Bloqueo da N-634 na tractorada de Teixeiro

Multas da Guardia Civil a parte dos tractores e un incidente co conductor dun automóbil paralizan o tráfico un par de horas. O sector insiste na urxencia da revalorización do leite

A tractorada de Curtis – Teixeiro, que marchou entre as dúas vilas con arredor de 500 máquinas participantes, amosou de novo o respaldo dos gandeiros á demanda base de organizacións agrarias e cooperativas: a suba de prezos do leite no campo. A protesta de Teixeiro, igual que as outras 7 celebradas en cabeceiras comarcais este mes, partía co único obxectivo de facer un percorrido co tractor que concluiría cunha marcha a pé, pero incidentes alleos á organización alteraron o programa.

Saída dos últimos tractores de Teixeiro cara Curtis sobre as 11.30 horas

Os problemas comezaron con multas impostas pola Guardia Civil a parte dos participantes, por entender que estaban a paralizar o tráfico. Esa situación levou a algúns dos tractores a facer un plante. Fontes do sector aseguran que parte das multas foron presumiblemente retiradas, pero outras non. Con todo, o incidente que máis retrasou a marcha foi o que protagonizou un automobilista descontento coa protesta, que atravesou o seu veículo na estrada entre apelacións a Tejero, segundo explicaron os propios gandeiros.

Os incidentes, que incluiron tamén o baleirado de cisternas de leite en Curtis, levaron en total a un bloqueo da Nacional 634 durante un par de horas, ata que os tractores foron reanudando a marcha e chegaron pasadas as tres da tarde a Teixeiro, onde se deu lectura ó manifesto final nun acto ante a casa consistorial.

Valoracións
As distintas organizacións agrarias participantes no acto coincidiron en demandar de Medio Rural e do Ministerio o impulso a un acordo para revalorizar o prezo do leite no campo. Á mesma hora da protesta, comparecía o secretario de Agricultura do Ministerio en Compostela, Carlos Cabanas, que reiterou o xa anunciado tras a reunión do pasado 18 de agosto. O Ministerio traballa en medidas a medio prazo pero nega a posibilidade de acordos a curto prazo.

Agricultura reiterou hoxe o anunciado o 18 de agosto. Dá por seguros acordos a medio prazo, pero non a curto

O sector, pola súa parte, advertiu da necesidade dunha urxente actuación dos gobernos para correxir o estado das cousas. A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, considerou un “abuso” a situación dos gandeiros que están a vender a perdas, un problema, dixo, que debería perseguir a Ley de la Competencia.

En relación ás declaracións da conselleira e da ministra, que consideran ilegal o impulso a un acordo entre as partes, Roberto García, de Unións Agrarias rexeitou que as esixencias do sector fosen ilegais. “Ilegal é que os gandeiros cobren 18 céntimos polo leite ou que haxa industrias que están a pagar a 130 días. A Xunta debe deixar de estorbar e de andar enredando e supervisar un acordo”, demandou.

No mesmo sentido se expresou Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga). “As declaracións da conselleira negando a posibilidade dun acordo só demostran a súa incapacidade” -valorou Somoza-. “Se non quere facer un acordo á francesa, que faga un acordo á galega”, pediulle. “Antigamente, cando se negociaban prezos en Galiza, tomábase como referencia o prezo francés máis 3-4 céntimos de custos loxísticos de transporte. Sería bo que seguise estes criterios para impulsar un pacto a nivel galego”, valorou Somoza.

O acto contou tamén coa presenza de alcaldes da comarca e de deputados no Parlamento galego (Francisco Jorquera e Tareixa Paz polo Bloque) e en Bruxelas (Lidia Senra, por Age).

image_print

3 ideas sobre “Bloqueo da N-634 na tractorada de Teixeiro

  1. jose

    aqui multan os gandeiros,en francia os gendarmes non ven tirar os nosos productos.Esto e unha risa ou mexan por nos!

    Contestar
  2. Bito

    Xa está ben de tragar con todo ho!!! Vista a incompetencia de Ministerio e Consellería, que decidiron alinearse claramente do lado da Industria e Distribución, permitíndolles toda clase de abusos e atropellos, non nos queda outra que sairmos todos xuntos á rúa en Lugo e Santiago. E cando digo todos refírome a todos: cooperativas, empresas de servizos, camioneros, podólogos, veterinarios, montadores de sistemas de muxido, controladores, comerciais do sector, tratantes e todo o comercio das vilas galegas que viven do leite (que de Ribadeo a Chantada e de Ortegal a Lalín…son todas) A terceira Revolta Irmandiña está en marcha!!!!

    Contestar
  3. bito

    Podería confirmar alguén da Plataforma se o alcalde de Curtis manipulou o manifesto unitario? De ser certo sería gravísimo e debería saber-se.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información