Ben Andersen2

Ben Andersen, un gandeiro exitoso de EEUU que se pasou aos cruzamentos

Seagull Bay é unha das máis afamadas granxas americanas en xenética holstein, que exporta a todo o mundo, pero Ben decidiu poñer a funcionar á marxe da explotación familiar un novo proxecto con 1.800 vacas Procross, valorando a súa maior lonxevidade, eficiencia reprodutiva e rendibilidade

A explotación Andersen Dairy, situada en Declo, no estado de Idaho.

A explotación Andersen Dairy, situada en Declo, no estado de Idaho

Alan Andersen e a súa muller Norma comezaron a producir leite en 1980 cun cento de vacas frisonas, algunhas mercadas a Lyle, o pai de Alan. Case catro décadas despois a súa granxa, Seagull Bay Dairy, é unha das referencias en xenética holstein nos Estados Unidos.

Andersen Dairy4

Vacas procross en produción na granxa de Ben Andersen en Declo

Pero cando Greg e Ben Andersen, dous dos fillos de Alan e Norma, se incorporaron á gandería, decidiron facer cambios buscando un gando máis eficiente e diferenciado, tanto para producir leite como para producir xenética. “A xenómica vai moi rápida hoxe en día, hai moita especialización, fai anos un gandeiro podía ser produtor de xenética e de leite ao mesmo tempo, cos mesmos animais, hoxe non é posible. Hai que especializarse e unha vaca ou é produtora de xenética ou é produtora de leite, as dúas cousas xuntas non son posibles”, argumenta Ben.

E para producir leite optou por non seguir coas súas vacas frisonas de élite, senón que apostou por cruzar os seus mellores animais holstein con outras razas como a roja sueca ou a montbeliarde. Hoxe Ben é un gandeiro exitoso de EEUU que está usando o sistema Procross de cruzamentos.

O seu pai comezou muxindo 100 vacas frisonas en 1980

Cando Ben saíu da Universidade no 2002 e se incorporou á granxa familiar, producían unha media de 40 litros diarios por vaca pero “era todo volume, nada de sólidos”, recoñece. A taxa de reposición era superior ao 40% e a fertilidade rondaba só o 25%. “Non tiñamos novillas suficientes e tiñamos que mercar”, lembra.

No 2003 mercaron unhas frisonas cruzadas con jersey e o seu pai e o seu irmán foron a California a ver cruces con montbeliarde e comezaron a cruzar as súas vacas holstein puras. “Cando vimos que o montbeliard funcionaba ben decidimos parar cos cruces de jersey, porque tiñan máis células somáticas, maior diferenza de tamaño e menos valor dos machos á hora de vendelos”, explica.

Dous establos diferenciados, un para producir leite e outro para producir xenética

Shauna, mellor vaca 2015 nos Estados Unidos

Shauna, mellor vaca 2015 nos EEUU

No 2005 deciden crear dúas granxas diferenciadas, unha para seguir producindo xenética coas súas vacas holstein puras e outra para producir leite cos cruces de frisona con montbeliarde. É así como nace Andersen Dairy en Declo, a 50 quilómetros de distancia do lugar onde se atopa a explotación orixinaria.

O pai de Ben, Alan, e o seu irmán Greg, son os que seguen xestionando hoxe Seagull Bay, centrada na produción de xenética holstein. Contan na actualidade con 650 vacas, todas enfocadas cara á selección xenética. O seu interese en seguir coa liña holstein pura vai enfocado exclusivamente a vender xenética a outras granxas a través da empresa Winstar Genetics, da que son socios, e que implanta cada mes 450 embrións.

O rabaño holstein está enfocado exclusivamente á produción de xenética para vender a outras granxas

É un negocio que tamén dá beneficios. Unha vaca desta gandería, Shauna, foi galardoada como vaca do ano 2015 e é nai de touros moi famosos, como Shupersire ou Silver. Shauna ten agora 11 anos e está a pastoreo pero segue a ser un dos emblemas de Seagull Bay. Na actualidade dous dos mellores touros de Winstar Genetics, a empresa de xenética da familia Andersen, son Duluth e Meridian.

