Base territorial, calidade nas forraxes e proximidade á industria: claves para o futuro das ganderías de leite

Resumo da mesa redonda "Explotacións de vacún de leite: eficiencia, sustentabilidade e futuro" dentro da I Xornada Técnico Económica ?Explotacións Lácteas Galegas: Visión 2025?, organizada este mércores en Santiago por Clun.

Base territorial, calidade nas forraxes e proximidade á industria: claves para o futuro das ganderías de leite

Participantes na mesa redonda organizada por Clun.

Cales son as claves para que as explotacións de vacún de leite poidan ser competitivas de aquí ao ano 2025? Para responder a esta pregunta Clun, a cooperativa de segundo grao nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, reuniu este mércores en Santiago a catro expertos do sector, -representantes sobre todo dun modelo altamente intensivo, non maioritario en Galicia e a Cornixa-, dentro da súa Xornada Técnico Económica “Explotacións Lácteas Galegas: Visión 2025”.

E cincoo serían as claves xerais para que as ganderías de vacún de leite poidan ser un negocio rendible nun mercado desregulado no que os prezos do leite e das materias primas seguirán sufrindo importantes oscilacións:

-Incrementar a base territorial para aumentar o autoabastecemento de forraxes, prestando maior atención á calidade dos mesmos.

-Mellorar na eficiencia produtiva e reprodutiva.

-Proximidade á industria láctea transformadora.

-Seguir crecendo en número de cabezas de gando dentro dunha estratexia planificada e adaptada ao modelo produtivo de cada gandería.

-Non sobreendebedarse e crear un fondo de reserva para as épocas de baixos prezos do leite e/ou de encarecemento das materias primas.

Na mesa redonda, moderada por Ángel Revilla, veterinario e responsable da área de vacún de leite do laboratorio MSD, participaron José María Pont, veterinario e propietario de Granxa San José (Huesca), que coas súas 3.500 vacas é un referente en explotacións en intensivo en España; José Carlos Vega, presidente de Fefriga e propietario de Gandería Casa Reigada, en Lugo; Juan José Vizuet, veterinario e director de Alpavet, unha empresa que presta servizos a granxas intensivas de Talavera de la Reina, e Benigno Fernández Fano, veterinario e autor do estudo “O sector produtor de leite en Asturias, un achegamento nas súas cifras”.

A continuación ofrecemos un resumo dos principais puntos que trataron os participantes na mesa redonda:

Canto custa producir o leite en España?

A situación de custos de produción é bastante dispar segundo as distintas ganderías. Así, José Carlos Vega, presidente de Fefriga e propietario de Gandería Casa Reigada, en Lugo, asegurou que “o noso custo de produción por litro é de 0,257 euros, dos que 0,18 corresponden a alimentación e o resto a man de obra, amortizacións…etc”.

No caso das ganderías intensivas de vacún de leite que asesora Juan José Vizuet en Toledo “o custo de produción é de 0,315 euros por litro, dos que 0,215 son custos de alimentación, pero incluíndo o custo das xovencas”.

José María Pont, de Gran San José, recoñeceu que “o noso custo de produción está nos 315 euros por tonelada -0,315 euros por litro-, dos que 195 euros corresponden ao custo de alimentación con recría”.

“Os custos de produción varían entre os 0,257 euros dunha granxa galega e os 0,315 euros das máis intensivas”

Nos tres casos o custo da man de obra é similar: ao redor de 30 euros por tonelada de leite producido. Móstrase, por tanto, como un factor crave para lograr baixos custos de produción a autosuficiencia de forraxes a baixo custo e o baixo nivel de endebedamento.

Son as granxas grandes as máis viables economicamente?

O tamaño importa sobre todo para mellorar a calidade de vida dos gandeiros, abrindo a posibilidade de contratar persoal asalariado e dispoñer de máis tempo libre. Tamén para diluír custos fixos, aínda que sempre depende do modelo produtivo e da situación de endebedamento de cada explotación.

No caso de Juan José Vizuet a súa previsión é que “se manteña a tendencia actual: desaparecen as explotacións pequenas e mantéñense as que aumentan produción, aínda que é certo que algunha grande pode tamén desaparecer se está moi endebedada”. “Granxas con 500 vacas sería un bo modelo para competir no futuro”, subliñou.

