INLAC_CAMPAÑA_LACTEOS_STANDAR

Balance de actividade da Interprofesional Láctea

As exportacións do sector lácteo español aumentaron no últimos cinco anos un 47% e as importacións rexistraron un descenso do 3%, segundo os datos de Inlac

A Interprofesional Láctea (Inlac), un organismo que aglutina a gandeiros e industrias, emitiu unha nota para facer balance da súa actividade nos últimos anos, marcada principalmente polas accións para fomentar o consumo de leite e produtos lácteos

Entre as campañas máis recentes promovidas por Inlac destacan ‘Di que si al menos a 3 lácteos al día’, o proxecto ‘Es Queso’ e a celebración do Día Mundial dos Lácteos na Escola. Ademais, a Interprofesional, como eixo vertebrador do sector lácteo español, lidera outros proxectos de relevancia para os seus asociados, como a revisión dos índices de referenciación de prezos ou a creación dun Grupo de Traballo, formado por expertos técnicos sectoriais, que está a desenvolver unha Guía de Boas Prácticas no uso de Antibióticos e temas relativos a benestar animal.

Promoción e comunicación de Inlac
A campaña ‘Di que sí al menos a 3 lácteos al día’ ocupou unha parte fundamental da actividade da Interprofesional durante o último ano. O programa, cofinanciado coa Unión Europea, xerou máis de 300 aparicións en medios de comunicación e un impacto sobre a audiencia superior aos 99 millóns, ademais dunha campaña de publicidade con 20 insercións en revistas semanais, de familia, deportes, cociña e saúde. Forman parte deste proxecto os Encontros Saudables entre cidadáns e expertos, como os celebrados recentemente en Málaga, Santiago de Compostela e Valencia, así como relatorios en congresos médicos.

Nesta materia, outro dos principais proxectos que lidera Inlac é ‘Es Queso’, cuxo obxectivo é comunicar a calidade e a variedade dos queixos nacionais. Entre outras actividades englobadas neste proxecto, destaca o magazine dixital ‘Es Queso’, que recolle toda a actualidade do sector, así como eventos en diferentes cidades e un recomendador chamado ‘La Quesoteca’ para que calquera usuario poida saber o queixo que podería satisfacer as súas necesidades en cada ocasión.

Desde o ano 2015, Inlac conmemora en España o Día Mundial dos Lácteos na Escola, co que a Interprofesional lembra os beneficios do consumo de lácteos nos nenos en idade escolar e como a súa presenza nos menús escolares pode converterse nunha boa estratexia para chegar a ese tres lácteos ao día. Na última edición de 2017, o acto estivo centrado na especial vinculación entre avós e netos e a importancia de recuperar os hábitos saudables dos nosos maiores.

Información e transparencia: estabilidade sectorial
Inlac, como eixo vertebrador do sector lácteo español e cohesionador dos intereses de todos os membros da cadea, traballa en diferentes proxectos orientados á estabilidade sectorial, como SILAC, a plataforma de referencia na información do sector ou o sistema de información do Comercio Exterior do Sector Lácteo, Sice-Lact, que recolle datos estatísticos sobre a evolución do mercado exterior.

Sice-Lact pon de manifesto como as exportacións do sector lácteo español, en volume, aumentaron no últimos cinco anos nun 47%, pasando dos 1,2 millóns de toneladas equivalentes en leite a 1,8; o que representa un aumento do valor do 43%. Cabe destacar o comportamento dos queixos, cuxas exportacións en toneladas equivalentes creceron nun 77% neste mesmo período. Isto é un valor record. Doutra banda, as importacións, en leite equivalente, rexistraron un lixeiro retroceso de aproximadamente un 3%, tanto en volume como en valor.

Ademais, tras varios anos de funcionamento e co obxectivo de potenciar a súa utilización, Inlac está a revisar os índices de referenciación de ovino e de vacún, traballo que está a ser levado a cabo pola Universidade de Valladolid e a Universidade de Santiago de Compostela. Recentemente, a Interprofesional tamén traballou na terceira homologación do contrato para a subministración de leite cru de vaca aplicable a gandeiros con código REGA.

Así mesmo, Inlac mantén unha intensa actividade nos seus Comités Consultivos de Ovino e de Caprino de Leite, e co Comité de Ligazón coa Distribución. Ademais, desde 2017, a Interprofesional puxo en marcha o Comité de Promoción e Comunicación, integrado por expertos das diferentes organizacións de Inlac, así como un Grupo de Traballo, formado por expertos técnicos sectoriais, que está a desenvolver unha Guía de Boas Prácticas para o uso de antibióticos e temas relativos a benestar animal. Está a traballarse nun Acordo Voluntario para o Uso Prudente de Antibióticos en Bovino Leiteiro, coa Axencia Española do Medicamento.

Proxectos de I+D+i
O Plan Estratéxico de InLac contempla o I+D+i como unha liña de acción prioritaria. Neste campo, a Interprofesional mantén reunións periódicas dentro do Grupo de Traballo de Lácteos de Food For Life, de FIAB. Ademais, creouse en 2017 un Grupo Operativo para a definición do proxecto ‘Identificación e cuantificación de compoñentes lácteos empregados na fabricación dos queixos de mestura’.

Intensa axenda institucional
Co fin de trasladarlle aos decisores políticos os problemas que incumben ao sector lácteo, Inlac promove un plan de relacións institucionais coa Administración nacional, autonómica e con distintos partidos políticos, que se iniciou en 2016 e continuou ao longo de 2017. Celebráronse reunións coa ministra García Tejerina e responsables do seu ministerio, coas conselleiras de Agricultura da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias e con membros das comisións de Agricultura do Grupo Parlamentario Socialista, do Grupo Parlamentario de Cidadáns e do Grupo Parlamentario Popular, así como coa eurodeputada Clara Aguilera.

O sector lácteo español
O sector lácteo é estratéxico no ámbito agroalimentario español pola súa relevancia económica e a súa contribución ao desenvolvemento e á fixación da poboación rural. De todos os subsectores gandeiros, o lácteo é o segundo en importancia por detrás do porcino. Toda a cadea de produción e transformación láctea xera en España máis de 11.820 millóns de euros ao ano e dá emprego a preto de 80.000 persoas, ademais de favorecer unha importante actividade económica en varios sectores, entre eles o loxístico.

Sobre InLac
InLac é a interprofesional que engloba a todo o sector lácteo, cuxos membros representan tanto á rama de produción -ASAJA, COAG, UPA e Cooperativas Agro-Alimentarias de España- como á rama transformadora -FENIL e Cooperativas Agro-Alimentarias de España-. InLac é o instrumento vertebrador do sector lácteo cuxa misión é representar os intereses comúns da cadea do sector lácteo de vaca, ovella e cabra; mediante o deseño, o acordo e a implantación de medidas vinculantes dirixidas cara á súa vertebración e estabilidade sectorial.