Boas perspectivas para a campaña de millo forraxeiro, pero a colleita retrasarase

A campaña do millo forraxeiro evoluciona con boas expectativas de colleita aínda que con certo retraso, logo de que as chuvias da primavera retrasaran a sementeira. O gran atranco está a ser o xabarín, que xa provocou importantes estragos. Repasamos a situación deste cultivo en distintas zonas de Galicia

Boas perspectivas para a campaña de millo forraxeiro, pero a colleita retrasarase

Finca de millo na comarca do Deza.

A colleita do millo forraxeiro preséntase este ano con certo retraso, logo de que as chuvias constantes nos meses de abril e maio motivasen unha demora na sementeira. Pese a iso, e tras optar por ciclos de produción máis curtos, as perspectivas para a campaña son boas. A falta da última fase do ciclo, determinante para a maduración do gran, as expectativas xerais son de poder alcanzar un bo rendemento.

Polo momento tampouco se están a detectar problemas fitosanitarios e o millo, en xeral, está san. O gran atranco para o millo este ano están a ser os destrozos causados polas incursións do xabarín nas fincas. Nalgúns casos, provocará que se adiante a recolleita para evitar máis perdas.

Repasamos a continuación como está a situación do cultivo nalgunhas das principais comarcas de Galicia:

A Mariña e Terra Chá: “As primeiras fincas que se plantaron teñen un potencial de produción incluso mellor có ano pasado”

Na Terra Chá e na Mariña hai unha importante diferenza entre as fincas que se puideron plantar en maio e principios de xuño e as últimas sementeiras, que se realizaron a finais do mes de xuño. “As primeiras fincas que se plantaron teñen boas perspectivas, cun potencial de produción incluso mellor có ano pasado”, explica Santiago Sousa, responsable do departamento de Cultivos da Cooperativa Os Irmandiños.

Nas que se sementaron máis tarde contan cunha produción menor, inferior a dun ano no que puideran ter sementado antes. Nalgunhas destas fincas máis atrasadas tamén detectaron unha nacenza máis irregular, xa que había moita temperatura e a terra xa non tiña a humidade precisa para que o millo xerminase.

En canto ó ensilado, o responsable de Os Irmandiños prevé que se comece arredor do 15 de setembro, uns días despois do que adoita ser habitual, e se prolongue durante un mes.

Comezan tamén a detectar os primeiros danos do xabarín, aínda que polo de agora só en zonas concretas.

Xallas e A Barcala: “O millo está moi uniforme e agardamos unha boa produtividade, pese a ter sementado ciclos curtos”

Nas comarcas do Xallas e da Barcala, na provincia da Coruña, as previsións tamén son optimistas e agardan un moi bo rendemento, xa que o millo está moi igualado, pero “polo momento aínda falta que a espiga madure para que, ademais de rendemento, haxa calidade”, matiza Adrián Cundíns, xerente de Forxabar – Ganxabar, unha cooperativa gandeira que traballa en conxunto a superficie das explotacións socias. Este ano aumentaron a superficie de millo e sementaron unhas 100 hectáreas máis có ano pasado, ata situarse nas 700.

Namentres o ano pasado por estas datas a seca obrigaba xa a comezar a ensilar parte do millo, este ano as chuvias da primavera retrasaron a sementeira a maio e agora a campaña de recollida tamén se adiará en torno a 8 ou 10 días, xa que o millo está aínda cumprindo o ciclo. O retraso na sementeira fixo que optaran por ciclos máis curtos, e iso restará tamén produtividade, como apunta Cundíns, pero agardan que se compense ó estar todo o millo máis regular e calculan unha boa produtividade, superior incluso a do ano pasado, cando alcanzaron unha media de 47 toneladas por hectárea.

Estiman comezar co ensilado arredor do 15 de setembro, pero haberá que ver como madura nas próximas semanas e se o retrasan aínda unha semana máis.

En canto ó estado sanitario, polo momento o cultivo está san e non tiveron problemas. Tampouco constataron polo de agora danos polo xabarín, aínda que non descartan atopalos cando ensilen, pese a que aparentemente agora non se detecten no perímetro das fincas.

