Campaña do Sindicato Labrego contra a inoperancia do contrato lácteo

A organización agraria anuncia mobilizacións se a Administración non convoca ós axentes do sector para abordar a falta de negociación real entre industrias e gandeiros

Campaña do Sindicato Labrego contra a inoperancia do contrato lácteo

Mobilización do SLG no 2012.

O contrato entre industria e gandeiros para a compra venda de leite concebiuse como un instrumento para dotar de estabilidade ó sector, con acordos a un ano previa negociación entre as partes. O sector agrario está estes días a denunciar que ningunha das dúas premisas se cumpren. Nin as industrias ofrecen contratos a un ano nin aceptan ningún tipo de negociación. Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego (SLG) decidiu iniciar unha campaña de denuncia pública da situación e prevé próximas mobilizacións.

En primeiro lugar, o Sindicato Labrego dirixirase en busca de medidas á Presidencia da Xunta, ós grupos parlamentarios da Cámara galega e ó Valedor do Pobo. Tamén ten previsto solicitar a intervención da Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), creada para evitar irregularidades na cadea de valor dos produtos agroalimentarios. A organización agraria insta ademais á Consellería de Medio Rural a convocar a todos os axentes do sector para abordar a inoperancia dos contratos lácteos e buscar solucións.

En caso de que esa convocatoria non se produza, o Sindicato Labrego culminará a súa campaña, denominada “Mans arriba: este contrato lácteo é un atraco”, coa convocatoria de mobilizacións.

Postura da Consellería
A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, pola súa parte, en declaracións ós medios esta semana, desmarcouse claramente da posibilidade de recuperar as convocatorias da Mesa do Leite. Quintana indicou que a Consellería entendía que tiña que permanecer á marxe das negociacións entre industrias e gandeiros, xa que considera que se trata da negociación entre dous axentes privados e que a Administración non debe de actuar a favor de ningún dos dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información