Cando se recomenda empezar o silo de millo?

Recentes estudos en Estados Unidos recomendan agardar un mínimo de entre 2 e 2,5 meses para ter o máximo contido nutritivo. Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) explica como evolúe a calidade nutricional do silo a medida que madura.

Cando se recomenda empezar o silo de millo?

Silo de millo en Granxa O Cancelo. Ao estar cuberto mellora a súa convervación.

O silo de millo é a principal forraxe das explotacións de vacún de leite, chegando a representar ata o 50% da materia seca do pesebre. Neste sentido, elixir o momento adecuado da apertura do silo é clave para aproveitar ao máximo a eficiencia nutritiva desta forraxe, especialmente a dixestibilidade do amidón, que mellora a medida que o silo vai madurando.

Os últimos estudos recomendan agardar entre 2 e 2,5 meses para abrir os silos

A norma que se adoita seguir é hai que agardar un mínimo de entre tres e catro semanas para abrir un silo. Sen embargo, Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), lembra que recentes estudos recomendan agardar algo máis, uns dous meses como mínimo, para favorecer que a vaca poda aproveitar de forma máis eficiente o amidón e a proteína do silo de millo, e transformalos en leite. Isto estará supeditado, claro está, a que a dispoñibilidade de forraxe da explotación permitan esta agarda.

Así, informa de que “varios autores (por exemplo Mahanna e Thomas, 20111; Ferraretto et al., 2014 2) indican que un período de espera de entre 2 e 2 meses e medio proporciona un bo equilibrio entre a degradabilidade do amidón e a solubilización de parte da proteína que protexe o endospermo (zeína) do grao de millo”. Estas proteínas interfiren coa dixestión do amidón, pero son solubilizadas gradualmente polos ácidos de fermentación e van liberando gránulos de amidón para ser dixeridos polos microorganismos do rume.

“O punto óptimo entre a solubilización da zeína e a dispoñibilidade de amidón para ser aproveitado polo rume da vaca comeza, como se indicou antes, a partir das 8-10 semanas”, subliña Gonzalo Flores.

A dixestibilidade do amidón increméntase ata un 9% a medida que madura o silo

Ademais, Gonzalo Flores lembra que “estudos en silos de laboratorio mostraron que a dixestibilidade do amidón acada un nivel constante a partir de 5-6 meses de almacenamento”. “As análises de laboratorio da solubilidade da proteína avalan esta observación, habida conta da alta correlación positiva deste parámetro coa dixestibilidade do amidón”, engade. Pola contra, a dixestibilidade da parede celular non se ve modificada, ou varía en moi escasa contía, co tempo que a forraxe permanece no silo, como se pode ver nas figuras adxuntas que recollen información de estudos realizados por diversos investigadores.

ENSILADO_TEMPO_MILLO_DIXESTIBILIDADE

En todo caso, o xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM lembra que “o principal inimigo da estabilidade do ensilado de millo é o deterioro causado pola entrada de aire”. “Por esta razón, -subliña- mentres está pechado, deben extremarse os coidados en garantir a estanqueidade da masa de forraxe ensilada e, unha vez aberto, asegurar un avance diario da fronte duns 15-20 cm con tempo frío en inverno e o duplo con tempo cálido polo verán, para minimizar o desenvolvemento de fungos e lévedos e reducir as perdas e o quecemento da masa do millo ensilado”.

Gonzalo Flores: “Debe evitarse a entrada de aire no silo e cando se abra avanzar cada día na fronte entre 15 e 20 centímetros como mínimo”

En resumo, o incremento do tempo de almacenamento do millo forraxeiro no silo até, como mínimo, dou meses tras o ensilado da colleita é unha opción de manexo que mellora o valor nutricional da forraxe. Sen embargo, require unha coidadosa execución das operacións de enchido, pisado e cuberta do silo para asegurar un curso adecuado da fermentación.

Máis información:

1) Why Wait to Feed New Crop Silage? https://www.pioneer.com/home/site/us/silage-zone/corn_silage_feed/new-crop-silage/

2)Influence of ensiling on the digestibility of whole -plant corn silage. https://fyi.uwex.edu/forage/files/2014/01/SilageDig-FOF.pdf

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información