Cambios que se prevén para as ganderías de leite en ecolóxico

O CRAEGA avanzou nunha xornada celebrada en Lugo os cambios normativos que se prevén na UE para o vacún de leite en ecolóxico. Tamén se destacaron as vantaxes de crear unha Organización de Produtores de Leite ecolóxico a nivel galego

Cambios que se prevén para as ganderías de leite en ecolóxico

Xornada sobre vacún de leite en ecolóxico celebrada en Lugo o pasado venres

Galicia pechou o ano 2018 con 109 ganderías de leite producindo en ecolóxico fronte ás 96 existentes un ano antes, unha cifra que seguirá incrementándose en 2019, segundo avanzou o pasado venres en Lugo Manuel Cancio, director técnico do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). “Temos varias explotacións en tramitación que se incorporarán no transcurso deste ano”, afirmou.

Do total das ganderías de leite ecolóxico máis da metade (62) atópanse na provincia de Lugo, mentres que A Coruña conta con 29, Pontevedra con 13 e Ourense con 5. En conxunto, e a falta aínda de coñecer os datos definitivos, pecharon o ano cunha produción total de entre 12 e 13 millóns de litros, o que supón un incremento superior ao 33% a respecto do ano 2017, cando se produciron en Galicia 9 millóns de litros.

Nos últimos anos, animados polo incremento no prezo do leite ecolóxico -arredor de 0,50 euros o litro- e a entrada de novos operadores no mercado, o número de gandeiros que se pasaron do sistema de producción convencional ao ecolóxico non parou de medrar. Se entre os anos 2011 e 2014 o número de explotacións de leite en ecolóxico se mantivo estable entre as 30 e as 34, ao ano seguinte eran xa 40. Pero o grande salto produciuse no 2016, cando se duplica esa cifra e pasa a haber 80.

A maioría das explotacións incorporadas xa facían pastoreo

“A maioría deses gandeiros cumpriron ao longo do 2018 os dous anos de adaptación e comezaron xa de cheo a producir en ecolóxico, de aí o importante incremento de produción contabilizado o pasado ano”, explicou Cancio, que participou o pasado venres nunha xornada técnica sobre Mellora da produción do leite ecolóxico en Galicia, organizada por Agronovo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e que xuntou a máis de medio cento de produtores galegos.

A cifra dos máis de 12 millóns de litros contabilizados correspóndese coa dos comercializados ou transformados e non ten en conta o que se dá nas explotacións aos becerros, polo que a produción total é algo maior. O dato supón que nos últimos catro anos duplicouse a produción de leite ecolóxico en Galicia, pasando de 5,5 millóns de litros en 2015 a 7,8 en 2016, 9 en 2017 e máis de 12 o pasado ano.

As explotacións incorporadas tiñan entre 20 e 30 vacas

En canto ao número de cabezas en ecolóxico, na actualidade hai en Galicia 4.355 reprodutoras, cunha media de 40 vacas en produción por explotación. Esta media sufriu un descenso nos últimos anos a medida que se sumaban novas granxas. “A media no ano 2015 era de 64 vacas por explotación pero as incorporacións nos últimos catro anos foron de explotacións pequenas, de entre 20 e 30 reprodutoras, que xa facían pastoreo e polo tanto éralles máis doada a adaptación”, explica Cancio.

Nos últimos catro anos a produción de leite ecolóxico duplicouse en Galicia

O volume de negocio do leite ecolóxico e os seus derivados incrementouse un 41% entre 2016 e 2017, na mesma medida que o facía o volume de negocio da agricultura ecolóxica en Galicia, que pasou de 41,7 millóns de euros a 59. Desa cifra, 18,5 millóns correspóndense con leite e derivados. “Case un terzo da produción ecolóxica que se certifica en Galicia ten que ver con leite”, detallou o director técnico do CRAEGA.

Cambios normativos a nivel europeo

Na súa intervención ante os gandeiros reunidos este venres en Lugo, Manuel Cancio detallou tamén os cambios legais que entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2021 como consecuencia do Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que está aínda en fase de redacción definitiva.

“Os cambios previstos en leite e carne vacún no novo Regulamento serán poucos, non así no caso doutras producións, como por exemplo as avícolas, onde si haberá importantes novidades sobre todo en materia de instalacións”, avanzou Cancio.