1.800 vacas procross producindo leite

Andersen Dairy5

Ben conta con 2.900 cabezas procross entre vacas en produción e recría

Do outro establo, o adicado á produción de leite, encárgase Ben. “O meu pai e o meu irmán producen xenética hosltein e eu estou centrado na produción de leite, con 1.800 vacas e 1.100 xovencas”, explica.

No 2008 en Andersen Diary estaban xa ao 100% de vacas cruzadas. No 2011 lograran xa invertir a falta de reemprazo da granxa e comezaron a poñer seme de carne ao sobrarlles recría.

Pero máis gandeiros nos EEUU decidiron seguir os pasos de Ben e pedíanlle xovencas, así que decidiu non poñer máis touros de carne e inseminar con cruces sucesivos de holstein, montbeliarde e roja sueca a todas as vacas para comezar a vender o excedente de xatas preñadas procross da granxa.

Mandou por exemplo dous camións para Míchigan no 2013, un estado que se atopa a máis de 2.000 quilómetros de distancia, a outra explotación que está tamén xa ao 100% en procross. Hoxe, 6 anos despois, hai aínda 8 desas 84 vacas procendentes de Idaho, producindo leite na granxa de Míchigan. “En EEUU hai máis demanda de xovencas procross que animais hai a día de hoxe no mercado”, conta.

Ben defende os beneficios destes animais trihibridos para a produción de leite. “Fai 15 anos pensaba que ía sacrificar producción para gañar saúde e benestar animal, pero 15 anos despois non perdín producción, porque teño a mesma produción de sólidos leiteiros, e gañei en sanidade e fertilidade. A suma de todos eses factores xuntos afecta de xeito moi positivo á rendibilidade da miña explotación”, afirma. De feito, o lema de Andersen Dairy é Efficient production from a healthy herd  (Produción eficiente dun rabaño san).

Maior lonxevidade e menor mortinatalidade

recriaA mellora no eido da saúde das súas vacas foi considerable coa introdución dos cruzamentos, di. “A reposición estaba no 40% e agora estamos no 28% e queremos seguir baixando até o 25%”, conta. Problemas como os desprazamentos de abomaso desapareceron, cando fai 15 anos afectaban ao 3,5% das vacas da granxa.

Pero ademais de incrementar a lonxevidade das súas vacas, Ben mellorou tamén moito en fertilidade. “O incremento na taxa de preñez foi espectacular, pasamos do 12-16% até o 40% actual, grazas tamén a introducir programas de sincronización”, engade.

Fai 3 anos comezou a compararse cun grupo de gandeiros con granxas de 1.000 até 15.000 vacas, que comezaron a intercambiar datos entre eles. “Vin que tiñan programas de sincronización de reprodución e en só dous anos logrei subir un 15% a taxa de preñez”, explica.

Coa introdución do sistema Procross de cruzamentos reduciron a taxa de reemprazo do 40% ao 28%

A introdución no 2016 deste programa de sincronización previa na granxa mellorou de xeito notable a taxa de preñez nos dous rabaños, pero a tasa de fertilidade é un 10% máis baixa nas frisonas puras. Ademais, Ben teme que o uso de protocolos de sincronización poida chegar a prohibirse nalgún momento nos EEUU, polo que os animais cruzados aportan maior seguridade neste aspecto esencial para a rendibilidade dunha explotación.

Na granxa de Ben, con 230 días de lactación están preñadas o 95% das vacas. Nas xovencas fan tres intentos con seme sexado antes de optar por un touro cárnico, mentres que o 75% das vacas adultas son inseminadas directamente con seme de carne.

A morte de becerras neonatas reduciuse a menos da metade

“Busco nas tres razas na selección dos touros en primeiro lugar producción e logo lonxevidade”, conta Ben. Di que as vacas resultantes do seu programa de cruzamentos son máis funcionais e resistentes. “Os ubres das procross son máis funcionais, non é necesario sacrificar producción para obter bos ubres”, argumenta. E aporta un dato: “só o 1,9% das vacas deixa o establo con menos de 60 días en leite”, conta.