O Deza: Os ataques do xabarín reduciron un 10% as plantacións de millo en dous anos

No Deza calculan que a colleita do millo chegará con 20 días de retraso con respecto a outras tempadas e aínda que está un pouco desigual, ten boa altura e hai boas expectativas, xa que está por encima da media en canto a cantidade.

Roman Santalla, gandeiro de Lalín e presidente da cooperativa Cobideza, apunta que o problema máis grande desta zona están a ser uns “ataques do xabarín sen precedentes”, que xa causaron importantes estragos en varias fincas da zona. “Nos últimos dous anos calcúlase que se reduciu en torno a un 10% a superficie de cultivo de millo polos ataques reiterados do xabarín. Os gandeiros optan por deixar de sementalo porque nos últimos anos os danos están sendo moi elevados”, explica Santalla.

Se na última fase o tempo acompaña e cría ben a espiga, calculan ter unha boa colleita, incluso superior en quilos con respecto ós anos pasados. “Ultimamente víñanse recollendo cantidades relativamente pequenas, entre as 28 e as 32 toneladas por hectárea, dependendo da finca, e este ano creo que vai ser superior”, apunta Santalla. Dende a cooperativa Cobideza estiman empezar o ensilado en torno ó 20 de setembro.

Sur de Lugo: Adiántase o ensilado en fincas con danos por xabarín e seca

No sur de Lugo, dende a cooperativa Icos (Aira), tamén destacan a cantidade e a calidade que presenta o millo este ano. Pese a que a colleita vén con certo retraso, apuntan que xa se optou por ciclos máis curtos e agárdase unha boa campaña. “O millo ten moita altura e a maioría ten dúas espigas, pero falta que madure”, comentan dende o servizo agrónomo da cooperativa.

Á marxe do retraso da sementeira, tampouco se detectaron polo de agora incidencias fitosanitarias no millo e todo parece indicar que salvo que o tempo lastre a recta final, estarase ante unha boa campaña. Ademais, este ano aumentouse a superficie dedicada a este cultivo forraxeiro.

A incidencia do xabarín tamén se está a notar na zona e motivou que algúns gandeiros, con fincas onde o millo está máis adiantado e seco, vaian ensilar en breve, ante os ataques dos xabarín e para evitar maiores perdas.

Lugo Centro: Detectan ataques tardíos de rosquilla

Nos concellos do centro da provincia de Lugo, polo xeral, o millo está aínda moi verde. Hai unha porcentaxe de gandeiros que xa comezará co ensilado, xa que puido sementalo cedo, pero a maioría agardará preto dun mes para a recolleita. “Moi poucos puideron botalo cedo, preto do 80% sementouse a partir do 20 de maio”, recorda Silvia Cendán, técnica de campo da cooperativa Agris (Aira).

“Polo de agora non hai nin sequera gran”, explica. Na cooperativa estiman que o ensilado se realizará en torno ó 15 de outubro, “salvo que o tempo obrigue a ensilar antes”, apunta a técnica.

Nesta zona central, que abrangue concellos como Friol, Lugo, Guntín ou O Páramo, están a detectar ataques tardíos de rosquilla. “Vese agora co millo grande. Sementouse tarde e había humidade e iso é un bo caldo de cultivo para a rosquilla”, indica Cendán. Á marxe desta incidencia, “parece que vai ser un bo ano de millo”, comenta a técnica.

A pesar do verde que está o millo, tamén se rexistraron nesta zona xa varios ataques do xabarín, sobre todo naquelas fincas onde o millo caía polo ataque da rosquilla.

Máis cantidade de herba seca e de menor calidade polas dificultades para secala

Con perspectivas de acadar unha boa colleita de millo, unha das principais forraxes das explotacións de leite en Galicia, as gandarías galegas tamén lograron este ano unha colleita máis abundante de herba seca con respecto ós últimos anos, nos que fora moi escasa. A valoración xeral dos gandeiros coincide en destacar unha maior cantidade de herba seca, contando incluso con cortes que non estaban previstos e despois de realizar varios cortes para ensilado.

Tamén destacan as dificultades que tiveron este ano para lograr unha herba seca de calidade, xa que as incesantes chuvias impediron facer un proceso de secado adecuado, como indican dende diferentes zonas de Galicia.

Todo apunta a que as explotacións galegas terán unha relativa tranquilidade en canto a forraxes para os próximos meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información