Cales son os últimos avances na produción de herba en Europa?

Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, ven de asistir ao V Salón da Herba de Bretaña, unha feira centrada na produción, recolección e distribución de herba que é referente a nivel europeo. Velaquí as súas impresións...

Cales son os últimos avances na produción de herba en Europa?

Imaxe do Salón da Herba. Autor: Salón de l´Herbe

Na anterior edición asistimos ao Salón da Herba de Bretaña un grupo de xente de Galicia interesada en temas de pastoreo e este ano decidimos volver para ver os avances na produción de herba. Entendemos que en Galicia temos eivas de coñecemento no que é a produción e as variedades de herba e cremos que esta feira é unha oportunidade para ver os últimos avances en Europa.

Unha das conclusións que quitamos desta quinta edición do Salón da Herba de Bretaña é que se está apostando pola diversificación; é dicir, por traballar con mesturas de varias especies e de varias variedades dentro de cada especie. Así, atopámonos en moitos stands das casas comerciais con mesturas de dous ou tres tipos de raigrás, máis dous ou tres tipos de trevo, máis loto, dactylo, achicoria, plantago…etc. É dicir, unha variedade de plantas nas mesturas máis ampla que a que se fai en Galicia.

Vantaxes das mesturas de herbas máis diversificadas

A diversificación ten dúas vantaxes básicas. Por unha parte o animal come diversificado polo que vai ter menos necesidade de complemento mineral e vitamínico, tanto na ración como no penso. Por outra parte, dende o punto de vista climático, ao ter unha mestura de variedades, en anos difíciles para unha variedade non son tan malos para outra, co cal se diversifican os riscos e o gandeiro ten máis garantida a produción.

Outra conclusión que sacamos é que así como na primeira edición o Salón da Herba era algo máis alternativo e ligado á produción ecolóxica, sen embargo nesta edición iso cambiou e vimos un salón moito máis orientado a todo tipo de producións. Isto significa que a produción convencional en base a forraxe, en base a herba, está indo a máis en Europa. A herba está empezando a ser unha produción importante para as explotacións gandeiras máis avanzadas de Europa porque permite ter custos de produción baixos.

Ademais, a nova PAC, co greening, obriga a abandonar unha parte da superficie dedicada a millo, polo que se buscan cultivos alternativos.

Pero penso que o motivo principal do crecente interese pola herba é que permite reducir máis os custos de produción.

En canto ao abonado da herba, había moi pouco de abono mineral. Só algo de abono orgánico e de micorrizas…etc. Considero que isto é debido a que a metade das especies de herba presentes eran leguminosas, co que se reduce moito a necesidade de aporte de abonado.

Especies e variedades de herba que están collendo forza nas mesturas

Como resultado da visita á anterior edición, iniciamos daquela un ensaio en 4 explotación con 18 variedades distintas para buscar variedades tardías, que aguanten a seca, e que duren entre e 5 anos. O problema é que estas mesturas de momento non están dispoñibles en Galicia, e habería que pedirlle ás casas comerciais que empezaran a comercializalas.

Outra cousa que nos chamou a atención é que máis da metade das casas de sementes que había na feira tiñan mesturas con lingua de ovella. Son variedades seleccionadas, pero da que pensar porque se aquí temos pastos que se contaminan con esa herba, igual nos interesaría sementar a variedade que nos interese, máis produtiva e apetente para o gando.

Tamén é de destacar a importancia que se lle deu á achicoria: empezan a ofertar mesturas que duran 3/4 anos, e tamén resulta interesante. Ademais, empézase a salientar as propiedades da achicoria contra os parásitos intestinais do gando, algo que leva defendendo a agricultura ecolóxica dende hai décadas.

Tamén é de destacar a importancia que se deu no salón ás plantas mellorantes, para plantar entre dous cultivos, tipo Facelia, Navo Forraxeiro, ou Mostaza, así como as distintas variedades de trevo.

Autocargadores para recollida e distribución de herba nas explotacións

Por outra parte, vimos parcelas de herba cunha produción impresionante, sen herbicidas e que, ademais, cando se levanta a pradeira para outro cultivo, o terreo xa está traballado e require menos abono. Habería que ver a relación custo/beneficio entre o millo e a herba e penso que é máis rendible a herba.

Por último, tamén nos chamou a atención que varias casas comerciais expuxeron autocargadores de gran tamaño para recollida e distribución de herba verde. Tamén vimos menos maquinaria para grandes silos e si máis para rolos.

Penso que a dificultade maior para implantación da herba en Galicia é que as casas comerciais gañan moito máis co millo que coa a herba.

Autor: Xan Pouliquen. Xestión Agrogandeira e Natureza

Mestura triticale, chicharis, avea e veza. Menos de 1,20m non mide.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información