“Boto en falta que ningún partido defenda a reforma agraria para ordenar o territorio”

Visitamos Devesa Langueirón SL, en Ponteceso, unha das ganderías de maior tamaño de Galicia, con case 400 vacas en muxido. Xusto Sánchez, un dos seus propietarios, guíanos pola súa gandería e fai unha reflexión sobre a situación do sector

“Boto en falta que ningún partido defenda a reforma agraria para ordenar o territorio”

Xusto Sánchez na súa gandería

A gandería Devesa Langueirón SL, situada no concello coruñés de Ponteceso, é unha das referencia en Galicia tanto polo seu tamaño como pola súa continua aposta por reducir custos e mellorar a rendibilidade.

Hoxe conta cun total de 450 vacas maiores de 24 meses e moxen unhas 390 vacas ao día, cun total de cabezas de gando, incluíndo as xovencas, que se aproxima ás 800.

Detrás desta explotación de referencia están tres irmáns: Xusto, Antonio e Miguel, que en 1979 inician o actividade gandeira a nivel profesional con 40 vacas en pastoreo. “Os comezos non foron fáciles porque nin contábamos con electricidade nin con auga corrente, e tiñamos que utilizar a segadora como xenerador para o sistema de muxido”, asegura Xusto Sánchez. A iniciativa foi financiada pola antiga Agencia de Desarrollo Ganadero cun préstamo de 4 millóns de pesetas a devolver en 12 anos e cun 7% de xuro, unha presión, que segundo Xusto, “condicionou a nosa visión como gandeiros, facendo que analizásemos a rendibilidade de cada investimento antes de realizalo”.

Nas seguintes décadas continuaron acometendo ampliacións das instalacións ata chegar á última, realizada no ano 2012, e consistente na pavimentación do patio e de parte dos silos, así como a mellora do entorno.

Alimentación e xenética

A produción media por vaca en Devesa Langueirón está nuns 11.500 litros por lactación normalizada e preto de 38 litros por vaca e día en dous muxidos. As calidades roldan o 3,50 de graxa e o 3,20 de proteína. Esta gandería destaca tamén por contar dende 1998 cunha sala de muxido rotatoria de 32 prazas, a primeira instalada en Galicia. Xusto Sánchez asegura estar satisfeito con esta innovación e valora especialmente “a calidade de traballo, o poder muxir á velocidade que queiras e que se unha vaca é dura de muxido non entorpece o traballo”.

A ración diaria para as vacas en lactación componse de 8,5 kilos de penso, 8 kilos de silo de herba, 34 de silo de millo e 8 de bagazo de cervexa, “un produto moi dixestible que lle damos en fresco ás vacas e que nos permite reducir a compra de soia e de colza, abaratando tamén o custo da ración, que se sitúa nunha media de 4,20 euros por vaca en lactación e día”, asegura Xusto.

En canto á xenética, como principal criterio para a selección dos touros empregan o de mérito neto, primando especialmente a saúde das ubres e de patas. “Recoñezo que gastamos pouco diñeiro en xenética e moito máis en prevención e en benestar animal, como podoloxía, baños de patas, camas de area…etc”, recoñece.

Outro dos aspectos aos que prestan especial atención nesta gandería é a eliminación a tempo de vacas improdutivas, así como á detección de celos, para o que empregan medidores de actividade. Consideran que a recollida e análise de datos é fundamental para a boa xestión da explotación. Neste sentido, Xusto Sánchez bota en falta “un programa de xestión que integre os datos económicos, reprodutivos, de Control Leiteiro ou de sanidade, que actualmente se recollen por separado con cadansúa aplicación”.

Recría e traballos agrícolas externalizados

Precisamente, a análise obxectiva dos datos económicos levounos a descartar tanto a adquisición de maquinaria propia para realizar os traballos agrícolas como a recría na propia explotación.

