Cambios que se aveciñan en 2019 no uso de antibióticos en vacún de leite

Resumo do relatorio de Cristina Muñoz, coordinadora do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos 2019-2021 (PRAN), na xornada organizada por AGACA sobre o futuro do sector de vacún de leite

Cambios que se aveciñan en 2019 no uso de antibióticos en vacún de leite

A maior parte dos antibíoticos en vacún de leite empréganse no secado

O sector de vacún de leite acometerá nos próximos anos importantes cambios no uso de antibióticos, o que obrigará a replantarse prácticas de actuación tanto por parte dos gandeiros como dos veterinarios.

Así, o explicou Cristina Muñoz, coordinadora do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos 2019-2021 (PRAN), na xornada organizada recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) sobre a situación do sector lácteo galego. Avanzou tamén o protocolo específico para vacún de leite de uso de antibióticos e que se empezará a aplicar en 2019.

E é que aínda que as propostas de adherirse ao PRAN para reducir o uso de antibóticos son por agora voluntarias, a recomendación desde AGACA é que os gandeiros vaian asumindo as recomendacións por responsabilidade social e tamén por esixencia do mercado.

“Desde AGACA recomendamos a todas as cooperativas do sector lácteo galego que se adhiren ao protocolo que se propón desde o PRAN para vacún de leite pois cremos que é unha oportunidade para o sector”, destaca María Rey, técnica de AGACA.

Este protocolo para o sector de vacún de leite espérase que se asine antes de que finalice este ano.

Situación do consumo de antibióticos por especies en España en 2016 (mg/PCU):

Como punto de partida, Cristina Muñoz expuxo datos sobre consumo de antibióticos por especies, que confirman que o vacún de leite é un dos sectores gandeiros que menos antibióticos consomen, centrándose o seu uso principipalmente durante o secado e para o tratamento de mamite. Os principios activos que máis se utilizan son cephalosporinas de 1ª, 2ª, 3ª e 4ª xeración, quinolonas e fenicoles.

USO ANTIBIOTICOS ESPAÑA ESPECIES

Proposta do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN) para o período 2019-2021 :

Cristina Muñoz expuxo que tras a primeira fase do PRAN 2014-2018, os obxectivos que se marca o novo plan para o período 2019-2021 son:

-Que o consumo global de antibióticos en veterinaria sexa un 50% inferior en relación aos datos do ano 2014.

-Que o consumo de colistina se reduza nun 90%.

-Que o consumo de quinolonas baixe un 45%.

-O uso de cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración sexa un 45% inferior aos datos de 2014.

Programa sobre uso prudente de antibióticos en bovino leiteiro liñas de actuación 2019-2021: 

Obxectivos xerais:

Neste sentido, a coordinadora do PRAN adiantou que a proposta específica de uso prudente de antibióticos para o sector de vacún leiteiro contempla as seguintes actuacións:

-1º período 2018-2021: Uso prudente das fluoroquinolonas e outras quinolonas. Definir e implantar pautas de manexo e tratamento con base científica de cara a realizar un uso máis racional dos antibióticos. Consumir de maneira prudente os antibióticos críticos.

– 2º período 2022-2025: A estratexia enfocaríase cara ás cefalosporinas de 3º e 4ª xeración.

Responsabilidades para o gandeiro:

-Identificar ao veterinario ou veterinarios responsables das prescricións na súa explotación.

-Definir e implantar pautas de manexo de cara a realizar un uso máis racional dos antibióticos.

-Cumprir a lexislación no referente ao uso de antibióticos.

-Desenvolver estratexias preventivas: vacinacións, costro, ración diaria dos tenreiros de engorde, altos niveis de hixiene etc.

-Implantar pautas de tratamento de secado selectivo, aplicando medidas alternativas caso por caso.

-Establecer medidas de hixiene exhaustiva e estratexias de boas prácticas para reducir ao mínimo o desenvolvemento e a difusión da mastite.

Responsabilidades para o veterinario:

-Prescribir antibióticos, só a aqueles gandeiros que os identificaron como veterinario da explotación, só cando estean xustificados, baseado nunha previa exploración clínica in-situ realizada por el mesmo, ou no marco dun programa sanitario ou protocolo terapéutico que el elaborase, baseado nun coñecemento e estudo particular da explotación.

-Realizar un seguimento dos tratamentos.

-Fomentar entre os seus clientes a implantación de boas prácticas gandeiras que posibiliten a redución de uso de antibióticos.

-Evitar a utilización profiláctica de antimicrobianos en tenreiros recén nados (por exemplo, antimicrobianos engadidos a substitutivos do leite)

-Desenvolver estratexias preventivas: vacinacións, costro, ración diaria dos tenreiros de engorde, altos niveis de hixiene.

-Evitar o tratamento sistemático das vacas no secado, ademais de estudar e aplicar medidas alternativas caso por caso.

-Usar sempre que sexa posibles probas de diagnóstico para identificar os patóxenos causantes do proceso patolóxico.

-Realizar antibiogramas para establecer o perfil de resistencias.

-Gardar e achegar esta información para informes epidemiolóxicos.

-Elaborar e enviar á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS)  os datos de consumo do antibióticos obxecto do Programa de cada explotación, da que son responsables.

-Fomentar as medidas de hixiene e estratexias de boas prácticas para reducir ao mínimo o desenvolvemento e a difusión da mastite.

Exemplo de informe que deberá achegar o veterinario:

USO ANTIBIOTICOS ESPAÑA informe

Información que deberá achegar a cooperativa ou SAT que se adhira ao protocolo voluntario de uso prudente de antibióticos en vacún de leite:

-NOME DA COOPERATIVA OU SAT
-REPRESENTANTE LEGAL
-CÓDIGOS REGA QUE AGRUPA
-LITROS DE LEITE PRODUCIDO
-VETERINARIO COORDINADOR
-PUNTO DE CONTACTO COA AXENCIA ANTE CALQUERA DÚBIDA
-DATOS DE CONSUMO DE ANTIBIÓTICOS DOS ANOS 2015, 2016 e 2017. A partir de 2018 SEMESTRALMENTE

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información