“Buscamos vacas para concursos e rendibles na granxa xa que, ó fin, vivimos do leite”

Falamos con José Alberto Iglesia Vila, da explotación lucense Rey de Miñotelo de onde procede a vaca que se proclamou como Gran Campioa de Galicia e tamén do certame internacional, celebrados ámbolos dous en Cimag-Gandagro

“Buscamos vacas para concursos e rendibles na granxa xa que, ó fin, vivimos do leite”

José Alberto Iglesia xunto algúns menbros da súa familia, coa vaca Rey 474 July High Octane, logo de proclamarse Gran Campioa.

A vaca Rey 474 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, proclamouse como a gran vencedora dos concursos morfolóxicos de gando frisón celebrados hai uns días no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro, en Silleda (Pontevedra).

Logo de impoñerse como campioa na sección de vaca xoven, este animal de menos de 30 meses, conseguiu tamén ser a Vaca Gran Campioa no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa “Fefriga 2019”. Precisamente unha vaca tamén desta mesma gandería da Pastoriza, xa resultara vencedora na edición anterior deste certame galego.

Estes non foron os únicos premios para esta vaca nesa xornada en Silleda xa que finalmente, na celebración do Open Internacional Frisoa GandAgro, proclamouse tamén como Vaca Gran Campioa. Falamos con José Alberto Iglesia, da granxa familiar Rey de Miñotelo, para coñecer máis sobre esta vaca gañadora.

Que valoración facedes da participación nesta edición do certame autonómico e internacional de gando frisón?
A verdade é que estamos moi satisfeitos porque con esta vaca a nivel individual logramos uns resultados impresionantes. Para ser unha vaca de primeiro parto, de menos de 30 meses, que conseguira proclamarse vaca gran campioa de Galicia e vaca gran campioa internacional é todo un logro, sobre todo co nivel que había en Silleda onde estaban as mellores vacas de Galicia pero tamén de Asturias, Cataluña, Cantabria ou Portugal.

É unha vaca xa con experiencia neste tipo de certames?
De xata xa participou en máis dun certame e foi acadando moi bos resultados, pero realmente cando comezou a destacar foi no pasado concurso rexional de Santa Comba onde xa gañou a primeira sección de vaca xove e foi vaca xove campioa do concurso. E nese mesmo certame unha irmá desta vaca foi xa elixida como Vaca Gran Campioa de Galicia na edición do 2018. Son vacas que criamos na explotación e cuxa avoa procede dun embrión importado dende Canadá.

O propio xuiz do certame, Giuseppe Beltramino, aludía á traxectoria de futuro que se lle presenta a esta vaca ó acadar estes resultados sendo tan nova. Hai algúns aspectos nos que vaias incidir en canto á súa preparación para vindeiros concursos morfolóxicos?
Vou seguir coidándoa igual que ata o agora. É unha vaca que, a pesar de levar pouco máis de tres meses de parida, tivo unha evolución moi boa e creo que vai seguir evolucionando. Nós imos seguir cos mesmo métodos de traballo que temos agora na explotación aínda que, iso si, con máis ilusión e gañas, logo destes bos resultados.

Dende cando participades en concursos morfolóxicos?
O meu pai comezou a participar en concursos deste tipo nos anos 90 pero cando realmente empezamos a apostar por participar dun xeito máis profesional foi a partir do ano 2004. Ese ano fomos ó concurso de Moimenta, que foi cando empezamos a meternos de cheo nestas competicións. Ó ano seguinte decidimos xa ir ó rexional e logo tamén fomos ó nacional, a Xixón. A partir de ahí, os concursos de Galicia que son abertos á participación de ganderías de Lugo adoitamos facelos todos. Algún ano tamén temos saído a participar en concursos internacionais. Estivemos competindo xa en certames de Bélxica, Italia ou Francia nos últimos anos.

Que vos aporta participar neste tipo de certames?
Realmente os concursos son unha forma máis de traballo xa que son unha maneira moi importante de coñecer gandeiros que están procurando nas súas explotacións o mesmo que buscas ti. Os concursos son unha forma de estar en contacto con outras ganderías.

Que buscades entón para a vosa gandería?
Gústanos ter vacas gañadoras de concurso pero, ó mesmo tempo, estes animais son tamén vacas funcionais na granxa. Búscanse vacas con moi boas características pero que conten, ademais, con moi boas patas e moi bos ubres. Procúranse vacas que sexan capaces de gañar concursos pero que tamén resulten animais moi rendible nunha explotación, xa que, ó fin, todos vivimos do diñeiro do leite que producen as vacas e non de participar nos concursos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información