Casa Macán reclámalle a Clas 7 millóns de euros por incumprimento de acordo

Casa Macán reclámalle a Clas 7 millóns de euros por incumprimento de acordo

Casa Macán.

A industria láctea Casa Macán, ubicada en Taboada (Lugo), reclámalle sete millóns de euros a Central Lechera Asturiana (Clas) por presunto incumprimento dun acordo comercial. A láctea lucense, especializada na produción de queixo, demandou a Clas a raíz das perdas que sufriu pola perda dun contrato coa firma asturiana. Esa situación derivou en que Casa Macán se viu abocada a un concurso de acreedores, que está en fase de resolución tras chegar a un acordo con 125 acreedores, segundo sinala hoxe Casa Macán en nota de prensa.

Os contactos entre Clas e Casa Macán comezaron a finais do 2015 co obxectivo de poñer en marcha un proxecto de elaboración de novos produtos e acoller parte da produción que se realizaba na planta de Vilagarcía (Larsa), para a que estaban previstas obras. Tras a sinatura do acordo, Macán sostén que fixo un importante investimento en ampliación da factoría e maquinaria.

Unha vez rematadas esas obras, a firma asturiana cambiou de opinión e rompeu de xeito unilateral o acordo con Casa Macán, sempre segundo o relato da láctea lucense, que emitiu hoxe unha nota de prensa e que tamén informou da situación esta fin de semana a través dunha información de ‘El Progreso’.

Tras a ruptura do contrato con Clas, que usa o nome empresarial de Corporación Alimentaria Peñasanta, Casa Macán explica que se viu abocada a un concurso de acreedores, do que saíu en xuño por medio dun acordo con 125 acreedores.

Casa Macán demándalle a Clas un total de sete millóns de euros, cantidade na que inclúe o investimento realizado e as perdas de beneficios derivadas do contrato suscrito, que estaba previsto que se prolongase durante 10 anos.

Postura de Clas
Por parte de Central Lechera Asturiana, asegúrase que o fin do acordo con Macán debeuse a que a empresa non contaba con instalacións axeitadas para desenvolver as liñas de produto proxectadas, se ben Clas nega que lle requerise a Macán para que fixese ningún tipo de investimentos, que entende que foron pola súa conta e risco, segundo unha información publicada hoxe no xornal ‘El Progreso’. Clas acusa a Macán de falsidades e de manipulación das súa contabilidade. Tamén nega que teña nada que ver no concurso de acreedores que atravesou a firma lucense.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información