incrementar as necesidades de persoal desta explotación, na que traballan neste momento 10 persoas, a maioría inmigrantes, sobre todo procedentes de Nepal e Filipinas. “Levan xa 5 anos e non entenden nada de portugués, pero entenden as vacas”, afirma Antonio, que ten calculado mesmo o impacto do custo de persoal sobre o balance de resultados da granxa: 4,5 céntimos en cada litro de leite producido. O encargado gaña 1.800 euros limpos e o resto de empregados 1.000 euros con casa, luz e auga pagadas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información