“Alugamos dende hai máis de 20 anos os traballos agrarios a unha empresa de servizos, e iso danos moita maior flexibilidade e reduce os nosos gastos e amortizacións”, explica este gandeiro. Deste xeito, esta explotación de case 400 vacas en muxido só posúe un carro mesturador autopropulsado e outro arrastrado, unha pala telescópica e outra para arrimarlle a comida ao gando.

O cálculo dos custes tamén levou a Devesa Langueirón SL a externalizar a recría, neste caso no Rancho Las Nieves, en Zaragoza. As principais vantaxes que lle atopan son “as garantías sanitarias, xa que seguen uns protocolos moi rigorosos; que logramos partos aos 23 meses e que o nivel de profesionalidade é moi alto”. As becerras son enviadas ao centro de recría con entre 15 e 20 días e volven con 22 meses xa preñadas, cun custo total dende que nacen ata que paren de arredor de 2.000 euros.

Base territorial

En canto á base territorial, cultivan unhas 190 hectáreas,das que a metade son en propiedade, que sen embargo están repartidas en máis de 400 fincas. Sementan unhas 150 hectáreas de millo forraxeiro, que rotan con pradeiras temporais e permanentes que renovan cada 4 anos. Para a herba utilizan unha mestura polifita de Fertiprado con raigrás, veza e trevos, con fin de aumentar os ácidos graxos Omega 3 no leite.

“Cultivamos 190 hectáreas repartidas en máis de 400 fincas”

A falta de base territorial para producir forraxes propios e de calidade e reducir os custos de alimentación é tamén unha problemática para Devesa Langueirón. “Nós agora como explotación estamos facendo a ampliación da base territorial en terreos de monte, porque nos vales xa é moi difícil. Dende o ano 2008 a nosa estratexia foi aumentar a base territorial, aproveitando os bos prezos do leite que había daquela, e mesmo chegamos a poñer anuncios en prensa”, explica Xusto Sánchez.

Devesa Langueirón atópase nun val rodeada de milleirais

Devesa Langueirón atópase nun val rodeada de milleirais

Neste sentido, este gandeiro bota de menos que “ningún partido político leve no seu programa electoral para as eleccións galegas unha reforma agraria para ordenar o territorio, incrementar a superficie media das parcelas agrarias e aumentar a base territorial das explotacións agrogandeiras”.

O criterio que utilizan en Devesa Langueirón á hora de mercar ou alugar fincas son a calidade do solo, a súa dimensión, e en último lugar a distancia, xa que ao traballar cunha empresa de servizos agrarios, as parcelas poden estar ata a 15 kilómetros de distancia ou a máis.

“Estamos cobrando agora a unha media de 25 céntimos o litro, por debaixo dos custos de produción”

Pola demais, esta gandería vende dende hai catro anos o seu leite ao Grupo Leche Río, en concreto a Leyma, que o comercializa como Leyma Natura Omega 3. En canto ao prezo, a media que lles pagou o empresario lucense no que vai de ano é de 0,25 euros por litro, cunhas calidades medias de 3,40 de graxa e 3,16 de proteína. “É un prezo que non cobre os nosos custos efectivos de produción, que están en 0,28 euros por litro, e no mes de xullo baixounos o prezo a 0,23 céntimos”, quéixase Xusto Sánchez, unha situación que recoñece que ten difícil solución a curto prazo debido á falta de ofertas de recollida por parte doutras industrias. “O que nos salva neste momento é que esta crise de prezos non nos colleu con préstamos importantes xa que os grandes investimentos xa os fixemos hai anos e témolos amortizados”, subliña.

 “O problema é que non hai unha estratexia para o sector lácteo”

Neste contexto individual, Xusto Sánchez cualifica a situación actual do sector lácteo europeo como “de confusión xeral: dos gandeiros, das organizacións agrarias e do mercado”. “Estamos esperando a que o barco se estabilice con medidas como este programa europeo de axudas á redución da produción, pero o problema que temos é que non hai un rumbo marcado sobre como van ser as explotacións e as industrias dentro de dez ou de vinte anos e nin sequera as predicións que se poden facer teñen un fundamento sólido”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información