“Baixo Jetset Silly é un dos mellores animais de España e ímoslle sacar partido”

“Baixo Jetset Silly é un dos mellores animais de España e ímoslle sacar partido”

Adrián López Díaz, no centro, xunto co seu irmán, posando con Baixo Jetset Silly

O mellor animal Holstein de España, Baixo Jetset Silly, unha xovenca da gandería Baixo Holstein de Sarria, foi vendido esta mañá na II Poxa de Gando Frisón de Élite de Curtis por 10.300 euros á gandería Pena Guisande SC, do concello lucense de O Páramo.

Baixo Jetset Silly é número un de España en becerras xenómicas de menos de 18 meses na clasificación de Conafe do pasado mes de xaneiro, con 4.781 puntos GICO. Ademais de ser produtora de leite A2A2, esta xovenca leva consigo dous contratos de embrións e un de macho con Xenética Fontao.

Falamos con Adrián López Díaz, un dos fillos da gandería Pena Guisanse SC, de O Páramo, Lugo, para saber por que decidiron apostar por este animal:

¿Como é a vosa gandería?
Somos unha gandería familiar con 230 cabezas, das que 123 son vacas en muxido. Temos un ICO de 2200 puntos e unha produción media 38 litros por vaca e día, cunhas calidades medias de 3,85 de graxa e 3,35 de proteína.

¿Que valorastes de Baixo Jetset Silly para apostar tan decididamente por ela na poxa?
Viñemos a propósito a mercala porque queríamos ter un dos mellores exemplares de toda España na nosa gandería. Valoramos a súa excelencia como animal e as súas características que ten.
Buscábamos mellora xenética en tipo, en produción, en calidades, en producir leite A2A2….en todo, e é algo que Baixo Jetset Silly nos vai aportar ao noso rabaño.

¿Pensabades pagar tanto?
Non tiñamos previsto pagar tanto non pero houbo que pagalo porque houbo tamén outros gandeiros profesionais que souberon ver que tamén era un investimento. Na mellora xenética considero necesario investir para ver resultados.

¿Cales son os vosos plans de futuro para este animal?
Cumprir os contratos cos que vai aparellada a súa compra: dous contratos de venda de embrións e un de venda de machos a Xenética Fontao. E por suposto, o noso obxectivo principal é mellorar a xenética na granxa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información