Con todo, para Benigno Fernández Fano “o tamaño importa, pero relativamente, e penso que é máis importante o modelo produtivo”. “Cunha produción de entre 250 e 300.000 litros por UTA pode ser viable unha explotación gandeira no futuro, e se conta con forraxes propias e un custo de concentrado por litro adecuado sufrirá menos as oscilacións do mercado”, subliñou.

 Benigno Fernández Fano: “Máis importante que o tamaño é a eficiencia no modelo produtivo”

Para José María Pont, de Granxa San José, unha gandería con 3.500 cabezas, “o leite é unha commoditie, cuxo prezo non está regulado, e vana a producir os gandeiros que sexan máis eficientes”. Neste sentido, a súa previsión é que se incrementará o tamaño das ganderías cada vez máis e que se manterán no mercado “aquelas que medren en base territorial e en produción de forraxes de calidade, que saiban que facer cos xurros e estercos, que teñan unha xestión coherente do persoal asalariado e que estean próximas á industria láctea”. “Medrar debe ser un obxectivo se queremos permanecer no mercado e reducir custos”, subliñou este gandeiro, representante do modelo máis intensivo de España.

A importancia de dispoñer da base territorial e que estea próxima á explotación

Dispoñer de base territorial preto da explotación, ser autosuficiente na produción de forraxes e traballar moito en mellorar a calidade dos mesmos para evitar as perdas (ata máis dun 20% en moitos casos) foi outra das conclusións dos participantes na mesa redonda.

“Producimos as nosas propias forraxes en parcelas preto da granxa, porque non hai que esquecer que o 70% dos mesmo é auga, e iso supón un importante gasto de transporte”, subliñou o propietario de Granja San José, para quen o principal reto para os próximos anos en España “é producir forraxes de calidade”.

Benigno Fernández Fano ofreceu un dato da situación en Asturias, que é extrapolable a Galicia e ao resto da Cornixa Cantábrica: das 54.600 hectáreas que utilizan as ganderías de vacún de leite no Principado soamente o 28% son en propiedade e o resto son principalmente arrendamentos en precario. “Iso limita moito realizar planificación na explotación e as administracións non fomos capaces de resolver o problema do acceso á terra”, recoñeceu.

Pola súa banda, Juan José Vizuet, explicou que nas granxas intensivas do sur da Comunidade de Madrid “o grao de autosuficiencia na produción de forraxes vai desde o 100%, ata o 50 ou o 0%, dependendo da dispoñibilidade de terra da explotación e da súa aptitude para producir forraxes”. “Intento que o que faga forraxe fágao ben e maximizar a calidade da forraxe”, subliñou.

As explotacións profesionais realizan xestión técnico económica e saben canto gañan a final de mes:

A situación entre os relatores varía desde José Carlos Vega, que realiza mediante un Excel un control mensual da tesourería e unha conta anual de resultados; a Juan José Vizuet, que recoñeceu que “das 60 granxas coas que traballamos, só o 30% realiza xestión técnico económica e coñecen mensualmente o beneficio da explotación”. Isto require apuntar todos os días as vacas que se moxen, os litros que se producen, o custo da alimentación e ter calibrada a ración unifeed.

A situación óptima é a da gandería San José, que mantén actualizadas tres follas de cálculo: unha de carácter técnico (produción, baixas, alimentación…etc), outras de carácter técnico económico, para coñecer a marxe bruta mensual e un peche de contabilidade mensual. “Trátase de controlar moi ben o que entra e sae da explotación. E para iso é imprescindible a sinxeleza”, subliñou José María Pont.

Pola súa banda, Benigno Fernández Fano, recoñeceu que “un problema xeneralizado da gandería de vacún de leite en España é a falta de xestión técnico económica pola falta de datos e debido a que os programas de xestión son complexos para o gandeiro”.

Canto supón a venda de leite nos ingresos da explotación?

A situación varía lixeiramente, aínda que se sitúa en torno ao 90% dos ingresos dunha explotación. Así no caso da gandería do gandeiro galego José Carlos Vega, con 200 vacas en muxido, o 89% dos seus ingresos procede da venda de leite, situándose a PAC no segundo posto.