Entre as principais novidades que afectarían á produción de leite ecolóxico estaría unha mellora do benestar animal cun aumento das superficies mínimas nas que están os animais, tanto en interior como en exterior e a fixación dun límite no caso de explotacións que manteñen presos aos seus animais (só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos).

Só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos

Esta medida afectaría por exemplo a aquelas explotacións de maior tamaño e que no inverno manteñen dentro pola noite ao gando en produción, que, en caso de teren máis de 50 vacas adultas terían que adaptar as súas instalacións para que estivesen ceibas, máis alá do tempo necesario para a alimentación, aplicar tratamentos, etc.

Outro dos cambios previstos é que as esperas logo dun tratamento en ecolóxico serán do dobre do indicado, como até agora, só que se engade que polo menos será de 48 horas, polo que aínda que un medicamento poña que non é necesario agarda, esta terá que ser de polo menos 2 días para volver entregar o leite dese animal.

O 70% da alimentación deberá proceder da propia explitación e prohíbense os substitutivos de leite materno nos primeiros meses

Ademais, búscase que cada vez as explotacións sexan máis autosuficientes e o 70% da alimentación terá que ser producida na propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%). Esta medida, que e non entraría en vigor no 2021 senón no 2023, obriga a que a forraxe sexa de produción propia ou en colaboración con outro produtor da zona para poder empregar a porcentaxe do 30% restante que permite a normativa en mercar o penso.

Do mesmo xeito, a nova normativa europea reforza o leite materno e prohibe os substitutivos nos primeiros meses de vida dos becerros e becerras. Deberán recibir leite materno procedente da propia explotación durante un periodo que está aínda sen definir pero que podería ir desde os 3 aos 5 primeiros meses de vida dos animais.

O Regulamento definitivo, que substituirá aos actuais Regulamentos (CE) nº 834/2007 e 889/2008, debería estar listo a finais deste ano. Aínda que pode haber algún cambio ou modificación máis nestes meses, as principais novidades serían as seguintes:

NOVIDADES XERAIS
– Contribuír a un medio ambiente non tóxico.
– Manter a fertilizade do chan a longo prazo.
– Fomentar os circuítos cortos de distribución e as producións locais.
– Promover o desenvolvemento de actividades de mellora vexetal de prantas ecolóxicas.
– Novos Produtos: Sal, corcho, capullo de gusano de seda, algodón, gomas e resinas, cera de abella, aceites esenciais, la, peles, etc.
– Posibilidade de certificación en grupo

NOVIDADES EN RELACIÓN Á PRODUCIÓN ANIMAL
– Novas especies animais: coellos e cervos.
– Tempo de espera despois dun tratamentos, será do dobre do indicado e polo menos de 48 horas.
– Posibilidade de manter atados animais adultos por seguridade ou benestar en explotacións de máximo 50 animais adultos.
– Introdución de animais non ecolóxicos: 10% anual, sempre que sexan nulíparas. Posibilidade de creación dunha base de datos de animais ecolóxicos.
– Conversión continúa a ser de 6 meses para animais de produción de leite.
– Emprego de leite materna, prohibido os sustitutivos
do leite.
– Alimentación con leite materna durante tres meses.
(posibilidade de que sexan 5 meses).
– A partir do 1 de xaneiro do 2023 o 70% da alimentación será da propia explotación ou en colaboración con outros operadores da mesma rexión.
– De momento pídese que a metade da superficie das
instalacións sexa sólida.
– Superficies: Interiores e Exteriores (entre paréntese os cambios previstos)
Becerro/a menos 2 semanas: 1,5 e 1,1 m2
Ata 100 kg.: 1,5 (2,5) e 1,1 (2) m2
Ata 200 Kg.: 2,5 (3,5) e 1,9 (3) m2
Ata 350 Kg.: 4 (4,5) e 3 (4) m2
Desde 350 Kg.: 5 (6) e 3,7 (5) 1/0,75 m2/100 Kg.
Vacas Leite: 6 (7) e 4,5 (6) – Mín. 1 m2/100 Kg.
Touros: 10 e 30 m2

Gandeiros asistentes ás xornadas sobre "Mellora da produción de leite ecolóxico en Galicia", organizadas por Agronovo

Gandeiros nas xornadas sobre “Mellora da produción de leite ecolóxico en Galicia” organizadas por Agronovo

“Co volume actual sería posible crear unha OPL Eco en Galicia”

Os organizadores da xornada, a asesoría agrícola Agronovo, explicaron as vantaxes que tería para o sector a creación dunha Organización de Produtores de Leite propia. “Co volume de leite e o número de explotacións en ecolóxico que hoxe ten Galicia a creación dunha OPL Eco podería ser unha oportunidade”, defendeu Javier Villanueva, que avogou por unha Organización de Produtores de ámbito galego.