Outro dos aspectos nos que se notou o vigor híbrido foi na recría. “Ao cruzar a vitalidade das tenreiras é impresionante, pasamos dun 10% de mortinatalidade ao 3,6% actual”. Introduciron tamén melloras no manexo dos neonatos, con vixiancia de partos as 24 horas, pero a facilidade de parto que aportan os cruzamentos reduce a necesidade de asistencia, asegura Ben.

Menos inxesta de materia seca

Nas fincas a carón da granxa producen varias colleitas de alfalfa na primavera e verán

Dispoñen de 324 hectáreas de terreo, onde producen varias colleitas de alfalfa na primavera e no verán

Idaho está na parte oeste de EEUU, é unha zona moi fría en inverno, con moita neve, pero con varias producións de alfalfa na primavera e no verán. Contan con 324 hectáreas de terreo en propiedade pero aínda así teñen que mercar o 80% dos insumos alimenticios da explotación. “Compramos a maior parte do alimento. O sistema funcionounos ben durante anos, mercando produtos como millo ou soia noutros estados do oeste dos EEUU, pero estamos preocupados pola volatilidade dos mercados de materias primas”, recoñece.

Ben estudou o comportamento alimenticio das súas vacas cruzadas en relación ao rabaño holstein puro e logrou datos reveladores: “dous kilos menos de inxesta de materia seca nas procross a respecto das holstein, 23,7 quilos fronte a 25,7”, resume.

Non é un tema menor se temos en conta que en Andersen Dairy xogan con marxes moi pequenas sobre o prezo de venda do leite a respecto dos custos de produción. Páganlle o leite a 0,15 dólares a libra de leite (1 libra equivale a 0,45 kilos). Ao cambio resultaría un prezo base duns 29 céntimos de euro o litro.

Vista aérea de Andersen Dairy en Idaho

Vista aérea de Andersen Dairy en Idaho

“O custo de produción que temos é similar ao prezo base de venda do leite, polo que neste momento o que estariamos gañando son uns 2 céntimos por litro correspondentes co valor da graxa e a proteína”, explica Ben. No mes de xuño deste ano, cunha media de 38,5 quilos de leite por vaca e día, o nivel de graxa era do 4,1% e o de proteína de 3,2% nesta granxa dos Estados Unidos.

Moxen as 1.800 vacas que teñen en produción nunha sala rotativa que leva funcionando desde fai dous anos e medio e o límite para os descartes está situado nos 25 litros. “Cando unha vaca baixa dos 25 litros ao día mándoa ao matadoiro”, indica.

“Orgulloso” de ser gandeiro

Ben Andersen coa súa muller e os seus fillos

Ben Andersen coa súa muller Robbie e os seus fillos

Ben acudiu este verán a un encontro con gandeiros de toda Europa celebrado en Holanda, ao que tamén acudiron gandeiros galegos, para contar a súa experiencia e o seu xeito de traballar. “Para min é fantástico ser gandeiro, estou orgulloso”, asegurou. E responsabilizou dunha parte importante da súa felicidade ao feito de terse decidido polos cruzamentos fai xa 15 anos.

“Para o meu irmán e o meu pai o problema da consanguinidade é un drama na súa granxa. Nas miñas procross non me preocupa, para min non é un problema. Cando facemos mellora xenética queremos os mellores animais e seleccionamos os mellores xens, pero ao estalos multiplicando con iso multiplicamos tamén os problemas de consanguinidade”, di.

“Para o meu irmán e o meu pai o problema da consanguinidade é un drama na súa granxa holstein, a min non me preocupa, nas miñas procross non é un problema”

“Nós temos menos vacas abertas, menos tenreiros e vacas mortas e iso é menos estrés para un gandeiro”, engade. “Así teño máis tempo para atender á miña familia”, afirma sorrindo mentres ensina unha foto xunto á súa muller e os seus 9 fillos. “Teño boa fertilidade na miña gandería e tamén na miña familia”, bromea. “A miña familia está encantada co que facemos porque temos máis calidade de vida, esa é a diferenza”, conclúe.