No caso das explotacións de Toledo que asesora Juan José Vizuet a media sitúase no 90% de ingresos por venda de leite e a PAC supón un 3% dos ingresos. Nas explotacións aínda máis intensivas, caso de Granxa San José, a venda de leite supón un 93% dos ingresos, a PAC un 4,5% e o resto é por venda de tenreiros e de vacas para o matadoiro.

Granja San José: “É clave a proximidade á industria láctea”

Con todo, canto máis se reduce o tamaño da gandería máis aumenta o peso das axudas da PAC. Polo menos é a conclusión do estudo realizado en Asturias por Benigno Fernández Fano: “En 2015 o 82% dos ingresos das explotacións asturianas estudadas correspondeu a venda de leite e un 10,5% ás axudas do primeiro alicerce da PAC”, é dicir, dereitos de pago básico e axudas axustadas, entre outras. “Son 5,5 pesetas por litro de leite para as explotacións que producen máis dun millón de quilos e 17,5 pesetas por litro para as que producen menos de 100.000 quilos”, precisou Benigno Fernández Fano.

Neste sentido, o veterinario asturiano advertiu das incertezas que se albiscan sobre as futuras axudas da PAC, polo que considerou clave que as explotacións conten cun fondo de reserva e realicen xestión técnico económica.

Debate sobre a macrogranxa de Soria

O acto congregou a uns mil profesionais do sector.

O acto congregou a uns mil profesionais do sector.

O debate da macrogranxa de 20.000 vacas que está previsto construír en Soria foi un dos temas que preocuparon aos gandeiros participantes na xornada técnica de Clun, e así llo fixeron chegar aos participantes na mesa redonda.

Neste sentido, Juan José Vizuet precisou que “son 8.000 vacas en muxido, e 20.000 é o número total do rabaño”. “Non me parece nin ben nin mal, mentres cumpran a lexislación sanitaria e ambiental do mesmo xeito que o resto de gandeiros deben poder montar o seu negocio”, asegurou.

Unha opinión compartida desde Asturias por Benigno Fernández Fano, quen con todo advertiu de que “coas fortes amortizacións que van ter afrontar, e a volatilidade do mercado, tanto no prezo do leite como das materias primas, esixe que os promotores desta granxa estean moi seguros e van ter que suar a camiseta de verdade”.

José María Pont, de Granja San José, unha gandería cunhas 3.500 cabezas de gando, prognosticou que “estas macrogranxas, queirámolo ou non, van montar, e é mellor que o fagan en España que en Polonia ou en Hungría e logo metan en España os seus queixos a baixo prezo”.

“Estamos nun mercado libre do leite e a industria vai comprar aos gandeiros que produzan o leite con máis calidade e máis barato. E se queremos ser competitivos dentro de 30 ou 40 anos deberiamos ir cambiando a mentalidade”, asegurou José María Pont.

Por último, todos os relatores coincidiron na necesidade de proxectos industriais en Galicia que transformen o leite e expórtena fose de España en produtos de valor engadido.

O director xerente de Feiraco subliña que o mercado do leite galego está fóra de España

Neste sentido, José Luis Antuña, director xeral de Feiraco subliñou durante o acto de clausura da xornada de Clun que “temos que buscar mercados exteriores para o leite galego que retribúan mellor o noso produto que as marcas de distribución en España”.

“O pasado ano o 3,5% dos fogares españois deixaron de consumir leite, pero no resto do mundo o consumo está a crecer por encima do 1,5% ao ano e aí está o noso mercado”, asegurou.

“Non podemos ser competitivos enviando cisternas ao resto de España”

Para iso, José Luis Antuña considerou clave que Galicia se dote dunha estrutura industrial para transformar o leite en produtos de valor engadido que poidan ser exportados. “Non podemos ser competitivos se seguimos enviando cisternas de leite ao resto de España”, advertiu.

Como exemplo da necesidade de exportar, concluíu que Feiraco prevé pechar o 2017 vendendo o 10% do seu leite fóra de España.

“Empezamos Clun con atraso con respecto ao resto de Europa, onde cooperativas como Sodiaal, Frieslan Campina ou Arla Foods levan case 30 anos transformando e vendendo no exterior o leite dos seus gandeiros”, recoñeceu José Luis Antuña.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información