“Até agora non era posible creala porque non se chegaba ao número de produtores e de litros necesarios para constituíla pero coas últimas incorporacións que se produciron xa sería viable contar cunha organización profesional de produtores de leite ecolóxico galego que mirase polos seus intereses”, argumentou. Os requisitos para poder crear unha OPL son xuntar un mínimo de 50 produtores e 10.000 toneladas de leite, unhas cifras que se superarían neste momento en Galicia, segundo os datos facilitados nesa mesma xornada polo CRAEGA.

Outra das condicións fixadas na normativa que regula a creación das OPL é que os produtores só poden estar inscritos nunha. Neste momento existe outra iniciativa en marcha para a creación dunha Organización de Produtores de Leite en ecolóxico de ámbito estatal, polo que de creárense as dúas os gandeiros galegos deberían escoller a cal pertencer, ao non poderen estar nas dúas.

“Nas OPL convencionais os produtores en ecolóxico somos unha absoluta minoría e non se nos ten en conta”

O mesmo acontecería cos gandeiros en ecolóxico que na actualidade forman parte xa dalgunha das OPL existentes e que comparten organización con explotacións convencionais. Segundo puxeron de manifesto algúns dos gandeiros participantes onte na xuntanza celebrada en Lugo “nas OPL convencionais os produtores en ecolóxico somos unha absoluta minoría e non se nos ten en conta”, queixábanse.

Javier Villanueva explicou que “existe neste momento unha oportunidade para crear unha OPL Eco en Galicia e penso que habería que aproveitala, porque o vindeiro ano pode que sexa máis difícil creala porque hai un borrador no Ministerio que prevé cambios normativos que endurecerían os criterios a cumprir e se en vez de 50 explotacións poñen o mínimo en 150 produtores sería case imposible creala xa non só a nivel galego senón incluso a nivel estatal”, indica.

“O consumidor confunde leite de pastoreo con leite ecolóxico”

O proceso para a constitución dunha OPL non levaría moito tempo, defenderon desde Agronovo. “O primeiro paso é que os gandeiros tomen conciencia da necesidade de creala e se poñan dacordo nos seus obxectivos. Logo viría o proceso de constitución, que é rápido. A tramitación administrativa podería levar un mes, non máis”, explicou Xisela Fernández.

Agronovo foi a empresa encargada da elaboración do Plan Estratéxico da Produción Ecolóxica de Galicia 2018-2022. “Detectamos cando elaboramos o Plan que o sector do leite ecolóxico podería mellorar moito cunha OPL propia porque nas Organizacións de Produtores de Leite actuais prima o convencional sobre o ecolóxico, de aí a necesidade de contar unha só para a produción ecolóxica”, expuxo Xisela.

Outra das vantaxes de contar cunha organización propia para a producción ecolóxica estaría na representación. “Unha OPL Eco necesita moita menos xente para constituila que unha OPL convencional, o que facilita as reunións e a participación directa dos membros que forman parte dela”, dixo.

Detallou algúns dos obxectivos que tería esta asociación profesional de gandeiros en ecolóxico, entre os que estarían as funcións de representación do produtor diante dos distintos estamentos (Administración, CRAEGA, industrias, comercializadores e distribución) ou promocionar ante a sociedade e o consumidor os beneficios do leite en xeral e do leite ecolóxico en particular para desmontar falsos prexuizos ou desinformacións existentes.

“O leite de pastoreo pode ser unha competencia directa para o leite ecolóxico. Hai desinformación no consumidor sobre cales son as diferenzas entre un e outro e confúndese leite de pastoreo con leite ecolóxico”, insistiu. Ademais, dixo, “as OPL actuais non están funcionando nunha das súas funcións principais, que debería ser a negociación de contratos e prezos estables e xustos dos produtores coa industria”. “Até agora en ecolóxico non había con quen negociar porque só había unha industria recollendo leite ecolóxico, pero agora xa hai varios operadores no mercado e ten pleno sentido esta función”, opinou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información